Illa de Gran Blasket
Great Blasket Island (en) An Blascaod Mór (ga) | ||||
Localización | ||||
---|---|---|---|---|
| ||||
Estado | Irlanda | |||
Provincias | Munster | |||
Condados | Condado de Kerry | |||
Xeografía | ||||
Parte de | ||||
Superficie | 4,29 km² | |||
Bañado por | Océano Atlántico | |||
Altitude | 292 m | |||
A illa de Gran Blasket (An Blascaod Mór en lingua irlandesa) é unha das illas que forman o arquipélago irlandés das Illas Blasket no condado de Kerry.
Xeografía
[editar | editar a fonte]A illa atópase a uns 2 km de Irlanda e esténdese ó longo duns 6 quilómetros cara ao suroeste. O punto máis alto é An Cró Mór, que se atopa a 292 msnm. A cidade máis próxima no continente é Dún Chaoin, que está conectada coa illa mediante un transbordador que opera nun peirao durante os meses de verán.
Historia
[editar | editar a fonte]A illa estivo habitada até 1953, ano no que o goberno irlandés decidiu que non podía garantir máis a seguridade da poboación restante. A práctica totalidade da poboación tiña o irlandés como lingua materna. Os habitantes foron evacuados á illa de Irlanda o 17 de novembro de 1953[1]. Algúns emigraron ós Estados Unidos e aínda hoxe se poden atopar os seus descendentes en Springfield, Massachusetts, mentres que outros ficaron na veciña Península de Dingle, dende a cal poden ver o seu antigo fogar.
Debido á súa localización remota e o seu difícil acceso, os insulares foron obxecto de diversos estudos antropolóxicos e lingüísticos en torno á fin do século XIX e comezos do século XX, particularmente por parte de escritores e lingüistas como Robin Flower, George Derwent Thomson e Kenneth H. Jackson.
Tamén foi o fogar de tres notábeis escritores irlandeses: Tomás Ó Criomhthain, Peig Sayers e Muiris Ó Súilleabháin. As súas obras foron todas escritas en irlandés e posteriormente traducidas ó inglés e outros idiomas. As casas de Tomás Ó Criomhthain e Muiris Ó Súilleabháin atópanse en ruínas, pero a de Peig Sayers foi restaurada para formar parte da pousada que funcionaba anteriormente na illa.
Ata a evacuación, os habitantes da illa formaban o asentamento máis occidental de toda a Irlanda e a súa forma de vida estaba baseada na pesca. Porén, a comunidade nunca foi moi numerosa (mesmo no seu auxe, a poboación era de pouco máis de 150 persoas).
Literatura
[editar | editar a fonte]Considerando o reducido da poboación, é destacábel que a illa fose o fogar dun número notábel de escritores de talento. Destacan por manter viva a tradición cultural da súa terra, xa que algúns dos seus libros tratan sobre as tradicións e forma de vida dos antigos poboadores das illa. Entre eles destacan as obras An tOileánach de Tomás Ó Criomhthain, Peig de Peig Sayers e Fiche Blian ag Fás de Muiris Ó Súilleabháin.
Propiedade e status da illa
[editar | editar a fonte]A pousada e a cafetaría que antes operaban na illa foron pechadas por mor dunha disputa entre o Estado irlandés e un individuo que afirma posuír a meirande parte da illa.
Estas diferenzas foron resoltas por un acordo feito en agosto de 2007, no que se pretende que máis do 95% da superficie da illa sexa mercada polo Estado para crear un parque nacional.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Agricultores co tractor pasando a carón das casas abandonadas.
-
Vista da Illa de Gran Blasket dende Dún Chaoin na Península de Dingle.
-
Illa de Gran Blasket.
-
Illa de Gran Blasket vista dende Slea Head na Península de Dingle.
-
Vista das casas abandonadas.
-
Ruínas da casa na que medrou Muiris Ó Súilleabháin.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Stagles, Joan and Ray, The Blasket Islands: Next Parish America. Dublin: O'Brien Press, 1980 (new edn. 1998).