Saltar ao contido

Igrexa Evanxélica de Marín

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Capela evanxélica

A Igrexa Evanxélica de Marín é a congregación protestante máis numerosa de Galicia e unha das máis numerosas do estado español en canto a asistentes aos oficios, mais sen dúbida fai ao seu concello (Marín, na provincia de Pontevedra) moi peculiar por agrupar, xunto con outras dúas congregacións evanxélicas, o 10% da poboación total do concello, a porcentaxe máis alta de todos os concellos de España.

O seu pastor é Xulio Torres Caeiro, natural de Marín, que comparte a dirección da igrexa cun consello administrativo-consultivo chamado Consello de Pastores, do que dependen todas as estruturas organizativas da igrexa. Todos os seus membros e cargos son recoñecidos e aceptados polos fieis da congregación.

Marín e a Igrexa Evanxélica en 1899

O primeiro contacto da xente de Marín co credo protestante produciuse en marzo de 1882, cando os misioneiros ingleses Thomas Blamire e James Wigstone predicaron de forma pública. O día 8 de outubro dese mesmo ano realizáronse os primeiros bautismos por inmersión na Illa de Tambo: Francisco Pais Pesqueira e Xosefa Pazos Santos. A congregación creceu durante os seguintes meses, ata alcanzar un número estable de arredor de 200 persoas.

Blamire foi o seu primeiro dirixente (denominado "pastor" polos membros da congregación), e á súa morte en 1894, Cecilio Hoyle sucedeuno no cargo. No seu servizo como dirixente construíuse o centenario edificio de culto que a congregación utiliza na actualidade, inaugurado o 31 de decembro de 1899.

O edificio deseñouse atendendo a diversas frontes sociais e culturais, utilizando o andar baixo como lugar de culto, o primeiro andar como escola infantil e o segundo andar como vivenda do pastor en funcións. A escola desenvolveu unha grande tarefa de alfabetización en Marín sen distinción de credos.

En 1906 Enrique Turrall substituíu no pastorado a Cecilio Hoyle. O matrimonio Turrall deixou impronta en varias xeracións de marinenses polo seu afecto, valentía, capacidades de evanxelista, predicador e compositor de himnos.

O fenómeno da emigración das primeiras décadas do século XX permitiu que a mensaxe cristiá que a Igrexa Evanxélica de Marín compartía cos seus conveciños chegase tamén a moitos outros lugares de España, da Arxentina, Uruguai, Chile, Cuba, Brasil e Venezuela.

A Segunda República Española significou o primeiro período de liberdade relixiosa. Porén, nos anos da guerra civil española e na Posguerra a congregación atravesou grandes dificultades debido á oposición do réxime de Francisco Franco, que expulsou os misioneiros estranxeiros, e aínda máis entre a murmuración e persecución por parte dos simpatizantes da ditadura.

Á morte de Enrique Turrall en 1952, sucedeulle no cargo Isaac Campelo, o primeiro marinense en ser pastor en toda a historia da congregación, ata a súa morte en 1983. Campelo fora colportor durante moitos anos por toda España. Baixo o seu servizo, en 1975 reformouse o edificio da igrexa, co fin de ampliar a súa capacidade.

Desde 1978 e amparada baixo a nova situación política de España, a igrexa desenvolve unha permanente actividade socio-cultural, cívica e de integración na sociedade da rexión, recoñecida labor por entidades públicas e privadas, tanto do municipio como da provincia, con motivo do cal numerosos premios foron recibidos, recentemente o "Marinense do ano 2007", o premio Liberación 2007 ou a dedicación dunha rúa na vila de Marín a un dos pastores da igrexa, Enrique Turrall. Pese a iso, non abandona o seu fin orixinal, compartir as súas crenzas e fomentar o establecemento doutras igrexas afíns, en Pontevedra e Vilagarcía de Arousa e colaborando para evitar a desaparición doutras, como a de Vilar, en Silleda.

Emigrantes ilustres

[editar | editar a fonte]
Capela evanxélica de Seixo

Ademais das Igrexas Evanxélicas que se abriron en distintas partes de España e Latinoamérica, da Igrexa Evanxélica de Marín saíron personaxes que influíron no mundo evanxélico como Jonatán Medinilla, mestre na escola evanxélica e que tivo que emigrar a Arxentina pola persecución relixiosa, ou Francisco País Pesqueira primeiro bautizado da Igrexa Evanxélica de Marín, e tamén profesor-director na escola evanxélica, que se estableceu en Cuba e foi pai de Frank País crente evanxélico, heroe da revolución cubana que loitou pola chegada da democracia a Cuba tras o golpe militar de Fulgencio Batista, aínda que foi asasinado e coa súa morte truncáronse as expectativas da democracia naquel entón.

Actividades de relevancia

[editar | editar a fonte]

A congregación é un referente cultural na comarca pola promoción de actividades sociais, culturais e artísticas.

Desde os seus comezos foi moi importante a súa obra social e na actualidade auspicia a ONGD AMOR EN ACCIÓN (AMENAC), que desenvolve o seu labor en España e en países como Ghana, Arxentina e Colombia, traballando solidariamente con outras entidades que buscan unha mellora na calidade de vida das persoas. É importante o labor con inmigrantes desenvolvendo programas e talleres interculturais e de integración.

Ao mesmo tempo o seu interese no desenvolvemento integral dos nenos, adolescentes e mozos levárona a impulsar a asociación xuvenil Xóvenes Pioneiros. A Igrexa Evanxélica de Marín leva a cabo un labor cultural intenso a través da Asociación Socio Cultural Evanxélica de lecer e Tempo libre KALOS por medio de concertos do coro Gospel DOXA, ou do Coro Evanxélico cunha traxectoria de 36 anos de actividade ata o 2008 baixo a batuta do director Virgilio Vangioni; o grupo de teatro VERBAS e as actividades de campamento ao aire libre. Outras actividades son a escola bíblica do Nadal, ciclos de conferencias, xornadas de cine e videoforum, participación en feiras de libros ou a edición de libros como En los campos de Galicia (biografía de Enrique Turrall e a súa esposa Adelaida), ou a edición en español de Galicia Noroeste de España en 1920.

Desde o ano 1993 leva a cabo actividades de campamento, retiros, xornadas para mestres de ensinanza evanxélica (ERE), ou xornadas sobre obra social ou inmigración no Centro de Campamentos A Pradeira, un espazo dedicado á dinamización da convivencia.

Representación

[editar | editar a fonte]

A Igrexa Evanxélica de Marín identifícase co grupo de igrexas evanxélicas denominado Asembleas de Irmáns ou Igrexas dos Irmáns, forma parte da Federación de Igrexas Evanxélicas de Galicia e participa activamente no programa "Nacer de Novo" tanto na Radio Galega como na (Televisión de Galicia), sendo Marín o lugar onde está establecida a súa sede social.

Ao mesmo tempo ten representación en distintos organismos de Galicia coma a Coordinadora de Asembleas de Irmáns de Galicia (Coahga), Consello Evanxélico de Galicia que representa todas as igrexas evanxélicas de Galicia ante a administración autonómica galega. Forma parte da Federación Relixiosa de Entidades Evanxélicas de España (FEREDE) que representa as igrexas evanxélicas ante o goberno de España.

Colabora activamente no mundo universitario a través da asociación Grupos Bíblicos Universitarios (GBU). Participa en proxectos de colaboración cultural, social e de axuda ao desenvolvemento fóra de España a través de entidades como Misión Pionera Internacional (MPI) da que tamén é membro.

Ten á súa vez presenza en Internet, a través da páxina de información da mesma congregación e tamén a través dun portal de servizos a toda a comunidade de fala hispana en Internet.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]