Sirimavo Bandaranaike
Sirima Ratwatte Dias Bandaranaike (en cingalés: සිරිමා රත්වත්තේ ඩයස් බණ්ඩාරනායක, en támil: சிறிமா ரத்வத்தே டயஸ் பண்டாரநாயக்கே), nada en Colombo o 17 de abril de 1916 e finada na mesma cidade o 10 de outubro de 2000, foi unha política cingalesa coñecida comunmente como Sirimavo Bandaranaike.[1][2] Foi a primeira muller en acadar a xefatura do goberno de forma non hereditaria na historia moderna, ao ser elixida primeira ministra de Sri Lanka en 1960. Ocupou o cargo en tres períodos, 1960–1965, 1970–1977 e 1994–2000.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Bandaranaike naceu nunha familia Kandyan aristocrática e foi educada en escolas inglesas católicas, aínda que continuou a ser budista theravada e falaba cingalés ademais de inglés. Tras graduarse da secundaria, traballou en varios programas sociais. Como axudante do seu marido, S. W. R. D. Bandaranaike, político que chegou a ser primeiro ministro, gañou a súa confianza como conselleira informal. A súa obra social centrouse na mellora da vida das mulleres e as nenas en zonas rurais de Sri Lanka. Tralo asasinato do seu marido en 1959, Sirimavo Bandaranaike entrou oficialmente en política e en 1960 converteuse na primeira muller elixida primeira ministra dun país. Ademais, foi líder do partido político Freedom Party durante catro décadas.
Bandaranaike intentou transformar a antiga colonia británica de Ceilán nunha república socialista, para o que nacionalizou organizacións bancarias, educativas, industriais, medios de comunicación e institucións do sector do comercio. Co cambio da lingua administrativa do inglés ao cingalés, aumentou o descontento entre a poboación támil. Durante os dous primeiros períodos de Bandaranaike como primeira ministra, o país sufriu unha alta inflación, así como dependencia das importacións de alimentos, alto desemprego e polarización entre as poboacións cingalesas e támiles por consecuencia das súas políticas nacionalistas cingalesas.
Bandaranaike foi a nai de Chandrika Kumaratunga, tamén líder do partido previamente liderado polos seus pais e quen tamén foi presidenta e primeira ministra de Sri Lanka. Durante o último período de Bandaranaike como primeira ministra, a súa filla ocupaba o cargo de presidenta; en virtude de que a constitución cambiara dende a última vez que fora primeira ministra, agora estaba subordinada á súa filla.
Bandaranaike faleceu sendo primeira ministra, tras ir votar o día das eleccións nacionais.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ O sufixo "vo" denota respecto. Tamén foi chamada Mrs Bandaranaike, Mrs B ou Mathini.
- ↑ Rettie 2000.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sirimavo Bandaranaike ![]() |
![]() |
A Galipedia ten un portal sobre: Muller |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- C. A. Gunarwardena, « Sirima(vo) Dias Bandaranaike », in Encyclopedia of Sri Lanka, New Dawn Press, New Delhi, 2006 2ª ed. p. 39-40 ISBN 978-1932705485
- Maureen Seneviratne, Sirimavo Bandaranaike, the World's First Woman Prime Minister: a Biography, Hansa Publishers asociada con Laklooms, Colombo, 1975, 209 p.
- Rettie, John (24 de maio de 1993). "New ruler eases Sri Lanka tension". The Guardian (Londres, Inglaterra). p. 8. Consultado o 6 de novembro de 2018 – vía Newspapers.com.