Jesusa Prado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Jesusa Prado López, nada en Ourense o 21 de novembro de 1897 e finada na Habana o 15 de abril de 1971, foi unha política galega.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Filla de Ramón Prado, obreiro da industria do calzado que instalou unha pequena peletería en Ourense, en 1910 arribou co seu pai a Cuba, onde se encontrarían posteriormente coa nai e outros dous fillos. A familia era perseguida polas súas ideas socialistas, ata o extremo de que lles queimaron a súa vivenda, incendio no que pereceron dous dos fillos. O pai morreu de cancro e Jesusa comezou a traballar aos 16 anos na tinturería Lindsay, do Cerro, onde coñeceu a dúas irmás de José Martí que cosían para ese negocio. Mais a verdadeira vocación de Jesusa era a escritura.

En 1920 casou con Donato Figueiral Quintas, natural de Solbeira. En 1925 sostivo polémicas con dous dos intelectuais cubanos Juan Marinello e Gustavo Aldereguía. Cara a 1934 regresou a Ourense coa súa filla Soledad, alí rexentou unha tinturería e ingresou no PCE. Participou na folga xeral revolucionaria de 1934 e foi apresada coa súa filla. Aínda que logo quedou libre da cadea, non puido saír da súa casa ata as eleccións de 1936.

Coa sublevación do 18 de xullo de 1936 botouse á rúa e arengou o pobo para combater o fascismo, acompañou á manifestación obreira que reclamaba armas nas portas do Goberno Civil. Volveu ser detida e foi recluída no cárcere de Celanova, e aínda que se deu orde de fusilala, finalmente foi trasladada á prisión de Bande e despois á de Ribadavia.

O cónsul cubano en Vigo recibiu do seu home a cidadanía cubana de Jesusa e así conseguiu liberala. En novembro de 1938 a policía española levouna ata Valença do Minho e entregouna á policía portuguesa, que a trasladou a Lisboa. O cónsul conseguiu sacar a Solita para Portugal e ambas as dúas embarcaron para Cuba no buque Iberia.

Na Habana abriu unha tinturería co nome "El Buen Gusto", na que se ocupaba de repasar a roupa. Foi electa vicepresidenta da Asociación Hijas de Galicia. Co triunfo da Revolución cubana en 1959 cedeu a súa tinturería ao Estado cubano e pasou a traballar nas tendas do Hotel Nacional, na Casa Isabel e outros establecementos. Foi unha das fundadoras dos Comités de Defensa da Revolución (CDR) en 1961 e o comandante Ernesto Che Guevara designouna para actuar como docente nos círculos de estudos do Banco Nacional que el dirixía. O mesmo labor fixo tamén no xornal Hoy, do Partido Socialista Popular (PSP). Reuniuse con Dolores Ibárruri, A Pasionaria, cando visitou A Habana e tamén con Santiago Carrillo e Enrique Líster, que a foron visitar durante as súas estadías en Cuba.

Despois de sufrir sete infartos que a obrigaron a se xubilar das súas tarefas políticas en 1967, morreu na Habana o 15 de abril de 1971.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]