Saltar ao contido

Ingrid Washinawatok

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaIngrid Washinawatok
Biografía
Nacemento31 de xullo de 1957 Editar o valor en Wikidata
Keshena, Estados Unidos de América (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Mortefebreiro de 1999 Editar o valor en Wikidata (41 anos)
Colombia Editar o valor en Wikidata
Causa da mortehomicidio Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónactivista Editar o valor en Wikidata

Ingrid Washinawatok El-Issa (tamén coñecida como O'Peqtaw-Metamoh e Flying Eagle Woman), nada o 31 de xullo de 1957, e finada c. 25 de febreiro de 1999, foi unha activista indíxena e membro do pobo menominee de Wisconsin. Foi asasinada pola guerrilla das FARC en Colombia. No momento da súa morte tiña corenta e un anos, era a esposa de Ali El-Issa, un palestino, e a nai do seu fillo de 14 anos, Maehkiwkasic (que significa "Ceo Vermello").

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Naceu en Keshena, Wisconsin.[1] Os seus pais foron James e Gwendolyn Washinawatok, os cales crearon unha organización para restaurar a terra da nación menominee e deter a súa venda. A súa familia mudouse posteriormente a Chicago, Illinois, onde ela e a súa irmá, Regina, asistiron á Escola de St. Sylvester. Ingrid graduouse en 1971. Durante eses anos en Chicago, a familia usou White como apelido. Cada verán, as irmás quedaban na reserva india Menominee. Ambas irmás pasaron á Alvernia High School en Chicago, pero durante os anos de secundaria de Ingrid, a familia volveu a Wisconsin, e Ingrid formouse na John F. Kennedy Preparatory High School en St. Nanianz, Wisconsin. En Wisconsin, ela convenceu á familia de recuperar o apelido Washinawatok.[2]

Durante a súa etapa na Universidade de Minnesota, Ingrid Washinawatok involucrouse no American Indian Movement e posteriormente no International Indian Treaty Council. Tamén estudou na Universidade Internacional de Cuba, onde aprendeu español e coñeceu a El-Issa.[2]

Activista dos dereitos humanos

[editar | editar a fonte]

O International Indian Treaty Council pediulle que se mudase a Nova York para administrar a súa oficina. Máis tarde foi directora executiva do Fund for the Four Directions en Nova York, onde planificou, organizou e dirixiu políticas de concesión de subvencións e iniciou un esforzo para promover e revitalizar as linguas e culturas indíxenas.[2]

Washinawatok foi a presidenta da organización non gobernamental "Committee on the United Nations International Decade of the World's Indigenous Peoples", delegada na Comisión de Dereitos Humanos das Nacións Unidas, representante de ONG con estatuto consultivo ante a ONU para o International Indian Treaty Council, un membro da Iniciativa Indíxena pola Paz, membro da directiva da Casa da Comunidade Indíxena Americana, un membro fundador do Native American Council de Nova York, copresidenta da Indigent Women's Network, presidenta do consello de nativos americanos na filantropía e membro do Grupo de Traballo sobre Poboacións Indíxenas das Nacións Unidas.

Washinawatok foi unha conferenciante premiada que falou en todo o mundo en nome dos dereitos dos pobos indíxenas. Coproduciu o documental Warrior. Recibiu numerosos premios das comunidades nativas americanas, asiáticas, hispanoamericanas e afroamericanas, incluíndo o premio Asian Americans for Equality en 1987; o premio Fannie Lou Hamer por axudar aos pobos indíxenas en 1997; recibiu a chave da cidade de Scranton, Pensilvania en 1993; o premio Frederick Douglass de North Star Fund en 1995 por contribucións destacadas á loita pola xustiza política, social e económica; o Premio ao Indio do Ano de 1998 de Thunderbird American Indian Dancers; o premio International Women's Leadership do International Cross-Cultural Black Women's Institute; e foi bolseira da Fundación Rockefeller no seu programa de liderado de próxima xeración.[2]

"Ingrid era coñecida como unha defensora incansable dos dereitos dos pobos indíxenas", dixo Mary Robinson, daquela Alta Comisionada da ONU para os Dereitos Humanos.[3]

Secuestro e asasinato

[editar | editar a fonte]

Ingrid Washinawatok, xunto coa activista hawaiana Lahe’ena’e Gay e o medioambientalista Terence Freitas, foron convidados polo pobo u'wa do departamento de Arauca, en Colombia, para axudar a estabelecer unha escola para protexer a súa cultura e lingua, e para axudarlles a defender as súas terras contra a exploración de petróleo por parte de Occidental Petroleum. O 25 de febreiro de 1999, mentres que viaxaban cos u’was, os tres activistas foron secuestrados por guerrilleiros das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC). Unha semana despois Washinawatok e os seus colegas foron atopados asasinados, cos seus corpos guindados ao outro lado da fronteira en Venezuela.[4]

Tras as negativas iniciais, as FARC afirmaron que "o Comandante Gildardo da 10ª Fronte das FARC comprobou que os descoñecidos entraran na rexión india dos u'wa e non tiñan autorización da guerrilla. Improvisou unha investigación, capturounos e executounos sen consultar cos seus superiores".[4]

En 2003, Nelson Vargas Rueda foi extraditado aos Estados Unidos para ser procesado polo caso. Foi o primeiro membro das FARC que foi extraditado aos Estados Unidos.[5] Porén, o caso foi sobresido cando dúas testemuñas non compareceron.[6]

A Nación Menominee honrouna co funeral completo dun guerreiro, e recibiu un monumento conmemorativo na Catedral de San Xoán o Divino, en Nova York. A canción "Nuevas Señoritas" de Indigo Girls é unha elexía na honra de Ingrid Washinawatok e Marsha Gómez.[7] O Flying Eagle Woman Fund for Peace, Justice, and Sovereignty foi creado en 2000 para fortalecer a soberanía dos pobos indíxenas mediante a construción de comunidades que sexan autosuficientes aínda que manteñan e reforzan as súas culturas e modos de vida tradicionais.[8]

  1. "Archived copy". Arquivado dende o orixinal o 2010-01-08. Consultado o 2009-09-20. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Lachowicz, Jean. "Local resident became American hero, martyr," Gazette Chicago, 4 de abril de 2008.
  3. Press Release, National Council of Churches, 1999.[Ligazón morta]
  4. 4,0 4,1 "Colombia Rebels Say Own Fighters Killed 3", The New York Times, 11 de mazo de 1999.
  5. The New York Times, 15 de outubro de 2006.
  6. Honolulu Star Bulletin, 8 de xullo de 2004.
  7. "background: nuevas senoritas". lifeblood. 1999. Arquivado dende o orixinal o 08 de novembro de 2011. Consultado o 12 de marzo de 2012. 
  8. flyingeaglewomanfund.org (ed.). "Flying Eagle Woman Fund for Peace, Justice, and Sovereignty". Consultado o 7 de xuño de 2022. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]