Botchan

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Botchan
Manuscritos orixinais de Botchan
Título orixinal坊っちゃん
Autor/aNatsume Sōseki
OrixeXapón
LinguaXaponés
Xénero(s)Novela
Data de pub.1906
Precedido porKairo-kō (1905)
Seguido porKusamakura (1906)
Primeira edición galega
TraduciónMona Imai
EditorialGalicia Rinoceronte Editora (2011)
Galicia Sushi Books (2015)[1]
editar datos en Wikidata ]

Botchan (xaponés: 坊つちやん) é unha novela do autor nipón Natsume Sōseki, escrita en 1906. O libro ten elementos autobiográficos, e trátase dunha das obras de máis éxito no Xapón, até o punto de que o protagonista é un personaxe coñecido por todo o mundo.[2]

Foi traducida ao galego por Mona Imai no 2011 para Rinoceronte Editora, e posteriormente reeditado no 2015, dentro do selo da mesma editorial chamado Sushi Books.[3]

Historia[editar | editar a fonte]

Tras estudar inglés na Universidade Imperial de Toquio, Natsume Sōseki deu clases en Toquio até o 1895, cando comezou a traballar nun instituto de secundaria na illa de Shikoku.[4] As experiencias vividas neste centro inspirarían a creación de Botchan, que narra a historia dun docente toquiota na mesma rexión.[4]

Argumento[editar | editar a fonte]

Botchan en xaponés quere dicir señorito, co dobre sentido que tamén ten en galego, é dicir, o fillo dun señor pero tamén unha persoa sen experiencia á que lle gusta de vivir sen traballar. O protagonista é un mozo que nos explica as súas orixes familiares en Toquio, onde non era moi apreciado e todas as atencións ían cara ao seu irmán, a que non atura. Cando morren os seus pais, o seu irmán déixalle uns cartos cos que decide formarse nunha escola de física. Esta formación serviralle para conseguir un traballo como profesor de matemáticas no sur do país, concretamente na illa de Shikoku, que el ve como un lugar provinciano e cheo de xente sen sentido da lealdade. En Toquio deixa tan só a Kiyu, a serventa da familia, quen lle promete que o estará agardando e que sempre lle chama botchan.

O protagonista é un mozo inxenuo, que se deixa influír polos seus colegas profesores de instituto coa mala sorte de que se pon a mal cos que son máis amigábeis e se achega a xente pouco respectable. Os seus costumes máis ou menos elevados (ou propios da capital), serán un punto feble cando chega á escola, xa que serán obxecto de burla e difamación. Por sorte, acaba apreciando os verdadeiros compañeiros e vendo o comportamento hipócrita dos que quixeron manipulalo, de xeito que despois dunha serie de leas, decide dimitir do seu posto e volver a Toquio, cousa que o pon extremadamente contento. En Toquio encóntrase con Kiyu, que o estaba a agardar e que o coidará até a súa morte.

Personaxes[editar | editar a fonte]

  • Botchan (lit. "mestre novo"): o protagonista da novela, e narrador en primeira persoa. Naceu e medrou en Toquio, feito do que está orgulloso. Tras graduarse na Academia de Ciencias de Toquio (actual Universidade de Ciencias de Toquio), aceptou un posto de profesor de matemáticas nun centro de Matsuyama, na illa de Shikoku.
  • Kiyo (nome que significa "puro, pureza"): a antiga criada da familia de Botchan. Procede dunha familia aristocrática caída en desgraza.
  • Uranari (lit. "cabaza verde"): o seu auténtico nome é Koga, mais Bothcan emprega este alcume polo seu rostro repoludo e a súa pel esbrancuxada. É o profesor de inglés. Trátase dunha persoa refinada e melancólica, así como honesta e humilde. Porén, o seu matrimonio concertado cunha fermosa rapaza local (a "Madonna") sitúao no centro dunha tempestuosa rivalidade.
  • Yamaarashi (lit. "porco espiño"): o director do departamento de matemáticas, chamado Hotta. É un home rexo e de voz grave. Concíbese a si mesmo coma un campión da xustiza, polo que non se amedrenta ante as confrontacións.
  • O Camisa Vermella: un dos principais antagonistas, así chamado porque sempre leva unha camisa vermella de flanela. Descoñécese o seu verdadeiro nome. Trátase do xefe de estudos do instituto, e o único dos seus membros cun título de doutoramento. Preséntase coma un erudito sofisticado. Ten a intención de casar coa Madonna, a prometida de Uranari, e as súas intrigas para conseguilo conforman o arco narrativo da novela.
  • Nodaiko (lit. "sarmago"): Yoshikawa, o profesor de artes. É unha persoa aduladora que acompaña ao Camisa Vermella nas súa confabulacións.
  • Tanuki (lit. "mapache"): o director da escola. Oufánase de ser unha persoa recta e protocolaria, mais adoita ser un monicreque dos plans do Camisa Vermella.
  • A Madonna: a señorita Toyama, unha fermosa rapaza de Matsuyama. Está prometida con Uranari, mais mantén unha relación secreta co Camisa Vermella.

Adaptacións[editar | editar a fonte]

Animación[editar | editar a fonte]

No 1986, dous episodios do anime Seishun Anime Zenshu 青春アニメ全種 adaptaron a novela.[5]

Banda deseñada[editar | editar a fonte]

O mangaka Jirō Taniguchi adaptou partes da novela á banda deseñada, nunha obra en dez volumes que comezou a publicarse no 1986, Botchan no jidai 坊ちゃんの時代 ("A época de Botchan").[6]

Cinema[editar | editar a fonte]

Fixéronse varias adaptacións da novela ao cinema. A primeira delas por P.C.L. (actual Toho) no 1935.[7] Tokyo Eiga realizou outra versión no 1953.[8] A empresa Shochiku fixo tres filmes no 1958, no 1966 e no 1977.[9][10][11] TMS Entertainment creou unha película para televisión no 1980.[12]

Traducións[editar | editar a fonte]

En galego[editar | editar a fonte]

En castelán[editar | editar a fonte]

En portugués[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. rinoceronte.gal (ed.). "Botchan". Consultado o 3 de marzo de 2022. 
  2. Botchan. Traducido por Mona Imai (1ª ed.). Cangas: Rinoceronte Editora. 2010. ISBN 978-84-92866-14-4 – vía Biblioteca da Tradución Galega. 
  3. Botchan. Traducido por Mona Imai. Rinoceronte Editora – vía Biblioteca da Tradución Galega. 
  4. 4,0 4,1 McClellan, Edwin (1969). Two Japanese Novelists: Sōseki and Tōson (en inglés). University of Chicago Press. ISBN 978-0-226-55652-9. 
  5. "青春アニメ全集 - 作品紹介 - NIPPON ANIMATION". www.nippon-animation.co.jp. Consultado o 2024-03-14. 
  6. "La época de Botchan - Zona Negativa" (en castelán). 2016-07-02. Consultado o 2024-03-13. 
  7. Yamamoto, Kajirô (1935-03-14). "Botchan". Consultado o 2024-03-14. 
  8. Maruyama, Seiji (1953-08-12). "Botchan". Consultado o 2024-03-14. 
  9. Ômi, Toshirô (1958-01-03). "Botchan tengoku". Consultado o 2024-03-14. 
  10. Ichimura, Hirokazu (1966-08-13). "Botchan". Consultado o 2024-03-14. 
  11. Maeda, Yôichi (1977-08-06). "Botchan". Consultado o 2024-03-14. 
  12. Takeuchi, Yoshio (1980-06-13). "Botchan". Consultado o 2024-03-14. 
  13. "Botchan – Rinoceronte Editora". Consultado o 2024-03-13. 
  14. "Botchan – Sushi Books". Consultado o 2024-03-13. 
  15. "Botchan". Impedimenta (en castelán). Consultado o 2024-03-13. 
  16. "Botchan – Sushi Books". Consultado o 2024-03-13. 
  17. "Botchan - Alianza Editorial". www.alianzaeditorial.es (en castelán). Consultado o 2024-03-13. 
  18. "Botchan" (en portugués). Consultado o 2024-03-13. 
  19. "Botchan - WorldCat.org". search.worldcat.org (en inglés). Consultado o 2024-03-13. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]