Ramón Fernández Mato

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Ramón Fernández Mato
Ramón Fernández Mato.png
Nacemento13 de maio de 1889
 Cespón, Boiro
Falecemento22 de novembro de 1980
 Vilagarcía de Arousa
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónxornalista, dramaturgo, médico, político e escritor
editar datos en Wikidata ]

Ramón Fernández Mato, nado en Boiro o 13 de maio de 1889 e finado en Vilagarcía de Arousa o 22 de novembro de 1980, foi un xornalista, escritor e político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu en Cespón (Boiro), de onde procedía a súa familia materna, aínda que a paterna era orixinaria de Outeiro de Rei (era tío de Manuel María). Estivo moi vinculado ao Valadouro polo seu matrimonio con Josefa López, natural de Ferreira e filla dun adiñeirado contratista que construíu numerosas estradas da rede viaria provincial.

Ramón Fernández Mato, retrato en Vida Gallega, 1933.

Cursou estudos no colexio dos escolapios de Monforte de Lemos, e alí publicou ás súas primeiras colaboracións no semanario El Cantaclaro. Estudou medicina na Universidade de Santiago de Compostela. Foi amigo persoal de Castelao (con quen fundou na súa xuventude a revista Galicia Moza) e de Valle Inclán. En 1910 presidiu en Santiago a asociación Joven Galicia, que esixía a creación da cátedra de Lingua e Literatura Galego-Portuguesa na Universidade e que se crease teatro en galego. Tamén foi redactor do periódico La República. Participou no movemento agrarista con Basilio Álvarez e foi un dos asinantes do Manifesto de Ourense da Liga Acción Gallega (1912). Residiu na Arxentina entre 1914 e 1915.

Anuncio de La Zarpa.

Pero a súa actividade máis importante é a de xornalista. Foi o primeiro director de El Pueblo Gallego, dirixiu a revista deportiva Los Deportes (1927), ademais de colaborar en múltiples xornais e revistas: Suevia (1917); a coruñesa Vida; La Zarpa, Ronsel, Vida Gallega, El Regionalista de Chantada, Mi Tierra (Ourense, 1911), Gaceta de Galicia; Cultura Gallega da Habana, onde publicou relatos entre 1936 e 1940; Caras y Caretas e La Nación de Bos Aires; La Esfera, Nuevo Mundo e El Liberal de Madrid; Prensa Libre e Carteles da Habana. Dirixiu tamén a revista Raíz. España en América da Habana.

Fundou unha biblioteca mariñeira en Bouzas, polo que foi condecorado coa Gran Cruz del Mérito Naval. Foi presidente do Real Club Celta, Presidente de Mérito do Centro Galego de Madrid e membro correspondente da Real Academia Galega.

Figura destacada na Segunda República, participou nos gabinetes de Alejandro Lerroux, Portela Valladares e Casares Quiroga, con cargos como o de Director Xeral de Seguridade. Foi gobernador civil de Cidade Real (16-6-1932 a 19-3-1933), Málaga (19-3-1933 a 14-9-1933), Logroño (14-9-1933 a 19-9-1933) e Xaén (11-2-1934 a 27-11-1935)[1]. Nas eleccións xerais de 1936 foi elixido deputado nas Cortes da Segunda República pola provincia de Lugo.[2]

A Guerra Civil obrigouno a exiliarse en Cuba, Venezuela e Santo Domingo, onde dirixiu o diario La Nación e escribiu, baixo a protección do ditador Rafael Leónidas Trujillo, o panexírico Trujillo o la transfiguración dominicana.

Foi, segundo Borobó, o único exiliado republicano galego que, xunto a Álvaro das Casas, se converteu ao franquismo no exilio. Volveu a España na década dos sesenta, da man do entón Ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga Iribarne, que, previo paso por Foz, conseguiulle a quinta Miña Terra en Vilagarcía.

Morreu en Vilagarcía de Arousa en 1980. Os seus restos foron trasladados ao cemiterio de Ferreira.

Obras[editar | editar a fonte]

Ramón Fernández Mato, retrato en Vida Gallega, 1915.

Narrativa[editar | editar a fonte]

  • 1913: El atrio profanado.
  • 1929: La tragedia del delantero centro.

Teatro[editar | editar a fonte]

Poesía[editar | editar a fonte]

  • 1931: Títeres del corazón.

Ensaio[editar | editar a fonte]

  • 1916: Patriotismo. Conferencia dada en el “Círculo de las Artes” el día 6 de noviembre de 1916 (Lugo, 1916).
  • 1941: Con los ojos del recuerdo. España.
  • 1945: Trujillo o la transfiguración dominicana.
  • 1964: Galicia como emoción y realidad.
  • 1965: La pelea gozosa.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Serrallonga i Urquidi, Joan (2007). "El aparato provincial durante la Segunda República. Los gobernadores civiles, 1931-1939" (PDF). Hispania Nova (7). Consultado o 1 de setembro de 2012. 
  2. Ficha no Congreso dos Deputados

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Lembrando a Fernández Mato. Concello de Boiro (Cadernos Culturais, 4).

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]