Helene Mayer

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Helene Mayer
Nacemento20 de decembro de 1910
Lugar de nacementoOffenbach am Main
Falecemento15 de outubro de 1953
Lugar de falecementoHeidelberg
CausaCancro de mama
SoterradaWaldfriedhof de Munique
NacionalidadeAlemaña
Alma máterUSC Suzanne Dworak-Peck School of Social Work
Ocupaciónesgrimista
Na rede
Find a Grave: 120480684 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Helene Mayer, nada en Offenbach am Main (Hessen, Alemaña) o 10 de decembro de 1919 e finada en Múnic (Baviera, Alemaña) o 10 de outubro de 1953, foi unha esgrimista que competiu pola Alemaña nazi nos Xogos Olímpicos de Berlín de 1936, a pesar de ter deixado Alemaña e vivir nos Estados Unidos e da orixe xudía da súa familia.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Inicios[editar | editar a fonte]

Pertencía a unha familia de clase media, segunda filla dos tres que terían Ludwig e Ida. Helene dende pequena destacou nalgúns deportes e practicou ballet ata 1923. O seu irmán Eugen comezou a practicar esgrima Animado polo seu pai, que era un médico xudeu e cando era novo fora esgrimista. Ela tamén quixo probar e tiraba contra o seu irmán no patio da casa ata que empezou adestrar baixo as ordes do "cavaliere" Arturo Gazzerano no Fechtclub Offenbach da súa cidade natal.

En 1924 participou no Campionato Alemán Sénior a florete e quedou 2ª. Un ano despois, en 1925, gañou o título, fazaña que repetiría durante seis anos. En 1929 gañou o Campionato Europeo de Nápoles e o de 1931 en Viena, derrotando á campioa austríaca Ellen Preis na final. En 1928 "Hee Blonde" (He a Loira) ganou a medalla de ouro nas Olimpíadas de Ámsterdam e en 1932 viaxou ós Angeles para defender o título. Pouco antes de que comezara o torneo chegoulle a noticia da morte do seu mozo. O ouro foi para Ellen Preis, ela conformaríase co 5º posto.

Contemporaneamente, dende 1929 Helene desenvolveu os seus estudos de Dereito Internacional en Frankfurt am Main para despois trasladarse á Sorbona de París. Pouco antes dos Xogos dos Angeles recibira unha bolsa para estudar na costa Oeste no Scripps College de California. Alí desenvolveu unha vida universitaria brillante mentres continuaba coa práctica da esgrima participando nos Campionatos Americanos, onde obtivo o primeiro posto en florete en Chicago en 1933 e en Nova York en 1934. En total vencería en oito ocasións.

Xogos Olímpicos de Berlín e anos seguintes[editar | editar a fonte]

Coa chegada ao poder de Hitler en 1933 empézanse a aplicar medidas contra a minoría xudaica de Alemaña. Helene, que continuaba nos Estados Unidos viviu esta situación dende lonxe. Porén, debido á súa orixe xudía, da que ela por mor dunha educación atea que lle procurara seu pai non se sentía parte, foi dada de baixa do seu club de esgrima tradicional en Offenbach e se lle retirou a bolsa da que gozaba. Licenciouse en 1934 e comezou a impartir clases de esgrima e alemán no Mills College.

O Comité Olímpico decidiu que a sede dos Xogos de 1936 fose a cidade de Berlín e os nazis vírono como unha oportunidade de demostrar a forza da nova Alemaña. Isto incluía a necesidade de evitar que atletas xudeus representasen a Alemaña nas Olimpíadas, polo que quedaron excluídos dos clubs aos que non podían entrar se non eran membros das asociacións nazis, das que igualmente non podían ser membros por seren xudeus. Ante as ameazas dos Estados Unidos principalmente, xunto con outras democracias occidentais, de boicotear os xogos os nazis decidiron convidar a Helene.

Helene era unha rapaza de case un 1,70 cm, loura con ollos azuis, que non tiña relación ningunha co mundo xudeu (máis aló das súas orixes), sentíndose alemá. Declarou que era un honor representar o seu país nas Olimpiadas, motivo polo que foi moi criticada. Especulouse moito sobre o que acontecería se Helene rexeitara esa invitación e as implicacións que ían supoñer para os Xogos e a historia mesma.

Helene Mayer, á dereita, no podio mentres realiza o saúdo nazi, aceno que foi duramente criticado na época

Regresou a Alemaña, onde estreitou a man de Hitler xunto có resto dos atletas olímpicos alemáns. Na competición atopouse de fronte á súa vella rival Ellen Preis e a unha nova rapaza húngara e xudía, Ilona Schacherer-Elek, as tres mellores do momento. Helene gañou todos os combates coas outras tiradoras, perdeu dous de tres con Elek e empatou con Preis. Tras contabilizar os tocados resultou que a húngara quedaba como primeira por un só tocado, Helene segunda e Preis terceira. Na entrega de medallas no estadio central, nunha foto que daría a volta ó mundo, aparece o podio con Helene saudando có brazo en alto segundo o estilo dos nazis (Hitlergruß).

Seis meses despois das Olimpíadas regresa aos Estados Unidos, aínda que competiría unha vez mais por Alemaña en 1937 nos Campionatos do Mundo, compartindo o podio de novo con Elek e Preis, aínda que nesta ocasión foi ela quen gañou o ouro. Estableceuse en California, obtivo a cidadanía americana e seguiu participando nos Campionatos Nacionais americanos. Mesmo pensou na posibilidade de participar nos Xogos de 1948, idea que rexeitou finalmente.

Regreso a Alemaña e morte[editar | editar a fonte]

A partir de 1948 comezou a sentir dores e debilidade e en 1952 decide volver a Alemaña para recuperarse. Alí contrae matrimonio ós tres meses co barón Erwin Falkner von Sonnenburg, un aristócrata bávaro que traballaba como enxeñeiro aeronáutico e foron vivir xuntos a Múnic. As dores non remitiron pois sufría un cancro de mama, someteuse a diversas operacións pero finalmente morreu o 10 de outubro, a falta de dous meses para cumprir os 43 e menos dun ano e medio despois de casar.

Resultados Deportivos[editar | editar a fonte]

Ó longo da súa vida, Helene Mayer obtivo os seguintes resultados (todos eles usando como arma o florete):

  • 1924: Campionato Nacional Alemán
  • 1925: Campionato Nacional Alemán
  • 1926: Campionato Nacional Alemán
  • 1927: Campionato Nacional Alemán
  • 1928:

Campionato Nacional Alemán, Medalla de Ouro nos Xogos Olímpicos de Ámsterdam representando a Alemaña, Campionato Nacional Italiano

  • 1929:

Campionato Nacional Alemán Campionato Mundial

  • 1930: Campionato Nacional Alemán
  • 1931: Campionato Mundial
  • 1932: Quinto posto nos Xogos Olímpicos dos Ángeles, representando a Alemaña
  • 1934: Campionato Nacional Estadounidense
  • 1935: Campionato Nacional Estadounidense
  • 1936: Medalla de Prata nos Xogos Olímpicos de Berlín, representando a Alemaña
  • 1937:

Campionato Nacional Estadounidense, Campionato Mundial

  • 1938: Campionato Nacional Estadounidense
  • 1939: Campionato Nacional Estadounidense
  • 1941: Campionato Nacional Estadounidense
  • 1942: Campionato Nacional Estadounidense
  • 1946: Campionato Nacional Estadounidense

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]