Gregory Hines

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Gregory Hines
Gregory Hines 1993.jpg
Nacemento14 de febreiro de 1946
 Nova York
Falecemento9 de agosto de 2003 e 8 de setembro de 2003
 Os Ánxeles
Causacancro de fígado
SoterradoCanadá
NacionalidadeEstados Unidos de América
EtniaAfroamericano
Ocupaciónactor, cantante, actor de televisión, coreógrafo, actor de teatro, actor de cinema e bailarín
PremiosTheatre World Award e Tony Award de Melhor Ator em Musical
editar datos en Wikidata ]

Gregory Oliver Hines, nado en Nova York o 14 de febreiro de 1946 e finado nos Ánxeles o 9 de agosto de 2003, foi un bailarín, actor, cantante e coreógrafo estadounidense.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Inicios[editar | editar a fonte]

Hines naceu en Nova York en 1946, fillo de Alma Iola (Lawless) e Maurice Robert Hines, bailarín, músico e actor.[1] Comezou a bailar claqué cando tiña dous anos de idade e iniciou a danza de forma semiprofesional con cinco.

Tras isto, el e o seu irmán máis vello, Maurice, comezaron a actuar xuntos, estudando co coreógrafo Henry LeTang. Gregory e Maurice tamén aprenderon de bailaríns veteranos como Howard Sims e os Nicholas Brothers, sempre que actuaban nos mesmos lugares. Os irmáns, que actuaban en clubs nocturnos, eran coñecidos como "The Hines Kids" e máis adiante como "The Hines Brothers". Cando o seu pai se uniu para tocar o tambor,[2] o nome cambiou de novo en 1963 a "Hines, Hines, and Dad".

Carreira[editar | editar a fonte]

Hines actuou como cantante solista e músico nunha banda de rock chamada Severance, entre 1975 e 1976, con base en Venice, California. Severance foi unha das bandas locais orixinais dun club chamado Honky Hoagies Handy Hangout, tamén coñecido como 4H Club. Severance publicou o seu álbum debut en Largo Records (subsidiaria de GNP Crescendo) en 1976. En 1986, cantou un dúo con Luther Vandross titulado "There's Nothing Better Than Love", que acadou a primeira posición das listas de éxitos de R&B.[3]

Hines debutou no cinema en History of the World, Part I, de Mel Brooks. A crítica apuntou o engado cómico de Hines, e logo apareceu en filmes como Cotton Club, White Nights, Apunta, dispara e corre con Billy Crystal, Tap e Waiting to Exhale. En televisión, protagonizou a súa propia serie en 1997, de título The Gregory Hines Show na CBS, ademais de realizar o papel recorrente de Ben Doucette en Will & Grace. En 1999, volveu poñer a voz a Big Bill, na serie de Nick Jr. Little Bill. En 2000, protagonizou The Tic Code.

A primeira actuación de Hines en Broadway foi co seu irmán en The Girl in Pink Tights en 1954. Foi candidato aos premios Tony por Eubie! (1979), Comin' Uptown (1980) e Sophisticated Ladies (1981), e gañouno por Jelly's Last Jam (1992). En 1989, Gregory Hines creou "Gregory Hines' Tap Dance in America", que tamén presidiu. O especial da PBS incluíu bailaríns como Savion Glover e Bunny Briggs. Tamén copresentou a cerimonia dos Tony en 1995 e 2002.[4][5]

En 1990, Hines visitou o seu ídolo, Sammy Davis Jr., cando estaba enfermo de cancro de esófago, incapaz de falar. Trala morte de Davis, un emotivo Hines falou no funeral de como Sammy lle fixera un xesto "como se pasase un balón de baloncesto... e eu collino". Hines falou do honor de que Sammy pensase que Hines podería seguir onde el o deixou.[6]

Hines foi un grande improvisador, realizando moitas improvisacións de pasos de claqué, ademais de sons e ritmos. As súas imporvisacións eran como un tambor, facendo sós e logo volvemos con toda clase de ritmos. Tamén improvisaba o fraseo de numerosos pasos de bailes, principalmente baseados no son que producián. A pesar de que herdou as raíces e a tradición do claqué rítmico negro, tamén influíu o novo claqué. Nese momento, aliñou o claqué cos últimos experimentos formais do jazz, as novas músicas e a danza postmoderna.[7]

Durante a súa carreira, Hines foi un defensor do claqué nos Estados Unidos. En 1981, avogou con éxito pola creación do National Tap Dance Day, que se celebra en corenta cidades do país, ademais de noutros oito países. Gregory Hines formou parte da xunta de directores do Manhattan Tap, foi membro do Jazz Tap Ensemble e da American Tap Foundation (antigamente, American Tap Dance Orchestra).

Foi un bo profesor, e influíu en artistas de claqué como Savion Glover, Dianne Walker, Ted Levy e Jane Goldberg.[7] Nunha entrevista con The New York Times en 1988, Hines dixo que todo o que fixo tivo influencia da súa danza: "o meu canto, a miña interpretación, a miña forma de amar, a miña forma de ser pai".[7]

Falecemento[editar | editar a fonte]

Hines morreu de cancro de fígado o 9 de agosto de 2003, de camiño ao hospital dende a súa casa dos Ánxeles. Fora diagnosticado coa enfermidade máis dun ano antes, pero só informara diso os seus amigos máis íntimos. No momento do seu pasamento estaba rematando a produción do programa de televisión Little Bill e estaba comprometido con Negrita Jayde.[8]

Hines está enterrado no cemiterio ortodoxo ucraíno de Saint Volodymyr en Oakville, Ontario.[9] Jayde faleceu de cancro o 28 de agosto de 2009, aos 51 anos, semanas despois do sexto memorial anual de Hines.[10]

O 28 de xaneiro de 2019, o US Postal Service honrou a Hines cun selo, presentado nunha cerimonia en The Buffalo Academy for Visual and Performing Arts en Buffalo, Nova York. O selo é parte da serie de herdanza negra.[11]

Vida privada[editar | editar a fonte]

Os matrimonios de Hines con Patricia Panella e Pamela Koslow acabaron en divorcio. Tivo un fillo, Zach, e unha filla, Daria, ademais dunha fillastra, Jessica Koslow.

Filmografía[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Gregory Hines Biography (1946-)". www.filmreference.com. 
  2. "Gregory Hines" (obituary), The Telegraph, 12 de agosto de 2003.
  3. Luther Vandross Chart History
  4. Mervyn Rothstein (1 de setembro de 1992). "The Man in the Dancing Shoes". Cigar Aficionado. Arquivado dende o orixinal o 8 de outubro de 2009. Consultado o 25 de maio de 2012. 
  5. "Tap: With Gregory Hines". New York Public Library. Consultado o 23 de abril de 2013. 
  6. Jr. news (1992). "Gregory Hines Interview". sammydavis-jr. The Sammy Davis, Jr. Association. Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2008. Consultado o 9 de xuño de 2008. 
  7. 7,0 7,1 7,2 Hill, Constance Valis. "Biography of Gregory Hines". The New York Public Library. Consultado o 21 de decembro de 2017. 
  8. Dunning, Jennifer (11 de agosto de 2003). "Gregory Hines, Versatile Dancer and actor, Dies at the age of 57". The New York Times. Consultado o 9 de xuño de 2008. 
  9. "Gregory Hines buried in Oakville City, Ontario". CBC. Consultado o 21 de agosto de 2013. 
  10. "Negrita Maria Jayde Obituary". 
  11. Postal Service Celebrates Dancer/Actor Gregory Hines As Honoree on New Forever Stamp, US Postal Service news release, 28 de xaneiro de 2019
  12. "The Amazing Falsworth". 5 de novembro de 1985 – vía www.imdb.com. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]