Fernando de Noronha

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Illas Fernando de Noronha»)
Fernando de Noronha
Localización da illa
Situación
País Brasil
Coordenadas3°54′S 32°25′O / -3.900, -32.417Coordenadas: 3°54′S 32°25′O / -3.900, -32.417
Xeografía
Superficie17 km²
Punto máis alto321 m. Morro do Pico
Demografía
Poboación3016 hab. (2017)
Densidade177´23 hab./km²
Lingua propiaportugués
Vista da illa de Fernando de Noronha con vistas da praia do Sancho.

Fernando de Noronha é un arquipélago brasileiro formado por 21 illas e sito no océano Atlántico, ao leste do Estado do Río Grande do Norte. A illa principal, chamada Illa de Fernando de Noronha, ten uns 17 km² e fica a 545 km de Recife e a 360 km de Natal, capital do Río Grande do Norte. Só a illa principal está poboada, e só por uns 2500 habitantes. Gobérnaa un administrador designado pola administración do Pernambuco, á que pertence.

O arquipélago sitúase na coordenada 3°54′S - 32°25′W, ou sexa, próximo á liña do Ecuador. Como non ten grandes montañas que sirvan como barreiras ás nubes, cae pouca chuvia e, así, o seu clima é semiárido. O punto máis alto do arquipélago, o Morro do Pico na illa principal, ten unha altura de 321 m.

As illas espertan o interese de ecoturistas e mergulladores, polas súas praias de augas limpas, poboadas por rica fauna mariña (destacando os golfiños e as tartarugas mariñas que poñen os seus ovos na illa). Pero as visitas están controladas polo goberno: cada turista paga un imposto por acceder ao arquipélago, que medra con cada día adicional de visita. Ese imposto destínase a traballos de pescuda e conservación. Vivir na illa só lles está permitido ás persoas que naceron nela, ou que casaron aló.

Historia[editar | editar a fonte]

Illas do Atlántico brasileiro: Fernando de Noronha e Reserva do Atol das Rocas
Paisaxe da illa
Patrimonio da Humanidade - UNESCO
País Brasil
TipoNatural
CriteriosVII, IX, X
Inscrición2001 (25ª sesión)
Rexión da UNESCOLatino América e o Caribe
Identificador1000rev

A illa foi descuberta, probablemente, por Gaspar de Lemos en 1500 ou por unha expedición da que Ignacio Leite erroneamente asignou o mando a Fernando de Noronha, en 1501 - 1502. Porén, o primeiro en describila foi Américo Vespucio, que tomou parte na expedición de Gonçalo Coelho.

A designación do arquipélago provén, con todo, o nome do primeiro propietario da capitanía hereditaria, despois da doazón de D. Manuel I o 16 de marzo de 1504 a Fernando de Noronha.

As illas foron invadidas varias veces, principalmente en 1534 polos ingleses, de 1556 ata 1612 polos franceses, en 1628 e 1635 polos holandeses, volvendo ó control portugués en 1700, para ser de novo conquistada polos franceses en 1736 e definitivamente ocupada polos portugueses en 1737.

Goberno[editar | editar a fonte]

O territorio de Fernando de Noronha foi creado o 9 de marzo de 1942 desmembrado do estado de Pernambuco. A entidade administrativa durou 46 anos, sendo extinta o 5 de outubro de 1988 e reincorporada ao seu estado de orixe.

Colonia penal[editar | editar a fonte]

Antes de tornarse o paraíso turístico e ecolóxico da actualidade, o arquipélago foi lugar de detención de condenados enviados a cumpriren pena no presidio alí existente, que funcionou de 1737 a 1942, de 1938 en diante só para presos políticos do Estado Novo.

Unha reportaxe da revista O Cruceiro, de 2 de agosto de 1930, describe o presidio como pantasma infernal para eses proscritos da sociedade, que vivían completamente alleos ao que pasaba no resto mundo, a pesar de que o Goberno proporcionaba aos presos unha vida saudable de traballo e de confort (Fonte: O Cruceiro, ed. 2 de agosto de 1930).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]