Giovanni Candida
Giovanni Candida, nado en Benevento na segunda metade do século XV e finado na mesma cidade campana no século XVI (non antes de 1504), foi un medallista italiano.[1][2]
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Giovanni Candida era un crego pertencente á antiga familia Filangieri. Estivo ao servizo da casa de Anjou e, aínda na súa xuventude, trasladouse a Flandres. Logo desenvolveu a súa actividade artística principalmente na corte de Borgoña (desde 1472), onde ocupou o cargo de secretario de Carlos I, duque de Borgoña. Nesta corte confiáronselle tamén algunhas misións diplomáticas. Entre outros destinos, foi eviado en misións negociadoras a Venecia en 1473 e 1478, e a Roma en 1475 e en 1476, e foi observador na Dieta de Augsburgo en 1474.[3]
Á morte do duque de Borgoña, entrou ao servizo de Maximiliano I de Habsburgo e, finalmente, de Carlos VIII de Francia, xa na segunda metade do século XV. Sábese moi pouco acerca da vida que levou Candida na súa nova corte; descoñécese mesmo cales foron as súas funcións durante o reinado de Luís XI (1461-1483).[3]
Candida soubo asociar a arte da medallística á súa actividade diplomática, o que lle reportou unha gran sona en Borgoña. Gravou medallas para os seus amigos e protectores, e retratou tanto a grandes como a pequenos personaxes das políticas borgoñoa e francesa, como Maximiliano de Habsburgo, María de Borgoña, Carlos o Temerario ou Robert Briçonnet.[3]
A principios do reinado de Carlos VIII (1483-1498) exerceu tamén como historiador. Sábese que compuxo un resumo da historia de Francia titulado Historia Francorum abbreviata a Troiana urbe usque ad Carolum VIII, así como un tratado para lexitimar as pretensións de Carlos VIII ao trono do Reino de Nápoles.[3]
Nas súas medallas, Candida adoitaba incluír, a modo de sinatura de gravador, as marcas CAND, CANDID, OPUS CAND ou CANDIDA.[4]
Escolma de traballos[editar | editar a fonte]
-
Margherita de Chassey (1479).
-
María de Borgoña.
-
Carlos o Temerario, duque de Borgogna
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Forrer, L. (1904). Páxina 334.
- ↑ "Càndida, Giovanni". Sapere.it"
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Scheurer, R. (1974).
- ↑ Forrer, L. (1904).
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Giovanni Candida |
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Forrer, L. (1904). "Candida, Giovanni". En Biographical dictionary of medallists. Vol. 1. Londres. Páxinas 334-338.
- Scheurer, R. (1974). "Candida, Giovanni (Jean)". En: Ghisalberti, A. M. (ed.): Dizionario Biografico degli Italiani. Vol. 17. Istituto della Enciclopedia Italiana, Roma.
- Börner, L. (1983). "Giovanni Candida, Medaille Erzherzog Maximilian und Maria von Burgund". En Kunst der Reformationszeit, Berlín. Páxina 170.