Incursión portuguesa no Val de Monterrei (1801)
Incursión Portuguesa no Val de Monterrei | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
Parte de Guerra das Laranxas | |||||||
Castelo de Monterrei | |||||||
| |||||||
Belixerantes | |||||||
Reino de España | Reino de Portugal | ||||||
Líderes | |||||||
Claude-Anne de Rouvroy de Saint-Simon | Louis-François Carlet de La Roziere | ||||||
Forzas en combate | |||||||
Exército Español • 4000 infantes • 250-300 xinetes • 9 pezas de artillaría |
Exército portugués • 1800 infantes • 2 pezas de artillaría | ||||||
Baixas | |||||||
Exército Español • Inferiores a 100 mortos e feridos |
Exército portugués • Baixas superiores ás españolas • Importante número de desertores |
A incursión portuguesa no Val de Monterrei de 1801 foi un episodio militar da guerra das Laranxas, na que o exército portugués, comandado polo xeneral Gomes Freire de Andrade, tratou de desviar a atención dos exércitos españois concentrados en Estremadura invadindo o sur da provincia de Ourense, fracasando no seu intento de conquistar o castelo de Monterrei.
Contexto
[editar | editar a fonte]A guerra das Laranxas en 1801 foi o primeiro conflito do século XIX que enfrontou o Reino de España contra o Reino de Portugal, como outra mostra máis da forte rivalidade que protagonizaban estes dous países. Aínda que foi unha guerra de moi curta duración (20 de maio - 6 de xuño) e con accións bélicas bastante limitadas, os enfrontamentos entre os dous exércitos producíronse practicamente ao longo de toda a fronteira luso-española. Cando se declarou a guerra a finais de maio de 1801, as forzas españolas concentraron o seu ataque no Alto Algarve co obxectivo de tomar Olivenza. O exército de Manuel Godoy, cunha superioridade numérica moi clara (12 000 portugueses contra 40 000-50 000 españois), non tivo moitos problemas en conseguir os seus obxectivos.
Situación na fronte norte
[editar | editar a fonte]Malia isto, o exército portugués contaba con outro continxente para defender o sector norte do país, situado entre os ríos Douro e Miño, comandado por Louis-François Carlet, marqués de La Roziere, un militar emigrado francés ao servizo da Coroa portuguesa, veterano da guerra dos Sete Anos. En total, a forza portuguesa ascendía a preto de 27 000 efectivos, cabalaría e artillaría incluídas, xa que os rexementos non estaban completos e o propio exército seguía agardando reforzos procedentes doutras áreas do territorio luso.
Ao outro lado da fronteira atopábase o exército español de Galicia, comandado por outro emigrado francés, o tenente xeneral Claude-Anne de Rouvroy de Saint-Simon, ao servizo da Coroa borbónica española dende 1780 e veterano da guerra do Rosellón. As forzas españolas non se localizaban nun único lugar, senón que se atopaban dispersas por varias localidades e pasos fronteirizos para defender o territorio galego. En Verín concentrábanse un batallón do Rexemento Inmemorial do Rei e o Batallón de Cabalaría das Ordes Militares.[1]
Enfrontamentos
[editar | editar a fonte]Aínda que a paz entre Portugal e España se firmou o día 6 de xuño (tratado de Badaxoz), as novas tardaron días en chegarlle ao comandante do exército portugués afincado na rexión de Tras os Montes. Na tarde do 8 de xuño, o Marqués de la Roziere ordenoulle ao seu oficial de intendencia, Gomes Freire de Andrade, que realizase unha acción ofensiva no Val de Monterrei co obxectivo de chamar a atención das forzas españolas e liberar algo de presión sobre as posicións portuguesas do Alto Algarve. A forza total era duns 1787 efectivos de infantaría e cabalaría, acompañados por dúas pezas de artillaría lixeira.[2] A forza española, que escoitara rumores sobre os movementos inimigos, agardaba a incursión lusa, contando cuns 4000 homes e 9 pezas de artillaría, concentrados a súa maioría no castelo de Monterrei e os seus arredores.
Nas primeiras horas do día 9, as forzas lusas abandonaron Vilarelho da Raia e comezaron o seu avance, divididas en dúas columnas. A primeira comandábaa o propio Gomes Freire, avanzando pola beira dereita do Támega coa intención de tomar Verín e distraer as forzas españolas, e a outra liderábaa Manuel Martíns Pamplona, movéndose pola marxe esquerda do río e co obxectivo de tomar a fortaleza. Os primeiros disparos realizáronse ao sur de Verín, cando cabaleiros da columna de Gómes Freire atopáronse inesperadamente con tropas españolas dunha formación de Voluntarios Aragoneses. A presenza de tropas defensoras en Verín significaba que os portugueses perderan o factor sorpresa xa que os españois estaban preparados ante un suposto ataque luso.
Este feito sería evidente cando a segunda columna portuguesa, ao aproximarse á fortaleza, atopouse de súpeto baixo un intenso fogo inimigo, o que freou o seu avance e provocou baixas significativas. Para máis inri, a única peza de artillaría desta segunda forza lusa perdeu unha roda antes de poder disparar, tendo que ser retirada rapidamente para evitar a súa perda. A cohesión das forzas portuguesas desvaneceuse rapidamente, fuxindo moitos homes cara ao sur, incluído o axudante de campo de Gómes Freire, o 2º barón de Wiederhold, un excelente cartógrafo que posteriormente, en 1804, elaboraría un mapa detallado da zona.[3]
Gómes Freire, percatándose da desastrosa situación, abandonou o seu avance cara Verín e tomou a poboación do Rosal (Oímbra), para garantir a retirada máis ou menos segura dos seus homes. A intención dos oficiais portugueses era retroceder ata o punto de partida, Vilarelho da Raia, para valorar as baixas e restablecer a moral, labor que durou varias horas. As forzas españolas, con moi boas posicións defensivas no castelo, deciden non perseguir ás columnas lusas ante a expectativa dun ataque ao día seguinte.
Xa pola noite deste día, con moitos soldados portugueses descansando, oficialidade incluída, unha banda armada de veciños da localidade de Rabal (Oímbra) abriu fogo contra continxentes do flanco dereito luso[4], respondendo estes aos disparos rapidamente. Nunha noite escura de lúa nova, os disparos repentinos asustaron a cabalos e homes por igual, quen, crendo estar baixo un suposto ataque español, comezaron a fuxir desesperadamente cara Chaves, deixando atrás equipamentos e avituallamentos. Cando os primeiros soldados portugueses chegan á cidade, difunden rumores falsos da aniquilación da forza lusa e dos seus oficiais para xustificar a súa fuxida. Tan forte foi o rumor que o xeneral Manuel José Lobo, encargado da defensa da cidade, ordenou a preparación das defensas e a evacuación da poboación civil ante un posible ataque español.
A acción dos veciños de Rabal botou por terra calquera continuación dos ataques portugueses. Os oficiais lusos tardaron horas en restaurar a orde nas súas tropas e o propio Gómes Freire tivo que acudir en persoa a Chaves para desacreditar os rumores sobre a súa derrota e levar de volta á fronte a boa parte dos seus soldados.
Días posteriores ao ataque
[editar | editar a fonte]A partir do día 11 o xeneral portugués procurou establecer unha liña defensiva sólida na fronteira co seu centro de operacións en Vilarelho da Raia, xa que pensaba que os españois pasarían á ofensiva ao ter superioridade numérica. Pero o caos do día anterior provocou que moitos dos avituallamentos dos soldados lusos botásense a perder, polo que boa parte das tropas portuguesas tiveron que buscar alimentos en poboacións a ambos lados da fronteira. O día 14 unha destas partidas atópase coa resistencia dos veciños da localidade de Bousés (Oímbra). Despois dun pequeno tiroteo que provocou baixas nos dous bandos, as forzas portuguesas acordaron marchar a cambio de dez bois. Tres días despois os portugueses conseguen tomar as reservas de centeo e trigo da localidade de Feces de Abaixo (Verín), debido a que a guarnición desa localidade decidira retirarse.
Pola súa banda, as forzas españolas tardaron en decatarse da desastrosa situación portuguesa, sendo moi lenta a resposta da oficialidade. O día 16 unha pequena escuadra de cabalaría, probablemente en misión de recoñecemento, foi emboscada nas proximidades de Vilarelho da Raia, sufrindo 5 baixas[5]. O xeneral español, pensando que podía partir en dous ao continxente portugués se fose capaz de tomar esa localidade, decide enviar ao día seguinte 50 cabaleiros e 200 infantes. O plan estaba destinado ao fracaso, xa que a oficialidade española descoñecía que en Vilarelho atopábase o cuartel de Gómes Freire, e polo tanto a maioría das súas mellores tropas. O enfrontamento do día 17 de xuño foi bastante breve e con poucas baixas ao decatarse a unidade de avanzada española do imposible da súa misión, retirándose rapidamente.
Á primeira hora do día 18 de xuño chegan a esta parte da fronteira as novas de que un tratado de paz fora firmado en Badaxoz 12 días antes. As tropas españolas, que se preparaban para un novo ataque sobre Vilarelho, retiráronse cara ao Castelo de Monterrei, mentres que as forzas portuguesas, ao confirmar a veracidade das novas, marcharon de volta a Chaves.
Consecuencias
[editar | editar a fonte]A incursión portuguesa non logrou ningún dos seus obxectivos, non só polo fracaso da toma do Castelo de Monterrei, senón tamén porque a firma do Tratado de Badaxoz días antes do comezo das hostilidades invalidaba calquera ganancia. A posterior reorganización das forzas portuguesas e defensa con éxito da fronteira acabou sendo vista pola historiografía lusa como unha pequena vitoria, malia o desastre da súa organización e cohesión:
E se as operacións do Exército de Tras-os-Montes non foron brillantes, conseguiuse polo menos, mediante elas, que a Provincia ficase intacta, e que, non perdendo un só palmo, ser nela que se gañou, aínda que pouco, ao inimigo.
Os xenerais franceses que comandaban as forzas portuguesas e españolas respectivamente víronse moi afectados nos anos posteriores pola guerra da Independencia española. Louis-François Carlet, marqués de La Roziere, foi premiado pola súa iniciativa na Guerra das Laranxas, sendo ascendido a Inspector Xeral de Fronteiras en 1802 polo príncipe rexente Xoán VI. Morrería a comezos de 1808 en Lisboa, capturado polas forzas francesas de Junot, quen tiña pouco aprecio polos emigrados franceses. Gomes Freire de Andrade loitou cos franceses en múltiples campañas por Europa, chegando a ser gobernador militar de cidades como Gdańsk e Dresden. Despois dun ano de cativerio nunha prisión inglesa, retornou a Portugal, onde caeu en desgraza pola súa colaboración cos franceses.
Pola súa banda, Claude-Anne de Rouvroy de Saint-Simon seguiu aos servizos da Coroa Española, recibindo a Gran Cruz de Carlos III polo seu servizo en Galicia[7]. Foi capturado polos franceses na defensa de Madrid en decembro de 1808. Condenado á morte, a súplica da súa filla ante Napoleón conseguiu que o seu castigo fose conmutado pola cadea perpetua. Retornou a España en 1814 despois da abdicación de Napoleón, morrendo en Madrid en 1819.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Dasairas 1999, p. 231.
- ↑ Ventura 2008.
- ↑ Días 2009, p. 31.
- ↑ Dasairas 1999, p. 232.
- ↑ Ventura 2008, p. 42.
- ↑ Maia 1904, p. 17.
- ↑ Martín-Lanuza Martínez, Alberto. "Claudio Ana de Rouvroy y de Pineau". Diccionario Biográfico Español. Real Academia de Historia. Consultado o 27/03/2023.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Dasairas Valsa, Xerardo (1999). Crónicas Rexiomontanas. Mancomunidade de Concellos da Comarca de Monterrei.
- Días, María Helena; Instituto Geográfico do Exército (2009). Finis Portugalliae = Nos Confins de Portugal. Lisboa: Instituto Geográfico do Exército. ISBN 9789892101088.
- Maia, Fernando (1904). "Relaçao da Expediçao de Monterrey". Subsidios para a História Militar de Portugal (Lisboa).
- Ventura, Antonio (2008). "A Guerra das Laranjas, 1801". Guerras e Campanhas Militares (Academia Portuguesa de História).