Gia Carangi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gia Carangi
Nome completoGia Carangi
Nacemento29 de xaneiro de 1960
Lugar de nacementoFiladelfia
Falecemento18 de novembro de 1986
Lugar de falecementoFiladelfia
CausaSIDA
SoterradaCalifornia
NacionalidadeEstados Unidos de América
Alma máterAbraham Lincoln High School
Ocupaciónsupermodelo
Na rede
IMDB: nm1817020 WikiTree: Carangi-1 Find a Grave: 5311 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Gia Carangi, nada en Filadelfia o 29 de xaneiro de 1960 e finada na mesma cidade o 18 de novembro de 1986, foi unha supermodelo estadounidense, considerada como o máximo expoñente da moda mundial da década de 1980. Gia foi unha das primeiras persoas famosas por falecer debido a problemas co VIH.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Tiña ascendencia italiana, irlandesa e galesa. A súa nai fora modelo de catálogos durante a súa mocidade, e era a filla máis nova do matrimonio, que vivía nun suburbio de Filadelfia. O ambiente familiar nunca foi moi óptimo, na súa casa as pelexas eran continuas, feito polo cal seus pais se divorciaron, quedando ela baixo a custodia do seu pai. Debido ó ambiente creado polo pai na casa, Gia comeza a experimentar durante a súa adolescencia con drogas brandas como a marihuana.

A súa nai animouna a comezar unha carreira no mundo da modelaxe, debido á súa gran beleza e extravertida personalidade, conseguíndolle unha cita cun fotógrafo que toma as súas primeiras instantáneas. Estas fotografías foron enviadas a Wilhelmina Cooper, a maior axencia de modelos do mundo, e con 17 anos Gia comezou a ser coñecida no mundo da moda, trasladándose a vivir a Nova York.

Gia mudou por completo o estereotipo de modelo da época, que era unha idealización dunha muller loira, alta e delgada, mentres que ela era morena e cun carácter moi forte. Foi a modelo máis transgresora da década, e axiña protagonizou portadas de revistas como Harpers Bazaar, Vogue, Elle ou Cosmopolitan, da man de fotógrafos como Scavullo ou Richard Avedon. Os seus xestos e poses foron revolucionarios e marcaron tendencia.

A súa orientación sexual é descoñecida; afirmouse que era lesbiana ou bisexual. Tivo múltiples affaires con homes e mulleres, feito moi escandaloso na época.

Acostumaba a frecuentar o famoso Studio 54 e o Mudd Club, lugares onde a cocaína, a marihuana e outro tipo de drogas andaban con total normalidade. Posiblemente o contaxio co VIH foi debido a compartir unha agulla para inxectarse heroína. Durante unha sesión fotográfica a modelo escapou cara a un suburbio de Nova York preguntando por alguén que lle puidese dar uns gramos de cocaína, e ó non atopar a ninguén decidiu probar heroína cun adicto que estaba alí.

Nesta época a súa carreira como modelo comeza a decaer, o seu comportamento é cada vez menos desexable. Debido ás marcas de agulla nos seus brazos os fotógrafos non a querían contratar. Comeza neste tempo un tratamento de desintoxicación a base de metadona.

O 18 de novembro de 1986 faleceu por mor dunha pneumonía que se complicou co VIH. Ninguén do mundo da moda acudiu ó funeral da mesma, tan só Francesco Scavullo mandou unha tarxeta con condolencias para a súa familia.

En 1998, filmouse unha película biográfica sobre a mesma, protagonizada por Angelina Jolie.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]