Saltar ao contido

José Carnero Valenzuela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaJosé Carnero Valenzuela

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento1906 Editar o valor en Wikidata
Santiago de Compostela, España Editar o valor en Wikidata
Morte1986 Editar o valor en Wikidata (79/80 anos)
Rianxo, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfarmacéutico, político Editar o valor en Wikidata

Nomes e Voces: 9321

José Eduardo Carnero Valenzuela, nado en Santiago de Compostela en 1906 e finado en Rianxo en xullo de 1986, foi un profesor, farmacéutico e político galego.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Fillo de Eduardo Carnero Calvo, comandante do Exército, e Carmen de Valenzuela Ulloa. Seguiu os estudos de Ciencias, ao tempo que facía Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela. Nesta última facultade foi dirixente da FUE. En 1932 acadou en Madrid o doutoramento en Ciencias, tras diso foi nomeado profesor axudante de Química na Facultade de Ciencias.

Pertenceu ao Partido Republicano Federal de Izquierda Gallega, do que chegou a ser o secretario xeral, e colaborou no seu órgano Galicia Federal. En xuño de 1935 aproba as oposición a catedrático de instituto na rama de Ciencias[1]; en novembro de 1935 resulta destinado a Cervera (Lleida), e logo a Yecla ata finalizar o curso 1935-1936, cando foi a Madrid para realizar unhas oposicións. Volveu a Compostela o 10 de xullo e desprazouse á casa duns familiares na Bandeira o 16 de xullo.

O 20 de xullo de 1936 ao ser informado polo alcalde de Silleda Emilio Alonso Paz da situación, colleu un autobús e presentouse en Compostela. Acudiu ao concello e o alcalde Ánxel Casal encomendoulle unha misión na emisora de Unión Radio Galicia. Trasladouse ás instalacións radiofónicas situadas no Convento de San Domingos de Bonaval, fíxose cargo do micrófono con José Caldas e comezaron a radiar noticias recibidas por teléfono desde o Pazo de Raxoi e doutras emisoras alentando a resistencia contra o golpe de estado. Permaneceron na emisora ata as tres da madrugada do día 21.

Logo da saída á rúa dos militares, abandonaron as instalacións e cada un fuxiu por onde puido. Carnero conseguiu chegar a Bandeira. Días despois, o 27 de xullo, foi detido por unha patrulla militar, enviada para capturalo, cando se atopaba agochado co seu curmán Ramón de Valenzuela Otero na súa casa da Viña.

Xulgado en consello de guerra polo delito de traizón en novembro de 1936, foi condenado a morte xunto con outros dez procesados. Grazas á intervención da súa tía materna Elvira de Valenzuela (nai do comandante Simón Lapatza de Valenzuela), que fixo unha xestión co propio Franco, foille conmutada a pena pola de reclusión perpetua. Revisada despois a súa condena, foille reducida a 12 anos e un día de prisión maior.[2] Pasou varios anos na cadea de Coruña (alí elaborou para os seus compañeiros tranquilizantes e somníferos usando bolas de miga de pan tinguidas con trementina), e no Destacamento Penal das minas de Fontao (Silleda) onde lle afundiron o cranio dunha pedrada, aínda que foi operado polo seu tío Luís de Valenzuela. Foi posto en liberdade condicional o 20 de xuño de 1943.[3] Posteriormente a Delegación Educativa de Santiago de Compostela outorgoulle un permiso para dedicarse ao ensino privado mentres non se resolvía o seu expediente de depuración. Casou en 1945 con Conchita Ríos Chicharro. En 1946 solicitou o indulto. En 1948 fixou a súa residencia en Rianxo ao facerse cargo dunha botica que estivera rexentada por Álvaro Domínguez Baraja. Traballou en Rianxo na recuperación de actividades culturais como a danza da redeiros. Finou en Rianxo en xullo de 1986.[4]

  1. Torres Bouza, Xosé María (2022). "José Carnero de Valenzuela, condenado a muerte en 1936, e inspirador de la romería vikinga de Catoira". En Torres Bouza, Xosé María. La Facultad de Farmacia de Santiago de Compostela. Su historia contada por farmacéuticos. A Coruña: Colegio Oficial de Farmacéuticos de A Coruña. pp. 262–267. 
  2. "Homenaje a los diez miembros del comité de defensa de la república, fusilados en 1936", La Voz de Galicia, 3-12-1977, p. 35.
  3. BOE, 28-8-1943, p. 8326.
  4. "El ultimo federal", La Voz de Galicia, 21-7-1986, p. 3.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Comoxo, Xosé; Santos, Xesús (2006). Saúde e República (Rianxo 1930-1936) Política e sociedade. Concello de Rianxo. pp. 338–339. 
  • Lamela García, Luis (2005). 1936, la 'Cruzada' en Compostela. La guerra civil y la represión franquista en los documentos policiales y militares. Sada: Do Castro. ISBN 84-8485-186-9. 

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]