Nadezhda Krupskaia

Este é un artigo de calidade da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Наде́жда Кру́пская
Nadezhda Krúpskaia
Nome completoNadezhda Konstantínovna Krúpskaia
Nacemento14 de febreiroxul./ 26 de febreiro de 1869greg.[1]
Lugar de nacemento San Petersburgo, Imperio Ruso
Falecemento27 de febreiro de 1939 (70 anos)
Lugar de falecementoUnión Soviética Moscova, Unión Soviética
SoterradaNecrópole da muralla do Kremlin
Nacionalidaderusa
EtniaPobo ruso
Alma máterCursos Bestujev
OcupaciónRevolucionaria, pedagoga, institutriz, escritora
PaiKonstantin Krupsky
NaiElizaveta Krupskaya
CónxuxeVladimir Lenin
PremiosOrde de Lenin e Bandeira Vermella do Traballo
Na rede
IMDB: nm0472809 Musicbrainz: d3636616-ff40-4cee-9b85-06182645fad1 Discogs: 1627835 WikiTree: Krupskaya-1 Find a Grave: 8287320 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Nadezhda Konstantínovna Krúpskaia (en ruso: Наде́жда Константи́новна Кру́пская), nada en San Petersburgo o 14 de febreiroxul./ 26 de febreiro de 1869greg. e finada en Moscova o 27 de febreiro de 1939, máis coñecida como Nadia Krúpskaia, foi unha escritora, pedagoga e revolucionaria rusa, recoñecida figura do Partido Comunista da Unión Soviética. Foi unha das principais responsables da creación do sistema educativo soviético e pioneira do desenvolvemento das bibliotecas rusas. O seu esposo foi o revolucionario bolxevique Vladimir Ilich Ulianov, coñecido como Lenin.

Nada en San Petersburgo no seo dunha familia nobre empobrecida, a súa nai era institutriz e o seu pai, oficial do Exército con inclinacións políticas radicais.[2] Malia a penuria económica que sufriu a familia ao falecer o seu pai en 1883, logrou completar a súa educación nun prestixioso ximnasio feminino da capital rusa.[2] Permaneceu como profesora nesta institución ata 1891.[2] Convertida ao marxismo a comezos da década, ingresou no Grupo para a Loita pola Emancipación da Clase Obreira, onde coñeceu a Lenin en 1894.[2] Detida en agosto de 1896 como outros membros deste, en 1897 aceptou cumprir a súa condena de exilio interior xunto a Lenin en Siberia, para o que tivo que casar con el por imposición das autoridades rusas.[2] En abril de 1898, partiu a Siberia, onde se converteu en esposa e colaboradora de Lenin.[2]

Máis tarde pasou ao exilio en Europa occidental e converteuse en secretaria da publicación socialista Iskra e logo na do comité central do Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia.[2] No exilio escribiu algunhas obras sobre educación.[2]

Trala Revolución de Outubro, obtivo importantes cargos no Ministerio de Educación, presidido por Anatoli Lunacharski.[2] A partir de maio de 1922, con Lenin doente, reduciu o seu traballo no ministerio para atendelo.[2] Parte da oposición política a Stalin a mediados da década, finalmente uniuse a el na campaña contra a oposición interna do partido.[3] Mantívose como vicecomisaria de Educación entre 1919 e 1939 e como membro do comité central do partido entre 1927 e 1939, ano no que faleceu.[3]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orixe e infancia[editar | editar a fonte]

Naceu no seo dunha empobrecida familia da pequena nobreza Krupski, o 14 de febreiroxul./ 26 de febreiro de 1869greg. en San Petersburgo.[1][2][4][5] Era a filla única dun radical,[4] Konstantin Ignatievich Krupski e da súa esposa, Elizaveta Vasilevna Tristova, muller emancipada.[6] O seu pai, orixinario de Kazán, quedara orfo moi novo, con apenas nove anos, e o Estado encargouse da súa educación, enviándoo a unha escola militar[5] da capital rusa.[7] Tras graduarse como cadete, destináraselle en Polonia, onde participou no esmagamento do Levantamento de Xaneiro de 1863.[8] A continuación mandóuselle a estudar dereito á Academia Xurídico-Militar da capital; na urbe contraeu matrimonio e tivo a Nadezhda —en ruso, «Esperanza»— en 1869.[9] Tras graduarse na academia, ingresou na Administración do Estado e encomendóuselle a dun distrito do Tsarato de Polonia, Grojec.[9] As autoridades tsaristas desgustaranse polas medidas progresistas que aplicou e levárono a xuízo en 1874.[9] Condenado, foi expulsado da Administración Pública e, aínda que a apelación de 1880 anulou a sentenza, nunca recuperou o seu antigo posto.[10][2] A expulsión da carreira administrativa sumiu a familia na penuria económica.[10][2] En 1883, cando Krupskaia apenas contaba con catorce anos, Konstantin Ignatievich faleceu de tuberculose.[11] Elizaveta Vasilevna, nada en 1841, había ter unha mocidade similar á do seu marido: membro tamén da nobreza sen terra, quedara orfa de nai aos tres anos e de pai aos nove.[12] Recolleita xunto coa súa irmá máis vella —era a menor de nove irmáns— no Instituto Pavloski, unha moderna institución de ensino para raparigas nobres en situación de estreiteza económica, en 1858 graduouse como[2][5] institutriz.[12] Casada con Konstantin Ignatievich tras case unha década de traballar para distintas familiar podentes, compartía co seu marido o rexeitamento á autocracia imperial,[5] aínda que nunca pertenceu a círculos revolucionarios e era unha ortodoxa devota.[12]

Krupskaia en 1876, con sete anos. Tras uns primeiros anos de vida acomodada, a expulsión do seu pai da Administración Pública deu comezo a outros de continuos traslados familiares en busca de traballo.

Logo da condena de Konstantin Ignatievich en 1874, Krupskaia quedou a cargo da súa nai, que se puxo a traballar como institutriz, mentres aquel buscaba traballo pola súa conta.[11] Elizaveta Vasilevna encargouse así mesmo da educación da nena.[13] A expulsión de Konstantin Ignatievich da Administración pública cambiou radicalmente a infancia de Krupskaia: de vivir nunha contorna acomodada de clase media-alta pasou a partir de 1874 a unha situación de inseguridade económica e continuos traslados debidos á procura de traballo do seu pai.[1] Durante os cinco anos seguintes, apenas acudiu á escola e foi unha nena solitaria, sumida a miúdo na lectura.[14] Con once anos, coñeceu a unha moza mestra de dezaoito con inclinacións revolucionarias e que inspiraba gran respecto aos campesiños da zona: para Krupskaia converteuse nun modelo a seguir.[14]

Mocidade e primeiras actividades subversivas[editar | editar a fonte]

A finais de 1880, a familia instalouse finalmente en San Petersburgo e en setembro do ano seguinte Krupskaia ingresou nun ximnasio feminino, o Ximnasio Príncipe A. A. Obolenski, no que o ambiente favoreceu o desenvolvemento das súas aptitudes, ao contrario que nos dous anteriores, que abandonara pronto.[15] Estudou no ximnasio, con notas excelentes,[4] ata 1887 e logo permaneceu nel ata 1891 como profesora suplente.[16] Realizou ademais o ano opcional que a capacitaba como mestra.[17]

A morte do pai en 1883 fixo que Krupskaia e a súa nai tivesen que dedicarse a impartir clases particulares e realizar algún traballo de oficina para gañarse o sustento, pero entre as dúas conseguían suficientes ingresos para levar unha vida relativamente acomodada de clase media, que gozaron durante unha década.[17] Entre os catorce e os vinte anos, sentiuse parcialmente atraída —como unha sección considerable da súa xeración e clase social— polo movemento tolstoiano, especialmente polo seu rexeitamento á riqueza, pietismo relixioso e o seu ascetismo, que Krupskaia adoptou, aínda que non polo pacifismo, a hostilidade á tecnoloxía ou á emancipación da muller, que Tolstoi rexeitaba.[18]

No outono de 1889, ingresou nos cursos de Bestuzhev da capital, os primeiros que permitían ás mulleres rusas obter formación de grao universitario, matriculándose en física e matemáticas, á vez que asistía tamén a conferencias de historia.[19] Desilusionada polo teórico das materias malia a excelencia do ensino, abandonou as clases a comezos do ano seguinte.[20] Ingresou entón nos círculos revolucionarios de intelectuais que estaban rexurdindo na capital trala represión policial da década anterior.[20][5] Estas agrupacións, formadas por intelectuais de orixes e formación moi similar aos da propia Krupskaia, dedicábanse ao estudo e debate de cuestións políticas e económicas, aínda que a miúdo non pertencían a unha ideoloxía particular, aínda que adoitaban ser reformistas.[21]

Ficha policial de Lenin creada trala súa detención a finais de 1895. Krupskaia coñeceuno en febreiro de 1894, pero a relación entre os dous tardou en fraguar e só casaron logo da condena a exilio interior de ambos en 1898.

O verán de 1890, retirouse como tiña costume ao campo próximo á capital, esta vez cargada de obras socialistas, tanto populistas como marxistas, para completar a súa educación revolucionaria.[22][4] Por última vez, participou nalgunhas tarefas campesiñas cos habitantes do lugar, influenciada aínda polas ensinanzas de Tolstoi.[22] Ao seu regreso a San Petersburgo no outono, ingresou[5] nun círculo marxista e continuou lendo obras marxistas, de Friedrich Engels, pero na primavera seguinte abandonou definitivamente todo esforzo de embeberse na teoría marxista, a miúdo complexa.[23] Pasou por diversas agrupacións socialistas máis tratando de atopar unha actividade revolucionaria que a satisfixese ata que, grazas a unha amiga, ingresou o 29 de agosto de 1891 nas escolas dominicais para adultos,[4] creadas a década anterior por algúns empresarios liberais para que os obreiros que o desexasen puidesen adquirir unha educación elemental as tardes dos domingos e outros días trala xornada laboral.[24] Krupskaia pasou os cinco anos seguintes, ata 1896, dedicada intensamente a este labor educativo, ao que se dedicaba tres días á semana —dúas noites e a tarde do domingo.[25][5] Grazas á connivencia do empresario local, que toleraba a axitación entre os obreiros, o persoal da escola dominical estaba cheo de mestres populistas, liberais, tolstoianos e, máis adiante, marxistas.[25]

En febreiro de 1894, coñeceu o seu futuro marido, Vladimir Ilich Ulianov —Lenin—, chegado da rexión do Volga,[26] con quen casou tardiamente, catro anos máis tarde.[27] No outono de 1895, tras doce anos de traballar como profesora particular, decidiu cambiar de emprego e fíxose copista do departamento de contabilidade da administración estatal de ferrocarrís.[28] Sen deixar as clases para adultos, que seguía impartindo tres veces por semana, o novo traballo era menos absorbente e deixáballe máis tempo para a actividade revolucionaria.[28]

Ao mesmo tempo, o círculo marxista ao que pertencía decidiu converterse nunha organización máis estruturada e fomentar a axitación entre os obreiros da capital, animando á folga.[29] Dezasete dos membros do círculo formaron o Grupo para a Loita pola Emancipación da Clase Obreira, encabezado informalmente por Lenin e Mártov.[29][4][30][31] Krupskaia foi un dos catro membros encargados da axitación no distrito obreiro de Neva en San Petersburgo, co que estaba moito máis familiarizada que moitos dos seus correlixionarios, todos eles intelectuais.[29] Entre as súas tarefas atopábanse as de solicitar información sobre as condicións nas fábricas que logo se puidese empregar nos volantes do grupo e facilitar o contacto cos traballadores, a miúdo contrarios a tratar cos intelectuais.[32]

Detención[editar | editar a fonte]

Retrato policial de Krupskaia, tomada trala súa detención en 1896 como membro do Grupo para a Loita pola Emancipación da Clase Obreira.

Aínda que o dentista confidente da policía que denunciara á maioría do Grupo para a Loita pola Emancipación da Clase Obreira non identificara a Krupskaia como membro deste, outro axente da policía, que se facía pasar por artesán nun taller metalúrxico, acabou por denunciala por aceptar enviarlle un intelectual socialista para que dirixise un círculo clandestino de estudo para obreiros.[33] A policía detívoa o 12 de agosto de 1896.[33][30] Malia a delación doutro membro da organización, púxoa en liberdade o 10 de outubro, pero volveuna a apresar case de inmediato, o 28 do mesmo mes, despois de que apoiase unha folga obreira en Kostroma.[34][nota 1] Tratou en balde de negar a súa pertenza á organización subversiva, pero o testemuño de dous obreiros que asistiran ás súas clases reforzou as sospeitas da policía.[34] Así, mantivérona en prisión provisional malia a súa mala saúde —sufría dunha enfermidade de tiroide que, entre outros síntomas, dáballe aos seus ollos aspecto de saltóns— ata o 12 de marzo de 1897 cando, tralo suicidio doutra presa que se prendeu lume, as autoridades decidiron poñer en liberdade con cargos ás arrestadas que se achaban enfermas.[35]

O seu caso resolveuse finalmente o 30 de marzo de 1898, un ano máis tarde da súa posta liberdade vixiada —as autoridades permitíronlle residir na capital e máis tarde veranear no campo para recuperar a saúde, tempo no que intentou non contactar con Lenin.[36] A principios de xaneiro, cando se empezou a rumorear que sería condenada a pasar tres[30] anos de exilio interior no norte de Rusia, acordou con Lenin declarar ante as autoridades que era a súa noiva formal para poder pasar o exilio xunto a el.[37][nota 2] Inqueda polo futuro da súa filla dada a posibilidade de que o noivado non fose máis que unha argucia para enganar as autoridades e non un feito real, a nai de Krupskaia decidiu acompañala ao exilio.[39] Tras tres meses de atraso, as autoridades accederon á petición de Lenin e Krupskaia de compartir o exilio en Shushenskoe, coa condición de que casasen en canto Krupskaia chegase á localidade.[40] Con certa indiferenza, esta aceptou casar.[40] Antes de partir cara a Siberia xunto coa súa nai cargada de libros solicitados por Lenin a mediados de abril, aceptou pola súa conta un encargo de tradución ao ruso da Historia do sindicalismo de Beatrice Webb, convencida con razón de que a Lenin viríanlle ben os ingresos deste encargo de Piotr Struve, por aquel entón aínda marxista.[41] De camiño —as autoridades permitíronlle ás dúas mulleres viaxar pola súa conta ao seu lugar de exilio—, visitaron en Moscova á futura sogra, a nai de Lenin, que mantivo sempre unha actitude solícita pero reservada cara a Krupskaia.[42]

Exilio siberiano[editar | editar a fonte]

Barco do río Ienisei a comezos do século XX. O río era a vía de comunicación da remota Shushenskoe, onde Krupskaia e Lenin pasaron o seu exilio interior, con Krasnoiarsk e o mundo exterior.

Tras unha viaxe sen incidentes, Krupskaia e a súa nai chegaron a Krasnoiarsk, onde esperaron unha semana a que comezase o servizo fluvial polo río Ienisei para evitar no posible viaxar en carro.[43] A noite do 7 de maio, alcanzaron por fin Shushenskoe.[43] Logo de novos atrasos debidos á burocracia, a voda relixiosa —o único tipo recoñecido no imperio—[31] entre Krupskaia e Lenin tivo lugar o 10 de xullo na igrexa parroquial da localidade.[44] O ano e medio seguinte estivo entre os máis tranquilos que viviu a parella, illada na pequena poboación de mil trescentos habitantes onde reinaba a monotonía.[45] Krupskaia e Lenin intercalaban as actividades na natureza co seu traballo literario.[46] Krupskaia traballou xunto co seu esposo na tradución da obra dos Webb como acordara con Struve e como copista e revisora crítica do Desenvolvemento do capitalismo en Rusia, que Lenin escribiu en Siberia e que se enviou a publicar en febreiro de 1899.[47] Nesa época escribiu a súa primeira obra, A muller traballadora, un folleto propagandístico redactado en linguaxe sinxela e dirixido ás mulleres traballadoras no que Krupskaia defendía o carácter liberalizador do traballo feminino e propugnaba a implantación do socialismo como único xeito de acabar definitivamente coa discriminación da muller.[48][30] A obra acabou publicándose primeiro en Alemaña en 1901, máis tarde en Rusia en 1905 e reeditándose en varias ocasións trala Revolución de Outubro.[49] Durante esta época, adoptou as ideas de Lenin nas distintas disputas intestinas xurdidas entre as diversas correntes socialistas.[49]

O 30 de xaneiro de 1900, Lenin, Krupskaia e a nai desta abandonaron por fin Shushenskoe, dirixíronse a Krasnoiarsk, onde tomaron o ferrocarril transiberiano e trasladáronse a Ufá, onde Krupskaia debía completar a súa condena de exilio interior.[50] Lenin tratou en balde de que se lle permitise residir en Pskov e en marzo solicitou infrutuosamente regresar desde esta localidade a Ufá para acompañala cando caeu enferma; as autoridades só permitiron a viaxe en xuño, cando a súa nai se ofreceu a acompañalo.[50] Partido Lenin a Europa occidental en xullo cando Krupskaia mellorou, esta pasou os meses que lle quedaban de exilio na aburrida localidade impartindo de novo clases aos nenos dunha familia acomodada.[51] Tratou ademais de continuar mellorando o seu coñecemento de idiomas —alemán, francés e polaco— e de realizar algunha propaganda política discretamente.[52] O 11 de marzo de 1901, terminou o seu exilio e entregóuselle un pasaporte para que puidese viaxar ao estranxeiro, onde partiu[30] poucos días máis tarde.[53] Tras buscar a Lenin en balde en Praga onde finxira residir para despistar a policía, reuniuse con el en Múnic.[54]

Primeiro exilio europeo[editar | editar a fonte]

Iskra, publicación fundada para aglutinar os grupos marxistas rusos no novo Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia. Krúpskaya foi a súa secretaria ata decembro de 1903, encargada da distribución, clandestina.

De abril de 1901 a novembro de 1905, viviu xunto a Lenin en Múnic, Londres e Xenebra.[55] A diferenza doutros exiliados e grazas tanto á axuda familiar como aos fondos do partido, viviron sen penurias.[55] Malia os momentos de lecer —especialmente o sendeirismo, que a parella practicaba con certa asiduidade—, o exilio non resultou pracenteiro para Krupskaia, que carecía de espírito cosmopolita e tiña grandes dificultades para relacionarse fóra do círculo de emigrantes.[56] Dentro deste, mantivo estreitas relacións en especial con Vera Zasulich e Iuli Mártov, redactores de Iskra, publicación da que Krupskaia se converteu en secretaria.[57] En setembro e outubro de 1901, tivo a satisfacción de coñecer a un dos fundadores do marxismo ruso —e membro tamén da xunta editorial de Iskra—, Georgii Plekhanov.[58] Neste primeiro período de exilio europeo, Krupskaia mantivo unha gran proximidade con Lenin, co que compartía tanto o traballo como os momentos de lecer.[58]

Como secretaria de Iskra, Krupskaia coordinaba a distribución clandestina da publicación en Rusia,[30] unha tarefa de grande importancia a miúdo subestimada pola maioría da xunta editorial, enfrascada nas discusións de teoría política.[59] Organizaba con notable eficacia a uns trinta ou corenta axentes encargados da rede de distribución, malia a súa nula preparación previa para esta tarefa.[60] Era a persoa que comunicaba a xunta editorial coa organización clandestina en Rusia.[61][30] Abandonou este posto en decembro de 1903.[62]

Preparou un importante informe sobre a organización clandestina de Iskra en Rusia que Mártov debía presentar en nome da xunta editorial no II Congreso do POSDR, pero que a disputa entre fraccións deixou inédito ata 1928.[63] A tensión entre antigos camaradas durante o congreso —ao que asistiu sen voto efectivo— foi tal para Krupskaia que caeu enferma.[63] Aínda que no congreso o seu papel foi marxinal, non sucedeu o mesmo nas agres disputas entre bolxeviques e menxeviques que o seguiron.[63] Despois do abandono de Lenin de Iskra a mediados de outubro de 1903 polo desexo de Plekhanov de readmitir os editores apartados durante o congreso do partido, Krupskaia permaneceu dous meses máis como secretaria da publicación.[64] Os menxeviques, coñecedores do seu control sobre a distribución do xornal e temendo que a sabotase se a expulsaban do posto, trataron de facerse coa información necesaria para dominar a distribución colocándolle unha axudante, momento no que Krupskaia abandonou o cargo, sen que iso acabase cos altercados pola posesión da información necesaria para xestionar a distribución do xornal.[65]

Trala ruptura do POSDR durante o segundo congreso, Krupskaia quedou temporalmente como secretaria da sección no estranxeiro do comité central, organismo desde o que Lenin trataba de manter o control do partido unha vez que perdeu o dominio de Iskra polo desexo de Plekhanov de reconciliarse cos dirixentes menxeviques.[66] Neste posto, Krupskaia controlaba a correspondencia entre Rusia e os organismos do partido e alentaba os comités rusos a adoptar as posicións de Lenin.[66] A perda de poder de Lenin no comité central cara a mediados de 1904 polos desexos de conciliación ata dos seus partidarios fixo que Krupskaia quedase relevada das súas tarefas de secretaria da oficina no estranxeiro do comité central.[66] Por entón, o esgotamento de Lenin polas tensións no partido aconsellou unhas longas vacacións, que o matrimonio pasou percorrendo parte de Suíza a pé.[67] Nestes primeiros meses de loitas intestinas no POSDR, Krupskaia decantouse claramente pola posición do seu marido, aínda que non realizou en xeral ataques persoais contra os novos rivais, antigos camaradas de Iskra —salvo a Trotski, co que nunca mantivo boas relacións.[68] A finais de 1904, Lenin, co apoio dalgúns comités rusos e de emigrados como Aleksandr Bogdanov, fundou un novo xornal (Vperiod) para aglutinar os seus partidarios e nomeouse a Krupskaia secretaria da nova publicación.[69] Como xa ocorrera con Iskra, quedou encargada de coordinar a distribución, a correspondencia clandestina cos axentes bolxeviques e, ademais, da obtención de financiamento, que non proviña do partido, controlado polos menxeviques.[69]

Participou no III Congreso do POSDR da primavera de 1905, para informar da situación en Rusia grazas á correspondencia que recibía como coordinadora da distribución de Vperiod e para redactar a versión definitiva das actas do congreso.[70]

Revolución de 1905[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Revolución rusa de 1905.

Regresou a Rusia en novembro de 1905, poucos días despois de que o fixese Lenin, cruzando Alemaña, Suecia e Finlandia —entón parte autónoma do Imperio ruso.[71] Os dous regresaron legalmente a Rusia, pero pronto pasaron á clandestinidade, aínda que sen realizar grandes esforzos por evitar unha posible detención.[72] Aos nove meses de regresar a San Petersburgo, a parella trasladouse a territorio finlandés, a unha casa de campo próxima á fronteira, considerada máis segura que a capital rusa.[73] Krupskaia seguiu acudindo á cidade como enlace entre Lenin e os seus partidarios, tarefa que realizou durante case un ano, malia a vixilancia policial —unha das súas axudantes era unha axente encuberta da policía tsarista.[74] Ademais de secretaria do comité central para a fracción bolxevique do POSDR ata finais de 1905, as tarefas de Krupskaia incluían a coordinación dos camaradas que acudían á capital desde as provincias ou a visitar a Lenin, así como o conseguir documentación falsa e literatura subversiva para a súa distribución.[75] A súa tarefa máis importante, con todo, era o control das finanzas bolxeviques.[76]

Cando Lenin volveu publicar un xornal propio —novamente chamado Proletarii— a partir de agosto de 1906, Krupskaia quedou de novo encargada da súa distribución desde Finlandia.[77] Encargouse así mesmo de coordinar a viaxe de varios dos delegados ao V Congreso do partido, que se celebrou en Londres a finais da primavera de 1907.[77] A finais de ano, restablecida a autoridade tsarista no país, Lenin e Krupskaia decidiron volver a exiliarse.[77] Mentres Lenin pasaba a Suecia, Krupskaia quedou encargada de destruír os arquivos principais, regresou a San Petersburgo para atopar aloxamento para a súa nai, e partiu logo tamén ao exilio.[77]

Segundo exilio europeo[editar | editar a fonte]

Krupskaia e Lenin retomaron o seu odiado exilio en Suíza, máis deprimente esta vez polo fracaso da revolución en Rusia.[78] Krupskaia recuperou o seu posto como secretaria de Proletarii, cuxa distribución afrontaba cada vez máis dificultades pola eficiente persecución policial tsarista.[79] No verán de 1908, mentres Lenin acudía a Capri a visitar a Maxim Gorki e a discutir cos bolxeviques de esquerda, Krupskaia permaneceu en Xenebra e retomou o estudo do francés e da pedagoxía, abandonada durante dez anos.[80] En decembro, trasladouse con Lenin a París, onde residiu ata mediados de 1912.[81] Durante os primeiros anos deste segundo exilio, Lenin viaxou a miúdo para acudir a conferencias políticas e congresos, sen Krupskaia.[81] Esta permanecía en París, coordinando as tarefas do partido e coidando da súa anciá nai.[82] Entre o verán de 1911 e o de 1912, Inessa Armand, probable amante de Lenin para desgusto de Krupskaia, tomou as tarefas principais de coordinación das organizacións de emigrantes, mentres que esta quedou como responsable de Rabochaia Gazeta (A gaceta obreira), o novo xornal leninista, un labor menor.[83]

En xullo de 1912, o matrimonio mudouse á Polonia austrohúngara.[81] En Cracovia, máis do gusto de ambos que París polo seu parecido con Rusia, Krupskaia continuou coas súas tarefas de secretaria e contable do partido.[84] Era, de xeito oficiosa, a secretaria do comité central do partido xurdido da conferencia de Praga de 1912, que dividira na práctica o POSDR en dous.[84] Encargábase da correspondencia coas células do partido, a obtención de documentación falsa, o aloxamento dos membros do comité central que visitaban a Lenin e participaba ademais nas reunións do comité central.[84] Dada a crise da rede clandestina do partido pola eficacia da acción policial en Rusia, Krupskaia tivo que concentrarse non nesta, moi debilitada, senón na coordinación de Pravda, publicación permitida polas autoridades rusas.[85]

Á crecente incapacidade da súa nai uniuse para Krupskaia a necesidade de encargarse das tarefas domésticas e a súa mala saúde.[86] Desde 1913 comezou a manifestarse cada vez con maior virulencia a enfermidade de Graves-Basedow —unha enfermidade tiroidea—, que se reflectía en cansazo xeral, palpitacións e tremores, que lle complicaban traballar.[87] Logo de tratamentos eléctricos e repouso nas montañas que non forneceron efecto, Lenin insistiu en trasladala a Berna para que a operase un premio Nobel, o doutor Theodor Kocher, que finalmente o fixo o 23 de xuño.[88] Krupskaia sobreviviu vinte e cinco anos máis, pero as súas palpitacións non desapareceron; en 1914 negouse a volver operarse e cambiou de médico, que recomendou repouso.[89]

Cando estalou a Primeira guerra mundial, Lenin foi detido polas autoridades austríacas e Krupskaia tivo que buscar a intercesión do socialista moderado Víctor Adler para evitar unha posible execución e conseguir a súa liberación.[90] Logo de dúas semanas de calabozo, Lenin foi liberado e o matrimonio, acompañado pola nai de Krupskaia xa moi anciá e senil, partiu de novo a Suíza.[90] Tratábase da terceira estancia neste país, que durou de agosto de 1914 a abril de 1917 e resultou a máis dura: ao illamento político de Lenin uniuse a mala saúde intermitente de Krupskaia e a morte das nais de ambos, importantes sustentos económicos da parella.[90]

Retomando o seu antigo interese pola pedagoxía, formouse de xeito autodidacta, tratando de poñerse ao día nas teorías educativas do momento.[91][92] Admiradora da modernización da escola e dos modelos progresistas alemáns e estadounidenses, criticaba o formalismo, a rutina e os ensinos excesivamente teóricos e avogaba pola educación mixta e o control local dos colexios.[91] En 1915, escribiu a súa obra máis longa, na que expuxo os puntos principais do seu concepto de educación socialista, que defendeu ata a súa morte: Educación pública e democracia.[93][92] Nela Krupskaia defendía a necesidade da actividade física nas escolas, a inculcación dunha actitude de moralidade cara ao traballo e a abolición da especialización.[93] O obxectivo dos seus estudos era definir o modelo de escola socialista, baseado no que consideraba os mellores modelos dispoñibles naquel momento.[92]

Tamén en 1915, en marzo, asistiu xunto con Armand a un congreso de mulleres socialistas que tivo lugar en Berna no que as mocións esquerdistas saíron derrotadas, para desgusto de ambas.[94] Durante esta época, recuperou o seu posto como secretaria do partido e do importante Comité de Organizacións de Emigrantes, desde o que tratou de atraer a estas á posición internacionalista, antibélica e prorrevolucionaria de Lenin.[94] Era así mesmo secretaria da Comisión para a Axuda aos Prisioneiros de Guerra Rusos, unha organización propagandística bolxevique que axitaba entre os prisioneiros de guerra coa aquiescencia tácita dos Imperios Centrais.[95] Krupskaia coordinaba o envío de material a cincuenta axentes nuns vinte campos de prisioneiros.[95]

Período revolucionario e guerra civil[editar | editar a fonte]

Moderación política e tarefas educativas en Petrogrado[editar | editar a fonte]

Regresou a Petrogrado xunto a Lenin e outros socialistas o 3 de abrilxul./ 16 de abril de 1917greg., onde a recibiu oficialmente Alexandra Kollontai.[96] Durante gran parte de 1917, adoptou unha posición máis moderada que a suscitada por Lenin nas súas «teses de abril».[97] A finais de abril, abandonou toda tarefa de coordinación e organización, na que quedara postergada pola secretaria oficial do partido malia a menor experiencia desta,[98] e enfrascouse en labores de organización da mocidade e promoción da educación.[97] Nas eleccións municipais de principios de xuño, obtivo unha concellería no distrito obreiro de Vyborg, situado ao norte de Petrogrado e con maioría bolxevique, e ingresou no comité do distrito como encargada de instrución pública.[99] Desde entón ata a Revolución de Outubro, dedicouse a fomentar e mellorar a educación no distrito da capital, aumentando e mellorando as instalacións educativas e culturais locais.[99]

Tralas Xornadas de Xullo, axudou a Lenin —co que mantiña escasos contactos pola diferenza de actividades de cada un na capital— a escapar da cidade e foi detida brevemente polas autoridades que o buscaban.[100] Participou no VI Congreso do partido, pero non tivo nel un papel relevante.[101] Durante a Revolución de Outubro, á que non se opuxo aínda que non parece que a apoiase con entusiasmo, acudiu tardiamente ao Instituto Smolny, pero non participou nas principais accións da noite.[101]

Krupskaia, segunda pola esquerda, xunto a Lenin, nunha das súas escasas aparicións cerimoniais xunto a este como «primeira dama».

Unha vez tomado o poder polos bolxeviques, algúns medios estranxeiros comezaron a chamala first lady, por ser a esposa do novo xefe do Estado soviético, apelativo que Lenin adoptou en ton de burla.[102] En realidade, Krupskaia de cando en cando desempeñou o papel protocolario de esposa do xefe do Estado.[103] Durante os últimos meses de 1917, nin sequera viviu con el —instalado temporalmente no Instituto Smolny—[104] e as súas aparicións públicas xuntos foron escasas.[102] Unha destas ocasións foi a cerimonia de apertura da efémera Asemblea Constituínte.[105][nota 3]

En marzo de 1918, a parella trasladouse a Moscova, primeiro a unhas habitacións do hotel Nacional e máis tarde a outras do Kremlim —catro habitacións compartidas con Lenin e a irmá deste, María—,[104] onde pasou o resto da súa vida —foi o único período no que contou cunha residencia estable.[102]

No canto de dedicarse a tarefas cerimoniais, Krupskaia entregouse completamente á instauración dunha nova educación pública socialista, que debía acabar co analfabetismo, lograr a emancipación da muller, estender a rede de bibliotecas, favorecer o movemento xuvenil comunista e a educación continua dos adultos, acabar coa relixión e mellorar a propaganda política.[106] Malia a súa inexperiencia tanto como escritora como oradora, a partir de entón comezou a publicar —con escaso talento literario e unha marcada tendencia á repetición— e a divulgar en público o seu ideario educativo.[107] A colección soviética dos seus escritos —a miúdo artigos—, ocupa oitenta e catro tomos.[108] A maioría dos seus escritos en vida de Lenin limitábanse a asuntos educativos, publicados tanto en diversos xornais que controlaba como en Pravda.[108]

Na Comisaría de Educación[editar | editar a fonte]

Cartel soviético en favor da alfabetización. Krupskaia presidiu a sección da Comisaría de Educación dedicada á educación de adultos e tratou de poñer en marcha unha profunda reforma educativa, primeiro favorecendo as liberdades civís e a autonomía local dos colexios e máis tarde por métodos máis autoritarios e maior control central.

A súa experiencia como xestora, o seu coñecemento en educación, a súa veteranía no partido e a escaseza de cadros deste permitíronlle obter, malia a súa reticencia, a xefatura da sección de educación para adultos da Comisaría de Educación (Narkompros), dirixida por Anatoli Lunacharski, co que colaborou estreitamente en favor da reforma da instrución pública.[109] En marzo de 1918, Krupskaia ingresou na presidencia colexiada da comisaría e ata maio ostentou o cargo de vicecomisaria.[110] Moi industriosa, os seus colegas do ministerio tiñan que enganala para que non acudise a traballar os sábados e en ocasións só a chamada de Lenin desde o Kremlim, que se negaba a cear sen ela, facíaa abandonar o traballo.[110] No verán de 1919, enviouna a unha misión de propaganda entre as tropas que combatían na fronte do Volga co fin de que descansase, pero a continua actividade produciulle un ataque cardíaco, do que non se recuperou de todo ata o outono.[111] A mala saúde obrigouna a descansar varias semanas máis a finais de ano.[111] No ministerio, forxouse fama de accesible e foi obxecto de diversas peticións de axuda, que trataba de facer chegar a Lenin para que este intercedese en favor dos peticionarios.[112]

A súa tarefa de instaurar unha nova educación socialista, completa, universal e sen discriminacións tivo que enfrontarse á dura realidade do momento: a destrución causada pola guerra mundial e a civil, a escaseza de profesores e a súa hostilidade ao novo réxime, a falta de escolas e de material escolar e o amplo analfabetismo.[113] Como resultado da guerra civil, abandonou a defensa das liberdades civís e a tolerancia política que caracterizaran os primeiros meses na Administración Pública.[114] En 1918 aínda defendía a liberdade de conciencia dos mestres e opoñíase á súa purga polos soviets locais e mostrábase contraria á represión da cheka do sindicatos de profesores, hostil aos bolxeviques.[115] Avogaba polo control local das escolas, libre de todo dominio do Estado central.[112] Propugnaba o establecemento de soviets educativos locais, separados dos soviets habituais, que debían controlar as escolas locais e que estarían formados por grupos interesados na educación, como os profesores ou os sindicatos.[116] En 1919, opúxose á censura de autores considerados burgueses e ao establecemento dun organismo ministerial que controlase a produción literaria nacional.[117] A mediados de 1919, os seus soños reformistas baseadas na acción popular estaban dando paso á desilusión e ao convencemento da necesidade de que a autoridade central interviñese na educación.[116] O vago sistema de educación integral que defendía, chamado «politecnicismo»,[118] fracasou nos dous primeiros anos de goberno bolxevique, tanto pola falta dun programa claro de reforma e de medios para aplicalo como pola grave situación rusa debida á guerra civil e o afundimento da economía.[119] Krupskaia buscou en balde o apoio de Lenin ao seu programa reformista: este, consciente da gravidade da situación económica, preferiu apoiar a formación acelerada de profesionais instruídos segundo os antigos métodos e postergar a reforma educativa.[120] En 1920 a súa actitude xa cambiara: á preferencia orixinal pola autonomía local en educación sucedeulle o convencemento da necesidade dun control centralizado e ao rexeitamento á censura literaria, tres decretos promulgados entre ese ano e 1924 purgando[121] as bibliotecas soviéticas.[122] A preocupación pola eficiencia da administración central educativa substituíu o fincapé inicial na autonomía local.[116] Krupskaia esperaba reformar a administración educativa grazas ao asesoramento de expertos estadounidenses e á experiencia do anterior Ministerio de Educación tsarista.[123]

Durante un curto período de tempo durante a guerra civil, logrou concentrar no seu departamento (o Glavpolitprosvet, acrónimo de Comité Principal para a Instrución Política), gran parte da propaganda do partido, considerada parte da educación xeral.[124] Con todo, o Glavpolitprosvet quedou moi reducido durante 1921 e 1922, debido aos recortes de presuposto necesarios para reducir o gasto estatal nun momento de grave crise económica e fame.[114] Krupskaia mantívose á fronte do organismo ata a súa desaparición en 1930, pero este nunca recuperou a súa anterior importancia e este revés puxo fin á súa carreira dentro dos postos máis importantes da burocracia soviética.[114]

Os seus escritos pedagóxicos abarcan amplos aspectos educativos, incluíndo a organización das escolas, os currículos lectivos, a formación do profesorado, a educación de adultos, a eliminación do analfabetismo, a formación infantil e os grupos de mocidades.[4][125] Considerada unha das principais organizadoras do sistema de educación socialista e unha destacada historiadora da evolución das teorías educativas.[4] A educación primaria obrigatoria na URSS, implantada en 1925, reduciu notablemente o número de analfabetos.[126] Durante a época en que traballou no ministerio producíronse considerables avances educativos: entre 1920 e 1940 sesenta millóns de adultos aprenderon a ler e a escribir, a rede de escolas primarias —co dobre de alumnos en 1929 que en 1914— ampliouse sensiblemente e o número de idiomas con obras publicadas creceu ata os cento catro en 1934.[126] Avogou ademais por facilitar a educación autodidacta e estender a secundaria, para o que se fundaron novos centros nocturnos.[126] Tivo así mesmo un importante papel na extensión da rede de bibliotecas soviéticas —estudara o funcionamento de importantes bibliotecas públicas europeas durante o seu exilio—, institucións escasas durante o anterior período imperial que creceron notablemente en número durante as dúas primeiras décadas de goberno comunista.[127]

Enfermidade e morte de Lenin[editar | editar a fonte]

Krupskaia xunto a Lenin, convalecente do infarto cerebral de maio de 1922. A parella retirouse a Gorki ata outubro e Krupskaia reduciu notablemente a actividade política ata entón.

A enfermidade de Lenin en maio de 1922 reduciu notablemente a súa actividade política ata o outono, xa que deixou gran parte das tarefas no ministerio para acompañalo en Gorki.[128] A principal actividade política limitouse a certas visitas de centros educativos próximos e á redacción dalgúns artigos.[129] Regresou a Moscova con Lenin o 2 de outubro e, durante as nove semanas seguintes que precederon ao novo ataque deste, asistiu a diversos congreso (un da Comintern, outro do Komsomol e outro de propagandistas).[129] Nesta época comezou a interesarse polo movemento xuvenil comunista (Komsomol).[129]

En metade da súa nova campaña de reforma do partido, Lenin sufriu unha nova serie de infartos que limitaron a súa actividade política ata a primavera de 1923.[130] Os médicos recomendaron repouso total, pero Lenin desexaba continuar coa actividade política; Krupskaia mantivo unha actitude vacilante entre os desexos do seu marido de evitar o seu illamento político forzoso e os consellos médicos que o recomendaban.[131] O politburó asignou a Stalin a responsabilidade de velar polo coidado de Lenin.[131] Durante a enfermidade, mantivo unha actitude ambigua acerca da actividade política de Lenin: por unha banda, tratou de que non se angustiase en exceso e que isto prexudicase a súa recuperación pero, ante a insistencia deste por manter certo labor, colaborou na redacción dos seus últimos artigos, que en conxunto se coñecen como o «testamento de Lenin».[132][nota 4]

Atopábase xunto a Lenin a madrugada do 21 de xaneiro de 1924, cando faleceu tras un repentino empeoramento do seu estado logo de semanas de melloría.[133] O día anterior, Krupskaia acabara de lerlle as conclusións da XIII Conferencia do partido, que preocupaban ao seu esposo e que tratara de mesturar con lecturas máis lixeiras.[133] A morte de Lenin, ocorrida apenas seis meses logo de cumprirse os vinte e cinco anos de matrimonio, afectou profundamente a Krupskaia, privada do seu compañeiro persoal e guía político.[134] Aínda que non ambicionaba os principais postos políticos, o seu convencemento de ser a que mellor comprendía as ideas de Lenin, que consideraba cruciais para o triunfo do comunismo ao que dedicara a súa vida, fíxoa entregarse á política nacional.[134] Os diversos dirixentes que se disputaron o poder á morte do caudillo bolxevique trataron de granxearse o seu apoio como símbolo —a esposa do dirixente falecido— sen por iso atender as súas ideas políticas.[135]

Na disputa polo poder na URSS[editar | editar a fonte]

Insegura sobre a actitude que Lenin adoptaría na política nacional, acabou por secundar a Stalin, non por proximidade a este, senón como aparente representante do partido, que Krupskaia consideraba esencial para o mantemento do ideario político de Lenin.[135] Como viúva convencida da importancia dos xestos políticos do momento, participou nas honras fúnebres a Lenin, ás que acudiu o politburó en pleno salvo Trotski —que repousaba dunhas febres no Cáucaso.[135] A cerimonia, que incluíu a presentación do cadáver no Salón de Columnas moscovita, debía establecer a autoridade moral de Krupskaia como referente político do leninismo.[135]

Na disputa polo poder que seguiu á incapacitación de Lenin pola súa arteriosclerose cerebral a finais de 1923 e comezou a enfrontar ao triunvirato formado por Stalin, Zinoviev e Kamenev —que controlaba a estrutura do partido— con Trotski e unha serie de figuras secundarias do partido, Krupskaia apoiou o primeiro, en parte pola súa antiga proximidade a Zinoviev e Kamenev, compañeiros durante o seu segundo exilio.[136] En xaneiro de 1924, nun discurso, expresou un claro paralelismo entre a oposición ao triunvirato e os menxeviques e sobre a necesidade de reforzar o aparello do partido, declaracións que favorecían claramente a Stalin e os seus aliados.[137] A comezos de ano, tratou, emporiso, de reconciliarse con Trotski para facilitar a publicación do «testamento» de Lenin, que favorecía a este, pero Trotski non respondeu a carta de Krupskaia.[138] Krupskaia retomou case de inmediato a súa intensa actividade no Ministerio de Educación e descoidou a preparación da presentación dos últimos escritos de Lenin ao congreso do partido; unicamente a mediados de maio, en vésperas do congreso, enviou os escritos a Kamenev, confiando en que este se encargaría de presentalos, en especial as críticas aos principais dirixentes e, de xeito principal, as vertidas contra Stalin.[139] En realidade, os escritos presentáronse a unha comisión interna que se limitou a compartilo cun grupo selecto de delegados, non co pleno do congreso.[140] Esta asemblea decidiu non presentalos enteiros ao congreso e non incluílos nas actas deste.[141] No congreso, o décimo terceiro, Krupskaia recibiu diversos cargos, entre eles un posto na Comisión Central de Control e logrou suprimir temporalmente o duro ataque da corrente principal á oposición, avogando en defensa da unidade do partido e opoñéndose ás rifas internas.[142]

Cansa pola tensión pola morte do seu marido e pola continua disputa política, a súa saúde comezou a resentirse e os médicos finalmente lograron enviala a repousar ao Cáucaso en xullo.[143] Durante a súa estancia no sur, comezou a escribir as memorias de Lenin.[143] No outono regresou a Moscova e á súa actividade frenética habitual, callada de conferencias e escritos educativos.[144] A comezos de 1925, de novo atopábase enferma, cun novo ataque de tiroide agravado por unha gripe.[145] Sufriu de mala saúde todo o ano, e apenas participou no novo enfrontamento político entre a corrente maioritaria e Trotski, que o reavivou ao publicar Leccións de outubro, obra que deixaba en mal lugar aos triúnviros pola súa actuación durante a Revolución de Outubro.[145] Krupskaia apoiou a corrente maioritaria, pero con moderación e avogando en todo momento pola reconciliación entre as fraccións e o mantemento da unidade.[146] En 1925 foise achegando á oposición, que xa incluía para entón a Kamenev e Zinoviev, opostos ás concesións ao campesiñado defendidas por Bukharin e Stalin, que consideraban excesivas, opinión que Krupskaia compartía.[147] O momento de maior participación nas actividades da oposición foi o XIV Congreso do PCUS, no que foi a primeira participante da oposición en criticar a política da maioría, cometido no que a apoiou Kamenev.[148] Tratou de identificar a maioría que apoiaba a postura de Stalin e Bukharin coa maioría moderada menxevique de mediados da primeira década do século, á que Lenin se opuxera, tratando así de igualar a posición da minoría coa deste naqueles momentos.[148] Mantívose nas desorganizadas filas da oposición ata outubro de 1926 e, aínda que non participou activamente na alianza entre Trotski e Zinoviev forxada na primavera, si asinou o principal documento presentado por esta, a «declaración dos trece», na que se criticaba o crecemento da burocracia e o afastamento do partido dos traballadores.[149] En todo caso, as súas críticas á dirección do partido realizáronse nos círculos do poder, non de forma pública.[149] Logo duns meses de convalecencia na rexión do Volga, regresou á capital en agosto de 1926 e decidiuse a publicar no estranxeiro o «testamento» de Lenin, sacándoo do país clandestinamente; os documentos acabaron aparecendo no New York Times o 18 de outubro, pero non tiveron repercusión algunha na URSS nin entre a maioría dos comunistas occidentais.[149] Este acto foi un dos últimos actos de aberta oposición a Stalin: co sometemento temporal dos principais opositores ás teses da maioría o 16 de outubro e a presión indirecta de Stalin a Krupskaia para privala do seu estado de viúva oficial de Lenin —con veladas ameazas de resucitar a relación entre este e Inessa Armand—, esta abandonou paulatinamente a oposición.[150] En novembro, Stalin anunciouno na XV Conferencia do partido, aínda que a confirmación chegou seis meses máis tarde, cando rexeitou indirectamente os intentos de achegamento de Trotski.[151]

Últimos anos[editar | editar a fonte]

Formalmente, Krupskaia apoiou o réxime de Stalin e mantivo unha actividade pública intensa ata a súa morte en 1939.[152] Acumulou gran número de cargos honoríficos: desde o XV Congreso do PCUS, celebrado en 1927, era membro do comité central do partido; en 1929 e 1933 foi condecorada coa Orde da Bandeira Vermella do Traballo, a da URSS e a de Lenin;[92][153] en 1931 ingresou na Academia de Ciencias;[92] en 1936 recibiu un doutoramento honorífico en pedagoxía —curiosamente, á vez que o Estado abandonaba os seus postulados educativos—; en 1935 ingresou no Congreso Panruso Soviético —cámara lexislativa soviética— e logo no Soviet Supremo que o substituíu en 1937 e entre 1936 e 1939 participou nas sesións da Oficina Organizativa do partido, encargada dos asuntos internos deste.[154] En realidade, carecía de poder e representaba simplemente o apoio da viúva de Lenin —e, implicitamente, o deste— ao réxime de Stalin.[154] Malia que Krupskaia permaneceu no seu apartamento do Kremlin, as relacións con Stalin e a súa familia, que eran os seus veciños, foron moi escasas.[154]

Converteuse na imaxe da avoa bondadosa da revolución, con grande interese nos nenos.[155] En asuntos familiares, adoptou en xeral un enfoque conservador, defendendo a familia tradicional e as medidas oficiais contra o aborto ou a facilidade de divorcio, que cría foran medidas de urxencia promulgadas durante a década anterior que debían ser eliminadas.[156] Principal referencia do partido acerca da liberación da muller, defendeu os avances logrados na Unión Soviética na igualdade entre sexos, pero non criticou con dureza o machismo persistente tanto na estrutura familiar —o traballo doméstico seguía en mans das mulleres, malia a incorporación da muller ao mercado laboral— como nos postos máis importantes da política nacional, copados por homes.[157]

Convencida da necesidade de estudar a actividade de Lenin para continuar a súa obra, dedicou grandes esforzos a publicar diversas obras sobre el, sendo as mellores de entre elas unha serie de bosquexos sobre a súa persoa que apareceron primeiro en Pravda e Bolshevik entre 1925 e 1933 e máis tarde como libro co nome de Recordos de Lenin.[152] Actuou tamén como censora oficiosa das obras que apareceron sobre el, parte do culto á personalidade de Lenin, coas que en xeral foi moi crítica.[155]

Contraria a algúns importantes aspectos das reformas aplicadas durante o período de dominio stalinista como a orientación das escolas —que abandonou o politecnicismo polo que avogaba para converterse ao seu xuízo nun remedo da antiga escola tsarista— ou a colectivización forzosa —ela propugnaba un ritmo menos acelerado de formación de cooperativas—, non puido expresar libremente as súas críticas a estes, que apareceron de forma velada.[158] Opúxose ademais con firmeza pero infrutuosamente á discriminación educativa dos fillos dos kulaks.[159] En 1930 fixo un van intento de apoiar a Oposición de dereita, xa derrotada politicamente pero única forza relevante que rexeitaba a colectivización.[159]

Aínda que probablemente a represión e axustizamento de gran número de antigos camaradas —entre eles, Zinoviev e Kamenev, compañeiros de exilio antes da revolución— durante as purgas stalinistas da década de 1930 supuxeron un momento de grande angustia persoal, oficialmente Krupskaia defendeunas.[160] Foi un dos escasos membros da antiga intelectualidade bolxevique en saír indemne.[161] Trotski afirmou que os artigos que apareceron no seu nome en defensa das condenas eran falsos, pero os biógrafos soviéticos de Krupskaia da década de 1960 incluíronos entre as súas obras completas.[161] Con fama de bondadosa, durante a represión recibiu miles de cartas solicitando a súa intercesión e nalgún caso illado logrou librar a algún condenado, aínda que non deter o terror.[162]

Ao longo da década, xa anciá, comezou a visitar máis asiduamente diversos balnearios no Cáucaso (en 1931, 1933 e 1937) e un sanatorio, frecuentado por antigos revolucionarios e situado nos arredores de Moscova.[163] O seu círculo de relacións foise reducindo a estes vellos camaradas e ao persoal do Ministerio de Educación, onde continuaba traballando.[163]

Morte[editar | editar a fonte]

O 24 de febreiro, os bolxeviques veteranos organizáronlle unha festa polo seu inminente septuaxésimo aniversario en Arkhangelskoe, onde acudira a descansar.[164] Esa mesma noite, con todo, comezou a sentirse indisposta e foi rapidamente trasladada ao hospital do Kremlin, onde perdeu o coñecemento.[165] Espertou de novo a noite do día seguinte, afirmando a súa disposición a asistir ao próximo congreso do partido, pero un embolismo abdominal, complicado con arteriosclerose, acabou coa súa vida.[166] Morreu ás 6:15 a. m. do 27 de febreiro de 1939 en Moscova,[92][153] un día logo de cumprir setenta anos de idade.[166]

O seu cadáver expúxose na Sala de Columnas do Palacio dos Sindicatos ao día seguinte e ás exequias acudiron destacados membros do partido.[167] Calcúlase que preto de medio millón de persoas acudiron ás honras fúnebres, antes de que o cadáver fose incinerado o 1 de marzo.[168] As súas cinzas foron finalmente colocadas nun nicho da Necrópole da Muralla do Kremlin.[168][92][153] Malia os eloxios oficiais tralo falecemento, a súa figura quedou postergada ata a morte de Stalin, cando Khruschev a recuperou e se permitiu a publicación de dúas biografías e unha recompilación das súas obras pedagóxicas.[169] A UNESCO fundou un premio co seu nome que se outorgaba anualmente a aqueles que se destacaban na loita por acabar co analfabetismo.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Por aquel entón as folgas eran ilegais en Rusia.[34]
  2. As autoridades permitían a visita das parellas dos presos e ata o cumprimento conxunto das penas, polo que os revolucionarios a miúdo declaraban falsos noivados para poder recibir visitas que a miúdo portaban información clandestina e permitían o agrupamento de camaradas no exilio interior.[38]
  3. Ademais desta, a única outra ocasión notable foi a inauguración dunha central eléctrica rural.[105]
  4. Durante os últimos meses de vida de Lenin, malia as recomendacións dos médicos para que non se lle perturbase cos asuntos políticos da URSS, debido ao delicado estado de saúde no que se atopaba este, Nadezhda, continuara transmitíndolle a maior parte dos acontecementos políticos e do partido. En decembro de 1922 Krupskaia remitiu, con permiso dos doutores, unha carta de felicitación de Lenin a Trotski, polo que recibiu unha ameaza de ser investigada por parte de Stalin, que era partidario de transmitir a Lenin a menor información posible para estabilizar o seu estado de saúde. Con todo, a versión de Trotski era diferente, xa que segundo este, «a actitude de Stalin non se debía á preocupación polo estado de saúde do camarada Lenin, senón que o que realmente pretendía era ocultar a Lenin o que ocorría no seo do Partido». Cando a principios de marzo de 1923 Lenin decatouse do incidente esixiu inmediatamente desculpas a Stalin e parece que o feito alterouno de tal xeito que caeu doente e, uns días despois, sufriu un ataque do que xa non se recuperaría ata a súa morte ao ano seguinte. Unhas semanas antes Lenin escribira o seu chamado Testamento político, no que dicía sobre Stalin que «acumulara demasiado poder dentro do Partido; tanto que non estaba seguro de que fóra a utilizalo sempre con suficiente prudencia».
Referencias
  1. 1,0 1,1 1,2 McNeal 1972, p. 13.
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 Jackson, Devlin & 1989, p. 329.
  3. 3,0 3,1 Jackson, Devlin & 1989, p. 330.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 4,8 Cov'janov, Skatkin & 1994, p. 1.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 Muñoz-Muñoz 2010, p. 143.
  6. McNeal 1972, pp. 5, 11.
  7. McNeal 1972, p. 5.
  8. McNeal 1972, pp. 5-7.
  9. 9,0 9,1 9,2 McNeal 1972, p. 7.
  10. 10,0 10,1 McNeal 1972, p. 9.
  11. 11,0 11,1 McNeal 1972, p. 10.
  12. 12,0 12,1 12,2 McNeal 1972, p. 11.
  13. McNeal 1972, p. 12.
  14. 14,0 14,1 McNeal 1972, p. 15.
  15. McNeal 1972, p. 17.
  16. McNeal 1972, pp. 17-18.
  17. 17,0 17,1 McNeal 1972, p. 18.
  18. McNeal 1972, pp. 22-23.
  19. McNeal 1972, p. 22.
  20. 20,0 20,1 McNeal 1972, p. 26.
  21. McNeal 1972, pp. 26-27.
  22. 22,0 22,1 McNeal 1972, p. 28.
  23. McNeal 1972, p. 30.
  24. McNeal 1972, pp. 30-31.
  25. 25,0 25,1 McNeal 1972, p. 31.
  26. Figes 1998, p. 147.
  27. McNeal 1972, p. 34.
  28. 28,0 28,1 McNeal 1972, p. 38.
  29. 29,0 29,1 29,2 McNeal 1972, p. 40.
  30. 30,0 30,1 30,2 30,3 30,4 30,5 30,6 Muñoz-Muñoz 2010, p. 144.
  31. 31,0 31,1 Figes 1998, p. 148.
  32. McNeal 1972, pp. 40-41.
  33. 33,0 33,1 McNeal 1972, p. 46.
  34. 34,0 34,1 34,2 McNeal 1972, p. 47.
  35. McNeal 1972, p. 48.
  36. McNeal 1972, p. 54.
  37. McNeal 1972, p. 55.
  38. McNeal 1972, p. 52.
  39. McNeal 1972, pp. 55-56.
  40. 40,0 40,1 McNeal 1972, p. 56.
  41. McNeal 1972, p. 59.
  42. McNeal 1972, pp. 59-60.
  43. 43,0 43,1 McNeal 1972, p. 63.
  44. McNeal 1972, p. 65.
  45. McNeal 1972, p. 67.
  46. McNeal 1972, pp. 67, 73.
  47. McNeal 1972, p. 76.
  48. McNeal 1972, p. 78.
  49. 49,0 49,1 McNeal 1972, p. 79.
  50. 50,0 50,1 McNeal 1972, p. 82.
  51. McNeal 1972, p. 83.
  52. McNeal 1972, p. 84.
  53. McNeal 1972, p. 86.
  54. McNeal 1972, pp. 86-87.
  55. 55,0 55,1 McNeal 1972, p. 88.
  56. McNeal 1972, pp. 90-92.
  57. McNeal 1972, p. 93.
  58. 58,0 58,1 McNeal 1972, p. 94.
  59. McNeal 1972, p. 97.
  60. McNeal 1972, pp. 99, 101.
  61. McNeal 1972, p. 102.
  62. McNeal 1972, p. 101.
  63. 63,0 63,1 63,2 McNeal 1972, p. 110.
  64. McNeal 1972, p. 112.
  65. McNeal 1972, pp. 112-113.
  66. 66,0 66,1 66,2 McNeal 1972, p. 114.
  67. McNeal 1972, p. 115.
  68. McNeal 1972, pp. 115-117.
  69. 69,0 69,1 McNeal 1972, p. 116.
  70. McNeal 1972, p. 118.
  71. McNeal 1972, p. 119.
  72. McNeal 1972, pp. 120-121.
  73. McNeal 1972, p. 121.
  74. McNeal 1972, pp. 122-123.
  75. McNeal 1972, p. 123.
  76. McNeal 1972, p. 124.
  77. 77,0 77,1 77,2 77,3 McNeal 1972, p. 129.
  78. McNeal 1972, p. 130.
  79. McNeal 1972, p. 131.
  80. McNeal 1972, p. 132.
  81. 81,0 81,1 81,2 McNeal 1972, p. 133.
  82. McNeal 1972, p. 134.
  83. McNeal 1972, p. 139.
  84. 84,0 84,1 84,2 McNeal 1972, p. 144.
  85. McNeal 1972, p. 145.
  86. McNeal 1972, p. 147.
  87. McNeal 1972, pp. 147-148.
  88. McNeal 1972, pp. 148-149.
  89. McNeal 1972, pp. 149-150.
  90. 90,0 90,1 90,2 McNeal 1972, p. 155.
  91. 91,0 91,1 McNeal 1972, p. 161.
  92. 92,0 92,1 92,2 92,3 92,4 92,5 92,6 Cov'janov, Skatkin & 1994, p. 2.
  93. 93,0 93,1 McNeal 1972, p. 163.
  94. 94,0 94,1 McNeal 1972, p. 158.
  95. 95,0 95,1 McNeal 1972, p. 159.
  96. McNeal 1972, p. 168.
  97. 97,0 97,1 McNeal 1972, p. 173.
  98. McNeal 1972, p. 170.
  99. 99,0 99,1 McNeal 1972, p. 175.
  100. McNeal 1972, p. 179.
  101. 101,0 101,1 McNeal 1972, p. 181.
  102. 102,0 102,1 102,2 McNeal 1972, p. 184.
  103. McNeal 1972, pp. 184, 197.
  104. 104,0 104,1 Figes 1998, p. 389.
  105. 105,0 105,1 McNeal 1972, p. 187.
  106. McNeal 1972, p. 188.
  107. McNeal 1972, pp. 188-189.
  108. 108,0 108,1 McNeal 1972, p. 189.
  109. McNeal 1972, p. 191.
  110. 110,0 110,1 McNeal 1972, p. 192.
  111. 111,0 111,1 McNeal 1972, p. 207.
  112. 112,0 112,1 McNeal 1972, p. 193.
  113. Cov'janov, Skatkin & 1994, p. 3.
  114. 114,0 114,1 114,2 McNeal 1972, p. 198.
  115. McNeal 1972, pp. 198-199.
  116. 116,0 116,1 116,2 McNeal 1972, p. 194.
  117. McNeal 1972, p. 199.
  118. Cov'janov, Skatkin & 1994, p. 5.
  119. McNeal 1972, p. 204.
  120. McNeal 1972, pp. 205, 207.
  121. Muñoz-Muñoz 2010, p. 151.
  122. McNeal 1972, p. 200.
  123. McNeal 1972, pp. 194-195.
  124. McNeal 1972, pp. 195-196.
  125. Muñoz-Muñoz 2010, p. 150.
  126. 126,0 126,1 126,2 Cov'janov, Skatkin & 1994, p. 4.
  127. Muñoz-Muñoz 2010, p. 149-150.
  128. McNeal 1972, p. 215.
  129. 129,0 129,1 129,2 McNeal 1972, p. 216.
  130. McNeal 1972, p. 218.
  131. 131,0 131,1 McNeal 1972, p. 219.
  132. McNeal 1972, p. 222.
  133. 133,0 133,1 McNeal 1972, p. 236.
  134. 134,0 134,1 McNeal 1972, p. 237.
  135. 135,0 135,1 135,2 135,3 McNeal 1972, p. 238.
  136. McNeal 1972, p. 232-233.
  137. McNeal 1972, p. 234.
  138. McNeal 1972, p. 244.
  139. McNeal 1972, p. 244-25.
  140. McNeal 1972, p. 245.
  141. McNeal 1972, p. 246.
  142. McNeal 1972, p. 246-247.
  143. 143,0 143,1 McNeal 1972, p. 248.
  144. McNeal 1972, p. 248-249.
  145. 145,0 145,1 McNeal 1972, p. 249.
  146. McNeal 1972, p. 249-250.
  147. McNeal 1972, p. 250.
  148. 148,0 148,1 McNeal 1972, p. 253.
  149. 149,0 149,1 149,2 McNeal 1972, p. 256.
  150. McNeal 1972, p. 258-259.
  151. McNeal 1972, p. 260-261.
  152. 152,0 152,1 McNeal 1972, p. 266.
  153. 153,0 153,1 153,2 Muñoz-Muñoz 2010, p. 145.
  154. 154,0 154,1 154,2 McNeal 1972, p. 288.
  155. 155,0 155,1 McNeal 1972, p. 272.
  156. McNeal 1972, p. 274.
  157. McNeal 1972, p. 274-275.
  158. McNeal 1972, p. 278.
  159. 159,0 159,1 McNeal 1972, p. 280.
  160. McNeal 1972, p. 283-284.
  161. 161,0 161,1 McNeal 1972, p. 284.
  162. McNeal 1972, p. 287-288.
  163. 163,0 163,1 McNeal 1972, p. 289.
  164. McNeal 1972, p. 291.
  165. McNeal 1972, p. 291-292.
  166. 166,0 166,1 McNeal 1972, p. 292.
  167. McNeal 1972, p. 293.
  168. 168,0 168,1 McNeal 1972, p. 294.
  169. McNeal 1972, p. 294-295.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]