Kairo-kō

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Kairo-kō
薤露行
Autor/aNatsume Sōseki
OrixeXapón
LinguaXaponés
Tema(s)Materia de Bretaña
Xénero(s)Novela
Data de pub.1905
Precedido porRondon tō (1905)
Seguido porBotchan (1906)
editar datos en Wikidata ]

Kairo-kō (xaponés: 薤露行; "Viaxe cara ao efémero") é unha novela de Natsume Sōseki, publicada orixinalmente no 1905.[1] Trátase da primeira e principal aproximación ao ciclo artúrico en xaponés, xa que narra o triángulo amoroso entre Lancelot, Xenevra e Elaine de Astolat.[2]

Sinopse[editar | editar a fonte]

Kairo-kō consta dunha breve introdución e cinco seccións.[2] A primeira delas, chamada Yume 夢 ("O soño"), relata unha conversa entre Lancelot e Xenevra. Esta describe un soño no que unha serpe os envolve a ambos, e que remata con Lancelot dirixíndose cara un torneo. A segunda sección, Kagami 鏡 ("O espello"), inspirada no The Lady of Shalott ("A dama de Shalott", 1832) de Tennyson, conta a historia dunha muller que só pode contemplar o mundo a través dun espello. Porén, a dama mira directamente a Lancelot, polo que acaba morrendo, non sen antes maldicir ao cabaleiro. A terceira parte, Sode 袖 ("A manga"), recolle o famoso episodio no que Elaine de Astolat convence a Lancelot de levar a súa manga como escudo nunha xusta. Na seguinte sección, Tsumi 袖 ("A transgresión"), Xenevra descobre a relación entre Lancelot e Elaine; en consecuencia, Mordred condena a esta última pola súa infidelidade cara o rei Artur. Finalmente, a obra remata con Fune 舟 ("A barca"), que versa sobre o pasamento de Elaine, en loito pola perda de Lancelot.

Historia[editar | editar a fonte]

Kairo-kō foi un dos primeiros libros de Sōseki, que o consolidaron como o principal novelista da era Meiji. Do mesmo xeito que Rondon tō (1905), forma parte do ciclo inglés do autor, un conxunto de obras inspiradas na súa desagradable estancia no Reino Unido entre o 1901 e o 1903, durante a que estudou en profundidade a historia da literatura inglesa.[2]

Kairo-kō mestura os materiais medievais e vitorianos con formas chinesas e xaponesas. As súas fontes principais foron Le Morte d'Arthur ("A morte de Artur", c. 1485) de Thomas Malory (c. 1393 ou 1425-c. 1470); a poesía artúrica de Alfred Tennyson (1809-1892), especialmente The Lady of Shalott (1832) e Idylls of the King ("Os idilios do rei", 1859-85); e The Faerie Queene ("A raíña das fadas", 1590), de Edmund Spenser (c. 1552-1599), da que toma a descrición do espello de Merlín.[1][2]

A súa prosa é eminentemente lírica, con pasaxes que reflexionan sobre a dor e a tristura, mesturadas coa paixón amorosa dos protagonistas. O estilo arcaico da escrita podería estar inspirado na arte prerrafaelista e fin de siècle, que Sōseki coñeceu en Londres.[1][2][3] Kairo-kō explora o tema do adulterio, moi frecuente na novelística posterior do autor. O crítico literario Jun Etō suxeríu que esta obsesión procede da relación do propio Sōseki coa súa medio irmá; porén, esta hipótese é moi controvertida.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Dunbar (2018): 228.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Takamiya (1991): 424.
  3. Higaya (1993): 377.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]