Saltar ao contido

José María Iparragirre

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaJosé María Iparragirre

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento12 de agosto de 1820 Editar o valor en Wikidata
Urretxu, España Editar o valor en Wikidata
Morte6 de abril de 1881 Editar o valor en Wikidata (60 anos)
Ezkio-Itsaso, España Editar o valor en Wikidata
Causa da mortepneumonía Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónbertsolari, músico, escritor Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
Conflitoprimeira guerra carlista Editar o valor en Wikidata
Familia
PaiJose Agustin Iparragirre Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteDicionario Musical Riemann (1901–1904) Editar o valor en Wikidata
Literaturaren Zubitegia: 312 BNE: XX1165507

Jose Maria Iparragirre Balerdi, nado en Urretxu (Guipúscoa) o 12 de agosto de 1820 e finado en Ezkio-Itsaso (Guipúscoa) o 6 de abril de 1881, foi un bertsolari de Euskadi. A súa vida, bohemia e aventureira, valeulle o alcuño do bardo vasco, imaxe que apoiaba coa súa inseparábel guitarra e a improvisación de cantos e versos. A súa obra, escrita maioritariamente en éuscaro, inclúe algunhas das cancións máis significativas e populares da actualidade en Euskadi e Nafarroa. A súa canción máis coñecida é Gernikako Arbola, adicada á árbore de Gernika, aínda que tamén escribiu en español, francés, inglés e italiano.

Viviu en pleno Romanticismo, un período moi convulso da historia de España, co estalido das guerras carlistas e a abolición dos Foros xerais vascos e os privilexios do Antigo Réxime.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Naceu en 1820 na rúa maior do casco antigo de Urretxu, fillo de José Agustín Iparraguirre Aramburu e Francisca Manuela Balerdi Escorta. O seu pai era dono dunha pastelaría. Estudou primeiro en Zerain baixo a tutela dun tío seu que era mestre. Con 11 anos foi enviado a estudar a Gasteiz, mais logo regresou ao fogar.

En 1833, con 13 anos, os pais mudáronse a Madrid, coincidindo case co estalido da primeira guerra carlista. Iparraguirre escapou da casa “sen máis opinión que o amor aos meus paisanos” coa intención de volver onda o seu tío en Zerain. Con todo, alistouse voluntario, con só 14 anos, nas filas carlistas, no primeiro batallón de Guipúscoa, até 1839.

Foi ferido nunha perna na batalla de Arrigorriaga (1835) e Kastrexana, e na batalla de Mendigorria, en Nafarroa (16 de xullo de 1835), a piques de caer prisioneiro só uns días antes. Permaneceu no escuadrón de alabardeiros da Garda Real do pretendente Carlos María Isidro de Borbón até acabar a guerra.

Rexeitou o convenio de Bergara e exiliouse en Francia.[1]

Estatua de Iparragirre na praza que leva o seu nome, en Urretxu.

Nos intres que tiña libres durante a guerra, tocaba coa guitarra cancións creadas por el. O seu pasado carlista e a súa afección pola música gañáronlle a protección dalgúns mecenas franceses, e coa axuda deles estudou coa cantante Caroline Duprez.

Co estalido da Revolución Francesa de 1848, sumouse á revolta que derrocou a monarquía de Lois Filipe de Orléans, cantando La Marseillaise ante o xentío. Cando Napoleón III deu o golpe de estado en 1851, Iparragirre foi expulsado do país por subversivo e percorreu Europa cunha compañía teatral para gañarse a vida. Viaxou como cantante itinerante por Italia, Suíza e Alemaña até instalarse en Londres en 1851. Durante a súa estadía alí, Iparragirre tocou para o xeneral Mazarredo. Este propúxolle a posibilidade de conseguirlle un indulto para volver a España. En 1853 obtivo dito indulto e volveu a Bilbao, de onde se dirixiu a Madrid. Na Fonda de San Luis da capital interpretou en público, con Juan Maria Blas Altuna ao piano, a canción Gernikako Arbola. Este zortziko fíxose popular e estendeuse por Euskadi.

En Bilbao cantouno en dous estabelecementos da Praza Nova, La Pastelería e o Café de la Iberia, e foi coreado pola xente, ás veces multitudinariamente ante a presenza do propio bertsolari. As autoridades considerábano un "axitador de masas", polo que en 1855 foi detido pola Garda Civil en Tolosa. Nos calabozos do xulgado desa vila compuxo outra das súas cancións máis populares, Nere amac balequi, un zortziko en que evocaba á súa nai. Iparragirre foi desterrado das Provincias Vascongadas e pasou os seguintes dous anos no resto de España.[Cómpre referencia]

Acabado o desterro, regresou a Guipúscoa en 1856. Alí coñeceu a moza Angela Querejeta, coa que estabelecería unha relación sentimental. Temoroso das autoridades e con poucas posibilidades de medrar, en 1858 fuxiu a Francia de novo. El e Angela partiron desde o porto de Baiona para Arxentina o 29 de agosto de 1858. O ano seguinte casaron en Buenos Aires, Iparragirre con 36 anos e Angela con 17. Tiveron dous fillos e seis fillas (Iparragirre tivera outro fillo de solteiro): Benigno, Francisca, Ángela, Lucía, Juan, Felisa e Dominga.

Residiron 19 anos na Arxentina e o Uruguai. En 1877, coa axuda económica de amizades e a organización dun concerto na súa honra, puido regresar a España. Deixando á súa familia na Arxentina, Iparragirre sostívose economicamente con recitais públicos ambulantes por Euskadi.

Tras unha copiosa comida, de regreso ao casarío de Ezkio-Itsaso onde residía, pillouno unha choiva torrencial. Contraeu unha pneumonía por este motivo e finou en 1881. Foi enterrado en Urretxu, onde aínda hoxe se conserva a súa tumba.[2]

Monumento a Iparragirre en Gernika-Lumo.
Gernikako Arbola

(fragmento con ortografía actual do éuscaro)
Gernikako arbola
da bedeinkatua
Euskaldunen artean
guztiz maitatua.
Eman ta zabal zazu
munduan frutua
adoratzen zaitugu
arbola santua.

Mila urte inguru da
esaten dutela
Jainkoak jarri zuela
Gernikako arbola.
Zaude bada zutikan
orain dá denbora
eroritzen bazera
arras galdu gera.

A máis popular das súas composicións é Gernikako Arbola, estreada na Fonda de San Luis de Madrid, na rúa de La Montera en 1853. Foi unha improvisación na que o acompañou no piano o mestre Juan María Blas de Altuna. Disque, rodeado de paisanos seus, improvisou o himno e non anotou nunca a música.

Outras creacións relevantes son:

  • Ume eder bat (Unha nena fermosa)
  • Adiyo Euskalerriari (Adeus a Euskal Herria)
  • Nere Etorrera lur maitera (O meu regreso á terra querida)
  • Cantari Euscalduna (Cantante vasco)
  • Nere Izarra (A miña estrela)
  • Glu Glu Glu (Glu glu glu)
  • Ara nun diran (Mira onde están)
  1. Chacón Delgado, Pedro (2015). Nobleza con libertad. Biografía de la derecha vasca (PDF). pp. 279–289. 
  2. "Diario Vasco, 11 de outubro de 1970". Arquivado dende o orixinal o 18 de xaneiro de 2022. Consultado o 20 de febreiro de 2022. 

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]