Gotthold Eisenstein

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Gotthold Eisenstein
Gotthold Eisenstein.jpeg
Datos persoais
Nacemento16 de abril de 1823
LugarBerlín, Prusia
Falecemento11 de outubro de 1852 (29 anos)
LugarBerlín, Prusia
Causatuberculose
NacionalidadeAlemaña e Prusia
Actividade
CampoMatemáticas
Alma máterUniversidade de Berlín
Director de teseErnst Eduard Kummer
Nicolaus Wolfgang Fischer
Contribucións e premios
Coñecido porCriterio de Eisenstein
Reciprocidade de Eisenstein
editar datos en Wikidata ]

Ferdinand Gotthold Max Eisenstein, nado en Berlín o 16 de abril de 1823 e finado na mesma cidade o 11 de outubro de 1852 foi un matemático alemán.[1]

Como Galois e Abel, Eisenstein morreu antes de cumprir 30 anos e, como Abel, a súa morte debeuse á tuberculose.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Desde moi temperá idade Eisenstein demostrou talento nas matemáticas, e tamén na música. Aprendeu a tocar o piano sendo moi pequeno, e continuou tocándoo e compondo durante toda a súa vida.

Sufriu problemas de saúde durante toda a súa vida, incluíndo meninxite na infancia, enfermidade da que morreron os seus cinco irmáns e irmás. En 1837, aos catorce anos, ingresou no Gymnasium Friedrich Wilhelm, para pasar logo ao Gymnasium Fiedrich Werder de Berlín. Os seus mestres recoñeceron o seu talento matemático, pero aos 15 anos xa superara os coñecementos que podía obter na escola e comezou a estudar cálculo diferencial de obras de Euler e Lagrange.

Aos 17, estando aínda na escola, comezou a asistir ás clases de Dirichlet e outros matemáticos na Universidade de Berlín. En 1842, antes de dar os seus exames finais na escola, viaxou xunto coa súa nai a Inglaterra (onde se achaba o seu pai). En 1843 atópase con Hamilton en Dublín; este deulle unha copia dunha obra súa sobre o traballo de Abel sobre a imposibilidade de resolver ecuacións de quinto grao, o que estimulou notablemente o interese do novo Eisenstein na investigación matemática.

En 1843 regresou a Berlín, realizou os seus exames de graduación e no outono ingresou na Universidade. Para xaneiro de 1844 xa presentara o seu primeiro traballo á Academia de Berlín, sobre formas cúbicas con dúas variables. Nese ano atópase por primeira vez con Alexander von Humboldt, quen en diante foi o seu protector. Considerando a extrema pobreza de Eisenstein, Humboldt logrou obter para el subsidios do Rei, do goberno de Prusia, e da Academia de Berlín. Estes subsidios, sempre tardíos e dados de mala gana, foron pagados con fartura por Eisenstein: só en 1844 publicou 23 traballos e dous problemas no Crelle.

En xuño de 1844 visitou a Gauss en Gotinga. En 1845 Kummer logrou que Eisenstein recibise un doutoramento honoris causa da Universidade de Breslau. Jacobi tamén impulsou esta distinción, pero as relacións entre este e Eisenstein haberían de ser sempre difíciles; en particular, por unha cuestión de prioridades de descubrimento xurdida en 1846. En 1847 obtivo a súa habilitación da Universidade de Berlín, e comezou a impartir clases alí. Bernhard Riemann asistiu ás súas clases sobre funcións elípticas.

Eisenstein tiña simpatías republicanas, e aínda que non participou activamente nos sucesos revolucionarios de 1848, foi arrestado o 19 de marzo dese ano. Aínda que liberado un día despois, os malos tratos sufridos agravaron aínda máis a súa delicada saúde. Pero ademais as sospeitas do seu aliñamento coa causa republicana provocaron que lle fosen quitados os subsidios oficiais, aínda que Humboldt continuou apoiándoo.

A pesar do seu estado de saúde, Eisenstein continuou escribindo un traballo tras outro sobre particións cuadráticas dos números primos e leis de reciprocidade. En 1851, a instancias de Gauss, foi elixido membro da Academia de Gotinga; un ano despois, por recomendación de Dirichlet, tamén foi elixido membro da Academia de Berlín.

Morreu de tuberculose aos 29 anos de idade. Humboldt, entón de 83 anos, acompañou os seus restos ao cemiterio. Conseguira, demasiado tarde, o diñeiro necesario para enviar a Eisenstein a unha tempada de descanso en Sicilia.

Contribucións[editar | editar a fonte]

Na súa curta vida, Eisenstein realizou numerosas contribucións en varios campos das matemáticas. As tres áreas principais nas que realizou achegas fundamentais foron a teoría das formas, xeneralizando os resultados obtidos por Gauss respecto das formas cuadráticas; as leis de reciprocidade, co obxectivo de xeneralizar os resultados de Gauss sobre reciprocidade cuadrática; e as funcións elípticas, campo no que realizou os desenvolvementos teóricos máis destacados e que conservan influencia e actualidade.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Ferdinand Gotthold Max Eisenstein". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2017. Consultado o 03 de marzo de 2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]