Jan Baptista van Helmont

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Jan Baptista van Helmont
Jan Baptista van Helmont
Datos persoais
Nacemento12 de xaneiro de 1579
LugarBruxelas
Falecemento25 de decembro de 1644
LugarVilvoorde
ResidenciaFlandres
Nacionalidadeflamengo
FillosFrancisco Mercúrio van Helmont
Actividade
Campoquímico, físico, alquimista, médico, fisiólogo
Alma máterOld University of Leuven e Universidade Católica de Louvain
Director de teseMartinus Antonius del Rio
Adam Haslmayr
Contribucións e premios
Coñecido porQuímica neumática
editar datos en Wikidata ]

Jan Baptiste van Helmont , bautizado como Johannes Baptist Van Helmont,[1] nado en Bruxelas o 12 de xaneiro de 1579 e finado en Vilvoorde o 25 de decembro de 1644, foi un químico, físico, alquimista, médico, e fisiólogo flamengo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Procedente dunha familia nobre de Bruxelas, educouse en Lovaina, amosando interese por unha gran variedade de disciplinas científicas, como a medicina, na que obtivo o doutoramento en 1599. Viaxou a Suíza, Italia, Francia e Inglaterra, volvendo posteriormente á súa terra, onde casou, establecéndose en 1609 en Vilvoorde, Bruxelas, e a partir de entón centrou os seus estudos exclusivamente nos campos da química e a medicina, até a súa morte, acaecida en 1644.

En parte, coñécese polos seus experimentos sobre o crecemento das plantas, o que lle permitiu recoñecer a existencia de gases discretos. Identificou os compostos químicos que hoxe chamamos dióxido de carbono e óxido de nitróxeno, sendo o primeiro científico que diferenciou entre os conceptos de gas e aire.

Foi pioneiro na experimentación, e nunha forma primitiva de bioquímica, chamada daquela iatroquímica. Tamén foi o primeiro en aplicar principios químicos nas súas investigacións sobre a dixestión e a nutrición para o estudo de problemas fisiolóxicos. Por isto se lle recoñece como o "pai da bioquímica".

Entre os seus numerosos experimentos relacionados coa química, observou que en certas reaccións liberábase un fluído aéreo, e así demostrou que existía un novo tipo de substancias con propiedades físicas particulares, ás que denominou gases, (do grego χάος, cháos).

Van Helmont consideraba o aire e a auga como os elementos básicos do universo, e a esta última como o principal constituínte da materia. Cre a súa hipótese probada cando ao cultivar unha árbore cunha cantidade medida de terra (especificamente un salgueiro chorón), e engadindo unicamente auga durante un período de cinco anos, a árbore aumentara a súa masa en 75 kg, mentres que a terra diminuíra a súa en tan só 500 g. Supuxo, erroneamente, que a árbore gañara masa só pola auga que absorbera, sobre todo a das chuvias.

Sostiña tamén a teoría da chamada xeración espontánea, e sobre esta postura é moi coñecida a súa receita para a creación de ratos: Basta colocar roupa sucia nun tonel, que conteña ademais uns poucos grans de trigo, e ao cabo de 21 días aparecerán ratos. Por suposto, os ratos resultantes non se creaban, senón que, simplemente, chegaban ao tonel.

Aínda que con inclinacións místicas e crente na pedra filosofal, foi un observador coidadoso e un experimentador exacto. Pode considerarse como un representante sincrético da alquimia e a química.

Retrato descuberto[editar | editar a fonte]

Suposto retrato de Robert Hooke; en realidade, de van Helmont.

En 2003, a historiadora Lisa Jardine suxeriu que un retrato recentemente descuberto representaba a Robert Hooke. Porén, a hipótese de Jardine desmentiuna William Jensen, da Universidade de Cincinnati[2] e tamén o investigador alemán Andreas Pechtl da Universidade de Maguncia Johannes Gutenberg. O retrato, de feito, representa a Jan Baptista van Helmont.

Obra[editar | editar a fonte]

  • 1621. De magnetica vulnerum curatione. Disputatio, contra opinionem d. Ioan. Roberti (...) in brevi sua anatome sub censurae specie exaratam. Publicado en París
  • 1642. Febrium doctrina inaudita, Antverpiae. Antuerpen
  • 1644. Opuscula medica inaudit
  • 1648. Ortus medicinae,[3] id est Initia physicae inaudita, o que quere dicir en latín inicios da física (isto é, da medicina) inaudita.
  • 1670. Œuvre physique et médecine, traducido ao francés por Jean le Conte, Lión

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Redgrove, I.M.L.; Redgrove, H. Stanley. 2003. Joannes Baptista van Helmont: Alchemist, Physician and Philosopher, Kessinger Publ.
  • Pagel, Walter. 2002. Joan Baptista van Helmont: Reformer of Science and Medicine, Cambridge University Press.
  • O príncipe e erudito moldaviano Dimitrie Cantemir, escribiu unha biografía de Helmont, difícil agora de achar. E foi citado en Debus (2002)[4] nas pp. 311 e 312, como Cantemir (1709).[5] Debus refírese á suxestión do seu colega William H. McNeill e cita a Badary (1964),[6] pp. 394–410 para máis información. Debus logo remarcará que a obra de Cantemir contén só unha paráfrase e unha selección de "Ortus Medicinae", pero puxo os puntos de vista de Van Helmont a disposición da Europa do Leste.
  • Nature 433, 197. 20 de xaneiro de 2005. doi:10.1038/433197a; publicado online o 19 de xaneiro de 2005.
  • Eugene M. Klaaren, Religious Origins of Modern Science, Eerdmans, 1977, ISBN 0-8028-1683-5, 244 pp.
  • Claus Bernet. Jan Baptist van Helmont. En: Biographisch-Bibliographisches Kirchenlexikon (BBKL). Vol. 25, Nordhausen 2005, ISBN 3-88309-332-7, pp. 597–621 (en alemán)
  • Steffen Ducheyne. Johannes Baptista Van Helmonts Experimentele Aanpak: Een Poging tot Omschrijving. En: Gewina, Tijdschrift voor de Geschiedenis der Geneeskunde, Natuurwetenschappen, Wiskunde en Techniek, 1, vol. 30, 2007, pp. 11–25. (en neerlandés)
  • Steffen Ducheyne, Joan Baptiste Van Helmont and the Question of Experimental Modernism, Physis: Rivista Internazionale di Storia della Scienza, vol.43, 2005, pp. 305–332
  • Claus Bernet. Franciscus Mercurius van Helmont, in: Biographisch-bibliographisches Kirchenlexikon, 25, 2005, 586-597, online: http://www.bautz.de/bbkl/h/helmont_f_m.shtml

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Nome de van Helmont.". Arquivado dende o orixinal o 26 de maio de 2008. Consultado o 11 de xaneiro de 2011. 
  2. William B. Jensen, A previously unrecognized portrait of Joan Baptista van Helmont (1579–1644), Ambix, 51:3, 263–268, novembro de 2004. (Reempreso, visto o 9 de xaneiro de 2010).
  3. Ortus medicinae significa en latín Orixe da medicina
  4. Debus, Allen G. 2002. The Chemical Philosophy: Paracelsian science and medicine in the sixteenth and seventeenth centuries. Courier Dover Publications, 609 pp.
  5. Catemir, Dimitri (Demetrius). 1709. Ioannis Baptistae Van Helmont physices universalis doctrine et christianae fidei congrua et necessaria philosophia. Wallachia.
  6. Badaru, Dan. 1964. Filozofia lui Dilmitrie Cantemir. Editura Academici Republicii Populare Romine, Bucharest.