Rondon tō

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rondon tō
倫敦塔
Autor/aNatsume Sōseki
OrixeXapón
LinguaXaponés
Xénero(s)Novela curta
Data de pub.1905
Precedido porWagahai wa neko de aru (1905)
Seguido porKairo-kō (1905)
editar datos en Wikidata ]

Rondon tō (xaponés: 倫敦塔; lit. "A torre de Londres") é unha novela curta do escritor nipón Natsume Sōseki (1867-1916), publicada no 1905. Apareceu orixinalmente na revista literaria Teikoku bungaku 帝国文学 ("Literatura imperial"). A obra baséase nas impresións do autor sobre a Torre de Londres durante o seu período como estudante no Reino Unido.

Historia[editar | editar a fonte]

Fotografía da torre de Londres.
Fotografía da torre de Londres.

Entre agosto do 1910 e decembro do 1902, Sōseki estivo no Reino Unido como estudante de inglés, enviado polo Ministerio de Educación xaponés.[1][2] Durante esta época viviu a meirande parte do tempo en Londres, onde tivo a oportunidade de realizar unha visita á devandita torre, que constituiría a inspiración para a súa novela.[3] Porén, o propio autor sinalou que os seus contidos son principalmente ficticios.

Segundo Sōseki, a torre de Londres condensa toda a historia de Inglaterra.[4] A obra fai referencia a personaxes coma Thomas Cranmer (1489-1556), Thomas Wyatt o Novo (1521-1554) ou Walter Raleigh (1552-1618), que foron executados na torre.[4] Tamén fala sobre os fillos de Eduardo IV (1442-1483), Eduardo V (1470-1483) e Ricardo (1473-1483), así como de Jane Grey (1537-1554).[2] Neste sentido, diferénciase da súa opera prima Wagahai wa neko de aru (1905), unha novela satírica.

Rondon tō forma parte dunha serie de títulos inspirados na visita de Sōseki ao Reino Unido, e que o autor foi publicando tras o seu regreso ao Xapón no 1903.[5]

Sinopse[editar | editar a fonte]

Rondon tō narra a historia dun estudante xaponés de intercambio que visita a torre de Londres. Dende a súa perspectiva, preséntase ao lector a historia de Inglaterra e das personaxes relacionadas co edificio.[3] A obra conta cunha atmosfera pesimista e lúgubre, como se reflicte na seguinte pasaxe:[6]

Xa o seu nome, a Porta do Traidor, produce espanto. Dende tempos inmemoriais, miles de criminais foron levados en bote a través desta porta para ser recluídos no interior da torre. Ao baixar da barca, deixaban ás costas un sol que nunca os volvería iluminar. O Támese era para eles a lagoa Estixia, e esta porta a entrada cara o Inframundo.
Natsume Soseki: Rondon tō (1905)

Traducións[editar | editar a fonte]

En castelán[editar | editar a fonte]

En inglés[editar | editar a fonte]

  • The Tower of London: Tales of Victorian London (1997). Tradución de Damian Flanagan e Fūtarō Yamada. Peter Owen.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. McClellan, Edwin (1959). "An Introduction to Sōseki". Harvard Journal of Asiatic Studies 22: 150–208. ISSN 0073-0548. doi:10.2307/2718542. 
  2. 2,0 2,1 Dunbar, Ann-Marie (2018-03). "“THREE LEAGUES AWAY FROM A HUMAN COLOUR”: NATSUME SOSEKI IN LATE-VICTORIAN LONDON". Victorian Literature and Culture (en inglés) 46 (1): 221–236. ISSN 1060-1503. doi:10.1017/S1060150317000407. 
  3. 3,0 3,1 Firdausy, Laily Raff; Susilo, Syahrur Marta Dwi (2022-05-03). "THE MOBILITY OF NATSUME SOSEKI TO LONDON AND HIS CULTURAL ADAPTATION IN 'RONDONTŌ'". Leksema: Jurnal Bahasa dan Sastra (en inglés) 7 (1): 25–36. ISSN 2527-807X. doi:10.22515/ljbs.v7i1.4837. 
  4. 4,0 4,1 4,2 夏目漱石 (1997). The Tower of London: Tales of Victorian London (en inglés). Peter Owen. ISBN 978-0-7206-1234-9. 
  5. "Sōseki Natsume: The Loneliness of a Japanese Writer in London". London Overlooked (en inglés). Consultado o 2024-03-18. 
  6. "Sōseki Natsume: The Loneliness of a Japanese Writer in London". London Overlooked (en inglés). Consultado o 2024-03-18. 
  7. "La Torre de Londres – José J. de Olañeta, Editor" (en castelán). Consultado o 2024-03-15. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]