José Ramón Lence
José Ramón Lence | |
---|---|
![]() Retrato en Vida Gallega, 1933. | |
Nacemento | 16 de outubro de 1874 |
A Coruña | |
Falecemento | 19 de xaneiro de 1951 |
Buenos Aires | |
Nacionalidade | España |
Ocupación | xornalista |
[ editar datos en Wikidata ] | |
José Ramón Lence,[1] nado na Coruña o 16 de outubro de 1874 e finado en Buenos Aires o 19 de xaneiro de 1951, foi un escritor e xornalista galego.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Trasladouse coa familia a Monforte de Lemos, onde estudou no colexio dos Escolapios. Publicou artigos na prensa local (El Eco de Lemos, Heraldo de Lemos e La Ciudad del Cabe), foi redactor e administrador de La Concordia e dirixiu La Opinión. En 1904 emigrou a América, dirixiuse primeiro a Montevideo onde foi redactor de La Democracia, e en 1905 trasladouse a Buenos Aires e incorporouse á redacción de El Diario Español. Promoveu unha campaña para a constitución do Centro Gallego en maio de 1907. En 1908 fundou con José Vázquez Romaguera o semanario Correo de Galicia, que se converteu no periódico galego de maior difusión en América, permanecendo sen interrupción ata 1946 cando cambiou a súa denominación por Nuevo Correo.
As súas actitudes políticas foron cambiantes. Nun principio profesou un rexeneracionismo entusiasta tinguido de catolicismo social, que o levou a simpatizar co maurismo español. Nos anos vinte, ante o fracaso da reforma do réxime monárquico desde arriba, e logo dunha viaxe a Galicia, mantivo un fugaz idilio político co nacionalismo galego, e durante a ditadura de Primo de Rivera foi oposto á mesma. Nos anos trinta, e especialmente dende 1932, experimentou un desapego respecto ao réxime republicano español, culminado co seu aliñamento co bando franquista en 1936.
Obras[editar | editar a fonte]
Publicou La Conquista de América (1914), Jornadas de lucha (1924) e Memorias de un periodista (1945). Tamén escribiu teatro para a colectividade galega, como o monólogo Pedro da Portela, a zarzuela La galleguita (1914), escrita con Ramón Fernández Mato, na que se recrea o reencontro con Galicia dos emigrados a través do namoramento entre un fillo de americano retornado e unha fermosa moza galaica, o sainete lírico El almacenero (1915), Rosiña de Belesar con música de Egidio Paz Hermo (1915), as comedias Gente de Casa (1915), El señor presidente e Luz de Aurora (1917).
Na súa obra literaria trata temas costumistas e tamén intenta abordar cuestións de actualidade e desenvolver en forma alegórica debates de interese para os inmigrantes.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Nalgunhas referencias aparece como José Rodríguez Lence ou José Ramón Rodríguez Lence, confusión debida a que sempre asinou como José R. Lence, segundo Núñez Seixas en parte para ocultar a súa condición de fillo de nai solteira.