José Carnero Valenzuela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
José Carnero Valenzuela
Xosé Carnero Valenzuela por Camilo Díaz Baliño.jpg
Retrato feito por Camilo Díaz Baliño cando estiveron no cárcere de Santiago de Compostela.
Nacemento1906
 Santiago de Compostela
Falecemento1986
 Rianxo
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónfarmacéutico e político
editar datos en Wikidata ]

José Eduardo Carnero Valenzuela, nado en Santiago de Compostela en 1906 e finado en Rianxo en 1986, foi un profesor, farmacéutico e político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Eduardo Carnero Calvo, comandante do Exército, e Carmen de Valenzuela Ulloa. Licenciado en Ciencias, foi dirixente da FUE na facultade de Farmacia. Pertenceu ao Partido Federal de Izquierda Gallega. En novembro de 1935 marchou a Cervera para exercer de profesor, e logo a Yecla ata xuño de 1936, cando foi a Madrid para realizar unhas oposicións. Volveu a Compostela o 10 de xullo e desprazouse á casa duns familiares na Bandeira o 16 de xullo.

O 20 de xullo de 1936 ao ser informado polo alcalde de Silleda Emilio Alonso Paz da situación, colleu un autobús e presentouse en Compostela. Acudiu ao concello e o alcalde Ánxel Casal encomendoulle unha misión na emisora de Unión Radio Galicia. Trasladouse ás instalacións radiofónicas situadas no Convento de San Domingos de Bonaval, fíxose cargo do micrófono con José Caldas e comezaron a radiar noticias recibidas por teléfono desde o Pazo de Raxoi e doutras emisoras. Permaneceron na emisora ata as tres da madrugada do día 21.

Logo da saída á rúa dos militares, abandonaron as instalacións e cada un fuxiu por onde puido. Carnero conseguiu chegar a Bandeira. Días despois, o 27 de xullo, foi detido por unha patrulla militar, enviada para capturalo, cando se atopaba agochado co seu curmán Ramón de Valenzuela Otero na súa casa da Viña.

Xulgado en consello de guerra polo delito de traizón en novembro de 1936, foi condenado a morte como o resto dos procesados. Revisada a condena grazas á intervención da súa tía Elvira de Valenzuela (nai do comandante Simón Lapatza de Valenzuela), foi condenado a 12 anos e un día de prisión maior. Pasou varios anos na cadea de Santiago e no Destacamento Penal das minas de Fontao (alí elaborou para os seus compañeiros tranquilizantes e somníferos usando bolas de miga de pan tinguidas con trementina) onde lle afundiron o cranio dunha pedrada, aínda que foi operado polo seu irmán Luís de Valenzuela. Foi posto en liberdade condicional o 20 de xuño de 1943. Posteriormente a Delegación Educativa de Santiago de Compostela outorgoulle un permiso para dedicarse á ensinanza privada mentres non se resolvía o seu expediente de depuración. Casou en 1945 con Conchita Ríos Chicharro. En 1946 solicitou o indulto. En 1948 fixou a súa residencia en Rianxo ao facerse cargo dunha botica que estivera rexentada por Álvaro Domínguez Baraja. Traballou en Rianxo na recuperación de actividades culturais como a danza da rede.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Comoxo, Xosé; Santos, Xesús (2006). Concello de Rianxo, ed. Saúde e República (Rianxo 1930-1936) Política e sociedade. pp. 338–339. 
  • Lamela García, Luis (2005). Do Castro, ed. 1936, la 'Cruzada' en Compostela. La guerra civil y la represión franquista en los documentos policiales y militares. Sada. ISBN 84-8485-186-9. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]