Guillerme Tell

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Guillerme Tell e o seu fillo. Memorial en Altdorf, capital do cantón suízo de Uri.
Pourtraits et Vies des Hommes Illustres, 1584

Guillerme Tell (Wilhelm Tell en alemán) é un personaxe lendario da independencia suíza (século XIV). Non existe ningunha proba documental contemporánea á data de existencia de Guillerme Tell que poida probar que se tratase dun personaxe real. A súa existencia aparece nunha serie de relatos lendarios dos séculos XV e XVI que inclúen altas doses de fantasía e motivos folclóricos. Porén, resulta probable que algún dos trazos e episodios que se lle atribúen pertencesen realmente a algún combatente (ou combatentes) pola independencia suíza non identificados de principios do século XIV, ao cal a imaxinación popular dotaría posteriormente de elementos lendarios.

A Lenda de Tell[editar | editar a fonte]

Segundo as lendas, Tell era un habitante de Bürglen (pobo do cantón suúzo de Uri), besteiro, famoso polo seu puntería, de finais do século XIII e principios do XIV. Naquela época, a Casa de Habsburgo anexionara algúns cantones suízos no seu intento de conseguir a contigüidade territorial entre as súas posesións no alto Rin e as do Tirol.

Certo día no que Guillerme Tell, que ata entón non desenvolvera ningunha actividade política, pasaba pola praza maior de Altdorf acompañado polo seu fillo, refusou inclinarse en sinal de respecto ante o chapeu instalado na praza simbolizando ao soberano da Casa de Habsburgo. Ante tal mostra de rebeldía ante o seu lexítimo señor, o gobernador de Altdorf, Hermann Gessler, presentado como un individuo colérico e sanguinario, detivo a Tell. Habendo chegado ás súas oídos noticia da súa fama como besteiro, obrigoulle a disparar a súa bésta contra unha mazá colocada sobre a cabeza do seu propio fillo, o cal foi situado a 80 pasos de distancia. Se Tell acertaba, sería librado de calquera cargo. Se non o facía, sería condenado a matar.

Tell intentou en balde que Gessler cambiase o seu castigo, de modo que introduciu dúas frechas na súa bésta, apuntou e grazas á súa habilidade como besteiro conseguiu acertar na mazá sen ferir ao seu fillo. Ao preguntarlle o gobernador pola razón da súa segunda frecha, Guillerme Tell contestoulle que estaba dirixida ao corazón do malvado gobernador no caso de que a primeira frecha ferise ao seu fillo. Enfurecido pola resposta, volveu detelo e mandou que o encarceraran no castelo de Küssnacht. No camiño ao castelo, a través do lago dos Catro Cantones, estalou durante a travesía unha tormenta que a punto estaría de levar a pique á nave. Tell, desatado polos gardiáns para que puidese levalos a terra, fíxose co control do barco e logrou levalo á beira, salvando así a súa vida e a dos demais ocupantes da barca, entre os que se atopaba o propio Gessler. Apenas desembarcado, Guillerme Tell fuxiu, tendendo pouco despois unha emboscada ao gobernador e matándoo coa súa segunda frecha. Este feito marcaría o comezo da sublevación dos cantóns suízos de Uri, Schwyz e Unterwalden contra os Habsburgo, converténdose nun mito fundamental na loita de Suíza pola súa independencia.

A Historia[editar | editar a fonte]

Ata máis dun século e medio despois de que tivesen lugar os feitos protagonizados por Guillerme Tell non empezaron a ser recollidos en crónicas e baladas transmitidas oralmente. Cara a 1470 aparecen as primeiras menciones en textos escritos suízos e coñécese a existencia dun drama en verso, en alemán, chamado Wilhem Tell, que foi refundido en 1545 por Jacob Ruof (1500-1558). Con todo, a versión clásica do mito apareceu no Chronicon Helvetium de Egidio Tschudi, case 200 anos logo da época en que se supón que ocorreron os feitos relatados. Nesta crónica se datan os feitos protagonizados por Guillerme Tell en novembro de 1307, e a de 1308 como a da definitiva liberación de Suíza.

Con todo, non hai ningunha proba contemporánea de que Tell nin Gessler existisen. É máis, existen abundantes lendas que, con outros personaxes e noutros paraxes, relatan unha proeza arquera parecida á de Tell. Por exemplo, o motivo do disparo contra a mazá atopa un episodio moi similar na Crónica dinamarquesa de Saxo Grammaticus (ao redor de 1200), así como nunha antiga balada inglesa de William of Cloudeslee. Quizais por iso, no século XVIII xurdiu unha corrente historiográfica que puxo en dúbida a existencia histórica do heroe, debido á falta de fontes históricas contemporáneas e á innegable raíz folclórica dalgúns elementos que adornan a lenda.

En calquera caso, o mito encádrase perfectamente no movemento da resistencia nacido entre os campesiños do cantón de Uri a partir de 1278, o cal se confederou cos de Schwyz e Unterwalden, formando unha Liga Perpetua (1291) en contra dos Habsburgo. Este movemento transformouse deseguido nunha rebelión aberta contra os Habsburgo, que culminou coa vitoria das tropas dos tres cantóns sobre o duque Leopoldo de Habsburgo na batalla de Morgarten (1315). Os tres cantóns, predominantemente rurais e de fala alemá, formaron a Confederación Helvética, núcleo da Suíza actual.[1]

Schiller e Rossini[editar | editar a fonte]

Co transcurso dos séculos, a figura de Guillerme Tell encarnou os ideais de loita pola liberdade e independencia de Suíza primeiro, e máis tarde os de amor paterno e a loita pola xustiza. Numerosos autores, especialmente durante o Romanticismo, atoparon en Guillerme Tell a súa fonte de inspiración. Friedrich Schiller baseouse na lenda de Guillerme Tell para escribir un drama en cinco actos e en verso, pertencente á época clásica da literatura alemá: Guillerme Tell (en alemán: Wilhelm Tell), en 1804.

O drama de Schiller serviu de inspiración a numerosos autores posteriores, como o drama histórico Guillerme Tell de Antonio Gil y Zárate. Posteriormente, Eugenio d'Ors publicou tamén en 1926 a súa obra Guillermo Tell. Tragedia política, escrita en 1923 durante unhas vacacións no Tirol, unha orixinal reelaboración da lenda do heroe suízo.

Pola súa banda, Gioacchino Antonio Rossini utilizou a obra de teatro, adaptada ao francés por Victor Étienne e por Hippolyte Bis a partir do texto de Schiller, para compoñer a ópera homónima en 1829, que se estreou en Parides. A obertura de dita opera é mundialmente coñecida e popular.

Outras obras literarias[editar | editar a fonte]

En Wilhelm Tell für die Schule, de 1971, Max Frisch presenta unha versión notoriamente distinta do personaxe e a súa historia. Aquí, non é xa un heroe da liberdade, senón un campesiño cerril e tozudo, empeñado en facer algo -disparar a frecha- que ninguén lle esixe. O representante do poder imperial aparece como un home atormentado polas xaquecas, os ventos alpinos e a incomprensión do comportamento dos lugareños. O mito nacional queda desmontado. A novela ten o elemento curioso de que notas ao pé de páxina, con citas orixinais e referencias documentais, van avalando a versión que presenta Frisch.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Biografías y Vidas. "Guillermo Tell". Consultado o 5 de xullo de 2004. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]