Saltar ao contido

Alquimia

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Alquimista»)

O alquimista de Carl Spitzweg

A alquimia é unha antiga práctica protocientífica e filosófica que combina elementos da química, a metalurxia, a física, a medicina, a astroloxía, a semiótica, o misticismo, o espiritualismo e a arte. Practicouse no Antigo Exipto, na India, na China, na Grecia Antiga e no Imperio Romano, no Imperio Islámico, e despois en Europa ata o século XIX, nunha complexa rede de escolas e sistemas filosóficos que abrangue polo menos 2.500 anos.

Historia e características

[editar | editar a fonte]

A alquimia occidental estivo sempre estreitamente relacionada co hermetismo, un sistema filosófico e espiritual que ten as súas raíces en Hermes Trimexisto, unha deidade sincrética grecoexipcia e lendario alquimista. Estas dúas disciplinas influenciaron o nacemento do rosacrucismo, un importante movemento esotérico do século XVII. No século XIX, mentres a alquimia dominante evolucionaba cara a moderna química, os seus aspectos místicos e herméticos convertéronse no centro de interese dunha moderna alquimia espiritual, na que as manipulacións materiais eran consideradas meros símbolos de transformacións espirituais.

Os alquimistas non seguían o que hoxe se coñece como método científico e gran parte do «coñecemento» que produciron foi posteriormente achado banal, limitado, erróneo ou sen sentido. Actualmente, a disciplina é de interese principalmente para os historiadores da ciencia e a filosofía, así como polos seus aspectos místicos, esotéricos e artísticos. No entanto, a alquimia foi unha das principais precursoras das ciencias modernas, e debemos aos antigos alquimistas o descubrimento de moitas substancias e procesos que son alicerces fundamentais das actuais industrias química e metalúrxica.

Existían tres obxectivos principais na súa práctica. Un deles era a transmutación dos metais inferiores en ouro, o outro a obtención do Elixir da Longa Vida, unha panacea universal, un remedio que curaria todas as doenzas e daría vida eterna a aqueles que o inxerisen. Estes obxectivos poderían ser atinxidos ao obter a pedra filosofal, unha substancia mítica. Finalmente, o terceiro obxectivo era crear vida humana artificial, o homunculus.