Partido Sindicalista

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Partido Sindicalista foi un partido político español creado en 1932 polo que fora varias veces secretario nacional da CNT, Ángel Pestaña, pertencente ao sector moderado do anarcosindicalismo.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Pestaña era partidario de construír un movemento obreiro sólido, cun partido que se convertese nunha especie de representante político da CNT. Tamén defendía a formación de alianzas obreiras con outros sindicatos e dunha coalición electoral de todas as esquerdas para frear o fascismo.

O Partido Sindicalista tiña a maioría dos seus militantes en Cataluña, Madrid, Andalucía, Aragón e Valencia. Nas eleccións de 1936 obtivo dous deputados no seo da Fronte popular. Ao inicio da guerra civil, momento no que contaba uns 30.000 militantes, o partido organizou as súas propias milicias. Pero logo da renuncia de Pestaña por motivos de saúde a fins de 1936 o partido case deixou de actuar.

O Partido Sindicalista en Galicia[editar | editar a fonte]

Malia contar xa con figuras illadas dende o comezo da súa andaina, a acción do Partido Sindicalista en Galiza naceu oficialmente a comezos de 1934 coa constitución da agrupación local da Coruña que editou o periódico Trabajo. Entre os seus membros estaban Manuel Fernández, Silvio Santiago e Leandro Carré Brandariz. Pero a organización máis influente era a de Santiago de Compostela, dirixida por Marcial Villamor, e que controlaba a maioría da CNT local.

O Partido Sindicalista integrouse na Fronte Popular, malia non conseguir meter ningún candidato nas listas da coalición en Galiza. O Partido Sindicalista, contrariamente á maioría do anarquismo galego, indiferente ou contrario ao autonomismo, fixo campaña a prol do Estatuto de Autonomía de 1936.