Irmandade Fusquenlla

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Castelo de Moeche, vista actual.

A Irmandade Fusquenlla foi unha irmandade formada en 1431 nas terras de Nuno Freire de Andrade, alcumado "O Mao", por mor da extrema dureza con que trataba os seu vasalos. Así a revolta nace entre Pontedeume e Betanzos, pero acaba por estenderse a outras comarcas dos bispados de Lugo, Mondoñedo e Santiago. Ao fronte da revolta estaba Roi Xordo, un fidalgo da Coruña ou Ferrol.

Contexto[editar | editar a fonte]

Ao longo do século XV a fraqueza do poder dos reis en Castela supón en Galicia o cumio do poder para os señores feudais, que actúan coma reis nos seus propios dominios[1]. É un tempo de fortes enfrontamentos entre señores, no que os bandos non están claros e mudan constantemente en función das circunstancias. Convén salientar que o alto clero non se diferenciaba da nobreza laica nestas lides[2].

No punto oposto aos señores encontramos os burgueses das cidades e vilas, que para protexer os seus dereitos forman irmandades. En xeral o obxectivo común dos "cidadáns" vén sendo o mesmo ao longo de toda a Idade Media: obter o reguengo, a protección do rei que limite os excesos dos señores feudais.

Son, polo tanto, os séculos XIV e XV dunha gran conflitividade social. Sucédense diversos enfrontamentos protagonizados polos veciños das cidades de Compostela (a irmandade de Roi Sánchez fundada en 1418 rebélase no 1421 contra o bispo), Ourense (en 1419 unha revolta acaba coa morte do bispo), Lugo e Tui contra o señorío episcopal.

Crónica[editar | editar a fonte]

No ano 1431 nas terras de Nuno Freire de Andrade, "o Mao", e con motivo da visita do infante Henrique de Aragón a Galicia, o Andrade impón unha nova taxa. O reacción dos seus vasalos ante este novo exceso é inmediata: os viláns, capitaneados por Roi Xordo, derruban algunhas casas fortes, viñas e hortas aos Andrade, estendendo despois as súas accións a comarcas enteiras. Así, tras pórlle lume e derrocar parte do castelo de Betanzos, os irmandiños tentan atacar Compostela, onde fuxira Nuno Freire coa familia. Alí as tropas do arcebispo fanlles fronte e deben retirarse. Sabedores do regreso dos Andrade ao castelo de Moeche, os irmandiños marchan cara el para pórlle sitio, pero son derrotados na batalla do Eume[3].

Legado[editar | editar a fonte]

En principio a revolta irmandiña de 1431, é outro dos varios enfrontamentos entre as “clases medias” e os grandes señores que se dan na etapa de crise baixomedieval. Mais a dimensión que acada a revolta mereceu o título de primeira guerra irmandiña, aínda sen chegar á xeneralización da guerra que se produciu no 1467.

A pesar desta mobilización, os señores mantiveron os seus abusos directos e a súa protección dos grupos armados que actuaban desde as fortalezas con toda impunidade, polo que as revoltas de fondo antiseñorial repetíronse ao longo do século[4]:

  • 1446-56: Irmandade que derroca fortalezas en varios portos das rías Baixas.
  • 1455: Revolta dos veciños de Ourense contra o bispo.
  • 1454-58: Irmandade de Betanzos e A Coruña levantada con permiso de Henrique IV de Castela.
  • 1458-59: Revolta das cidades e vilas da terra de Santiago contra o arcebispo Rodrigo de Luna, coincidindo coa rebelión dos cabaleiros do arcebispado (Moscoso, Sueiro Gomes de Soutomaior e Pedro Bermúdez de Montaos), cos que Santiago, Noia e Muros fixeron irmandade baseándose na que xa funcionaba en Betanzos-A Coruña.
  • 1446-48: Revolta das xentes de Allariz, en contra da toma de posesión da vila por parte do conde de Benavente, que tiña unha carta de doazón de Xoán II.
  • 1454: Revolta similar en Viveiro contra Inés de Viveiro.
  • 1457: Revolta da cidade de Lugo contra o bispo García Martínez de Baamonde.

Todo este descontento cristalizará finalmente na creación dun movemento unificado en todo o Reino e a Gran Guerra Irmandiña (1467-1469).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. de Tejada, Francisco Elías; e Pércopo, Gabriela (1966). Editorial Galaxia, ed. El Reino de Galicia hasta 1700. 
  2. Ídem
  3. Ramón Villares Paz (2004.). Historia de Galicia. Editorial Galaxia. ISBN 978-84-8288-655-8. 
  4. Anselmo López Carreira (2005). O reino medieval de Galicia. Editorial Galaxia. ISBN 84-96403-54-8.