João Lúcio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
João Lúcio
Nacemento4 de xullo de 1880
Lugar de nacementoOlhão
Falecemento27 de outubro de 1918
Lugar de falecementoOlhão
Causagripe de 1918
NacionalidadePortugal e Reino de Portugal
Ocupaciónpoeta avogado e poeta
editar datos en Wikidata ]

João Lúcio Pousão Pereira, nado en Olhão o 4 de xullo de 1880 e finado o 26 de outubro de 1918, foi un poeta portugués, sobriño do pintor Henrique Pousão.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

João Lúcio comezou con só doce anos a publicar os seus primeiros versos no xornal O Olhanense. Sendo estudante no Liceu de Faro, fundou e dirixiu un xornal literario titulado O Echo da Academia. Acabados os estudos en Faro, foi estudar dereito a Coímbra en 1897, onde coñeceu a Teixeira de Pascoaes, Augusto de Castro, Alfredo Pimenta, Afonso Lopes Vieira, Fausto Guedes Teixeira e Augusto Gil, entre outros. João Lúcio colaborou con poemas seus en diversos xornais e revistas literarias nacionais. Fundou en 1899 un quincenario titulado O Reyno do Algarve. En 1901 publicou o seu primeiro libro, Descendo, aclamado pola crítica da época.

Ó regresar a Olhão en 1902, João Lúcio adquiriu fama como avogado, dadas as súas dotes como orador. Segundo os xornais da época, cada vez que o poeta acudía ó xulgado a sala enchíase. O poeta, monárquico, comezou como editor literario do semanario farense O Sul, xornal ligado ó Partido Regenerador Liberal de João Franco, en cuxas listas concorre e gaña un lugar, en 1906, para a Câmara dos Deputados. Foi nomeado presidente da comisión administrativa da Câmara Municipal de Olhão. Porén, en 1905, publicara O Meu Algarve.

Coa instauración da República, o poeta abandonou a política e comezou a viaxar coa súa familia por Europa. Publicou en 1913 Na Asa do Sonho. Probablemente inspirado polas súas viaxes, João Lúcio fixo construír unha casa de orixinal deseño nos Pinheiros de Marim, nos arredores de Olhão, a onde pensaba retirarse despois de abandonar a avogacía.

En 1914, invitado por Teixeira de Pascoaes, asociouse á Renascença Portuguesa, publicando un único poema na revista A Águia.

O 26 de outubro de 1918, João Lúcio morreu de pneumonía na casa que mandara construír, cando tiña 38 anos de idade. Postumamente, en 1921, foi publicado o libro de poemas Espalhando Fantasmas.

Principais obras[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]