José Tomé Piñeiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
José Tomé Piñeiro
Nome completoJosé Tomé Piñeiro
Nacemento1922
Lugar de nacementoTeixeiro
Falecemento23 de xuño de 2003
Lugar de falecementoTeixeiro
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónveterinario e político
editar datos en Wikidata ]

José Tomé Piñeiro, nado en 1922 e finado en Teixeiro o 23 de xuño de 2003, foi un veterinario e político galego que foi o primeiro alcalde democrático de Curtis.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Veterinario de profesión, foi elixido alcalde de Curtis tralas municipais de abril de 1979, encabezando a candidatura Agrupación de Electores de Curtis, que logrou a maioría absoluta con 8 concelleiros fronte a 5 da UCD. Nas municipais de maio de 1983 foi reelixido alcalde encabezando a candidatura da Agrupación de Electores Independentes de Curtis e Teixeiro, logrando de novo maioría absoluta fronte aos Independentes Democráticos do Concello de Curtis e AP.

A partir do seu segundo mandato a rivalidade histórica entre as principais localidades do municipio, Curtis e Teixeiro, estalou pedindo os veciños da localidade curtense a súa segregación do concello en setembro de 1983, alegando a suposta discriminación que sufrían dende Teixeiro, que era a capital municipal onde se atopa a casa do concello, e por parte do goberno local, o cal era maioritariamente da localidade capitalina. Os segregacionistas rapidamente atoparon o apoio de diferentes asociacións de veciños da localidade de Curtis, e de gran parte grupo maioritario da oposición, os Independentes Democráticos, que eran maioritariamente de orixe curtense. Este conflito marcaría o resto do mandato do alcalde.

De cara ás municipais de xuño de 1987, os dous principais líderes políticos do concello, o alcalde Tomé Piñeiro e o independente Manuel Ángel Terrón Caínzos, optaron polas grandes plataformas partidarias para competir pola alcaldía. Tomé integrouse co seu equipo no PSdeG-PSOE, onde a maioría dos seus integrantes eran de Teixeiro, mentres que Terrón optou pola CPG do entón presidente de Deputación provincial, Enrique Marfany Oanes, e onde os seus integrantes eran maioritariamente de Curtis. Os resultados deron unha nova vitoria por maioría absoluta a Tomé á fronte dos socialistas, logrando de novo a maioría absoluta con 8 concelleiros, fronte a 4 da CPG e 1 de AP. Con todo, o conflito non daba sinais de resolverse, con resultados tremendamente polarizados nas dúas localidades, dado que en Teixeiro os socialistas lograron máis do 80% dos votos, con apenas 5 votos para a CPG, e en Curtis a CPG logrou case o 90%. Entre medias AP mantiña resultados testemuñais, pero sendo máis forte que a CPG na zona de Teixeiro. Os veciños de Curtis non cesaron nas súas pretensións ao longo deste mandato.

Nas municipais de maio de 1991, Tomé Piñeiro logrou de novo a vitoria para o PSdeG-PSOE, pero nesta ocasión perdeu a maioría absoluta por unha escasa marxe, quedando con 6 concelleiros. Nesta ocasión, o grupo de Terrón Caínzos presentouse como Independentes de Curtis logrando 4 concelleiros, mentres que o PPdeG, que levaba maioritariamente veciños de Teixeiro, subiu de 1 a 3 edís, grazas a que lle comeu terreo aos socialistas na área de Teixeiro. Se ben nun principio se albiscaba a posibilidade dun acordo entre os dous grupos da oposición, dado que compartían ideoloxía de dereitas, o feito da procedencia de Curtis dos independentes e de Teixeiro dos populares, engadiu presión á situación, habendo temor a represalias nas localidades por apoiar unha candidatura que se albiscaba que era da vila rival. Minutos antes da investidura, as dúas forzas acordaron investir o candidato popular José Pato Ulloa como alcalde, emporiso, trala realización dunha votación secreta en urna, o voto dun dos concelleiros das candidaturas aliadas foi parar ao socialista José Tomé, polo que este conservou a alcaldía. A pesar de que dende as dúas formacións opositoras se afirmaba que todo se tratou dun erro involuntario, a desconfianza agrandouse entre os dous grupos opositores, recaendo as sospeitas principalmente no grupo teixeirán do PP, pedindo os independentes unha moción de censura que non se chegaría a presentar en todo o mandato.

Dada esta situación, os veciños de Curtis iniciaron en novembro de 1991 os trámites legais para logra-la segregación da localidade, proceso que marcaría o mandato, e ó cal o alcalde José Tomé deu absoluta lexitimidade, anunciando en decembro de 1992 que aceptaría a decisión dos veciños curtenses. Este proceso de segregación foi parello ó da Illa de Arousa e Burela, porén non terminou frutificando debido a que non se cumprían certos requisitos, como o de poboación e a distancia entre as dúas localidades. Entre outros asuntos, no ano 1994 comezou a construción do Centro penitenciario de Teixeiro.

Non se presentou á reelección nas municipais de maio 1995, sendo substituído por José Luís López Ares á fronte da candidatura do PSdeG-PSOE e, finalmente, polo popular teixeirán Luís Novo Vázquez á fronte da alcaldía. Faleceu o 23 de xuño de 2003 en Teixeiro.


Predecesor:
?
 Escudo de Curtis.svg
Alcalde de Curtis
 
1979 - 1995
Sucesor:
Luís Novo Vázquez


Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou con María Dolores Seoane Sánchez e tivo dous fillos. Os seus descendentes fixeron carreira na política local, encabezando o seu fillo José Daniel unha candidatura independente no 2003, e o seu neto Xosé Manuel Tomé as candidaturas do BNG e Asembleas Abertas de Curtis no 2015 e 2019, respectivamente.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]