Ivan Řehák
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 2 de setembro de 1954 (70 anos) Bratislava, Eslovaquia |
Actividade | |
Ocupación | escultor |
Empregador | Universidade Comenius de Bratislava |
Ivan Řehák, nado en Bratislava o 2 de setembro de 1954, é un medallista e deseñador de moeda eslovaco.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Ivan Řehák estudou Relevo de Escultura con Rudolf Pribiš na escola da Academia de Belas Artes e Deseño de Bratislava de 1973 a 1979.[2][3]
Řehák é docente no departamento de Arquitectura da facultade de Enxeñaría Civil da Universidade Técnica Eslovaca en Bratislava, cidade esta na que reside.[2]
Obra
[editar | editar a fonte]Aínda que a súa obra abrangue tamén a pintura e o debuxo, o máis salientable das súas creacións está na medallística. Algunhas das súas medallas están dedicadas a personaxes como Rodolfo II de Habsburgo (2012), Galileo Galilei (2014), Arthur Conan Doyle (2014) ou Maximiliano II (2015), ou a temas como a capitalidade real de Praga (2013), a Ponte de Carlos (2014) ou a Catedral de San Vito (2014).[2][3]
Nas súas creacións utiliza a modo de sinatura as súas iniciais IR superpostas e estilizadas.[2]
Como medallista participou nas exposicións internacionais da Federación Internacional da Medalla de Arte (FIDEM) en países como Francia, Portugal, os Estados Unidos, Finlandia ou o Reino Unido.[3]
Řehák deseñou ademais varias moedas para a República Checa e para Eslovaquia. No primeiro caso é autor de senllas moedas conmemorativas de 200 coroas checas datadas en 2010, en tanto que para Eslovaquia foi o creador do anverso nacional das moedas dun euro e de dous euros circulantes, que comezaron a cuñarse en 2009, así como diversas emisións conmemorativas co valor facial en euros.[4]
O seu anverso da moeda de dous euros cuñada pola Casa da Moeda de Eslovaquia foi galardoado por Krause Publications co Premio Moeda do Ano de 2011 á mellor moeda comercial emitida en 2009.[5][6]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Ivan Řehák". ABART.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 "Ivan Řehák". Mince na území Slovenska.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 "Ivan Řehák". Prazska Mincovna.
- ↑ Moedas deseñadas por Ivan Řehák. Numista.com
- ↑ "Krause Publications Announces Coin of the Year Award Winners". En Coins Weekly. 17 de novembro de 2010.
- ↑ Scarinci, D. (2015). Coin of the Year: Celebrating Three Decades of the Best in Coin Design and Craftsmanship. Krause Publications. ISBN 978-1-4402-4476-6