Germaine Dulac

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Germaine Dulac
Germaine Dulac.jpg
Nome completoCharlotte Elisabeth Germaine Saisset-Schneider
Nacemento17 de novembro de 1882
LugarAmiens, Somme
Falecemento20 de xullo de 1942
LugarParís
SoterradoCemiterio do Père-Lachaise
NacionalidadeFlag of France.svg Francia
Cónxuxe(s)Louis-Albert Dulac (1906–1920)
ProfesiónDirectora, guionista
editar datos en Wikidata ]

Charlotte Elisabeth Germaine Saisset-Schneider, nada en Amiens (Somme) o 17 de novembro de 1882 e finada en París o 20 de xullo de 1942[1] foi unha cineasta, crítica e xornalista francesa, coñecida como Germaine Dulac. Tralo seu matrimonio comezou a súa carreira xornalística nunha revista feminista e máis tarde interesouse polo cinema. Coa axuda do seu home e dunha amiga fundou unha compañía cinematográfica e dirixiu varios filmes comerciais antes de tornar cara ao impresionismo e ao surrealismo. Os seus traballos máis coñecidos son o filme impresionista La Souriante Madame Beudet (1922/23) e o experimento surrealista La Coquille et le Clergyman (1928). A súa carreira sufriu a chegada do cinema sonoro e pasou a última década da súa vida traballando en noticiarios para Pathé e Gaumont.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Dulac naceu en Amiens, na familia de clase media alta dun oficial da carreira militar. Como o traballo do seu pai levaba á familia a mudarse frecuentemente a pequenas gornicións militares, Dulac foi enviada a vivir coa súa avoa a París. Alí comezou a interesarse na arte e estudou música, pintura e teatro. Trala morte dos seus pais estableceuse definitivamente en París e combinou os seus nacentes intereses no socialismo e no feminismo coa carreira de xornalismo.[1] En 1905 casou con Louis-Albert Dulac, un enxeñeiro agrícola tamén de clase alta. Catro anos despois comezou a escribir para La Française, unha revista feminista onde tamén comezou a escribir crítica teatral.[2] Ademais atopou tempo para traballar no equipo editorial de La Fronde, un xornal feminista radical do seu tempo.[1] Tamén se interesou na fotografía, precedente da súa entrada no mundo do cinema.

Dulac comezou a interesarse no cinema en 1914 a través da súa amiga a actriz Stacia Napierkowska. As dúas mulleres viaxaron xuntas a Italia pouco antes da Segunda Guerra Mundial. Napierkowska ía actuar nun filme e Dulac aprendeu as ideas básicas do medio durante aquela viaxe. A principios da década de 1900 e ata finais da de 1920, Dulac enfrontou á modernidade da capital francesa coa natureza provincial da Francia rural, dicotomía habitual nos seus filmes.[3] Pouco despois da súa volta a Francia decidiu crear unha compañía cinematográfica. Dulac e a escritora Irène Hillel-Erlanger fundou D.H. Films, con apoio financeiro do marido de Dulac, do que se divorciou en 1920.[4]. A compañía produciu varios filmes entre 1915 e 1920, todos dirixidos por ela e escritos por Hillel-Erlanger. Entre eles estaban o seu primeiro filme Les soeurs ennemies (1915/16), Vénus Victrix, ou Dans l'ouragan de la vie (1917) e Géo, le mystérieux (La vraie richesse, 1916).[5][6]

O maior éxito de Dulac foi Âmes des fous (1918), melodrama escrito por ela mesma e no que aparece a actriz Ève Francis, que presentou a Dulac o seu amigo (logo marido) o cineasta e crítico Louis Delluc. Pouco despois Dulac e Delluc colaboraron en La fête espagnole (1920), protagonizado por Francis e que declarado un dos máis influentes da década. Porén, só se conservan algúns fragmentos. A súa colaboración continuou noutros filmes.[5]

En 1921 Dulac reflexionou sobre o seu encontro con D.W. Griffith nun artigo titulado "Chez D.W. Griffith." No artigo presentaba dous temas populares que aparecen no seu cinema,[1] a autonomía do cinema como forma artística independente libre da influencia da pintura e a literatura e a importancia do cineasta como forza creativa e artística individual.

Continuou a súa carreira producindo tantos filmes comerciais como traballos presurrealistas, como La Souriante Madame Beudet (1922/23) e La Coquille et le Clergyman (1928).[5] Ambos os dous filmes foron estreados antes de Un chien andalou (1929) de Luis Buñuel e Salvador Dalí, e en ocasións La Coquille et le Clergyman aparece recoñecido como o primeiro filme surrealista. A busca do “cinema puro” por parte de Dulac inspirou o movemento cinematográfico francés Cinema pur. Tamén creou varias curtametraxes baseadas en música: Disque(s) 957 (1928/29; baseado en Chopin) e Thème et variations (1928/29).

Coa chegada do cinema sonoro, a carreira de Dulac cambiou. Desde 1930 volveu ao traballo comercial e produciu noticiarios para Pathé e para Gaumont. Despois da súa longa e influente carreira cinematográfica, Dulac converteuse na presidenta da Fédération des ciné-clubs, un grupo que promovía e presentaba o traballo de cineastas novos, como Joris Ivens e Jean Vigo. Tamén deu clases de cinema na École Technique de Photographie et de Cinématographie na rue de Vaugirard.[1] Faleceu en París o 20 de xullo e 1942. Charles Ford chamou a atención da dificultade que tivo a prensa francesa para imprimir o seu obituario:

"Molestos polas ideas inconformistas de Dulac, inquietos polas súas orixes impuras, os censores rexeitaron o artigo que, só tras intensas protestas do editor xefe da revista, apareceu tres semanas despois. Incluso morta, Germaine Dulac semellaba aínda perigosa…" [7]

Filmografía[editar | editar a fonte]

Ano Filme Acreditada
1915 Les soeurs ennemies Directora
1917 Venus Victrix ou Dans l'ouragan de la vie Directora
1917 Géo, le mystérieux Directora
1918 La jeune fille la plus méritante de France Directora
1919 Le bonheur des autres Directora
1919 La cigarette Directora
1920 Malencontre Directora
1920 La fête espagnole Directora
1920 La belle dame sans merci Directora
1920 Âmes de fous Directora
1922 Werther Directora
1923 La mort du soleil Directora
1923 La souriante Madame Beudet Directora, guionista
1923 Gossette Directora
1924 Le diable dans la ville Directora
1924 Âme d'artiste Directora, guionista
1926 La folie des vaillants Directora
1927 Le cinéma au service de l'histoire Directora
1927 Antoinette Sabrier Directora, guionista
1927 L'invitation au voyage Directora, guionista
1928 Thèmes et variations Directora
1928 La germination d'un haricot Directora
1928 Disque 957 Directora
1928 Danses espagnoles Directora
1928 Celles qui s'en font Directora
1928 Mon Paris Supervisora
1928 La coquille et le clergyman Directora, guionista, produtora
1928 Princesse Mandane Directora
1929 Étude cinégraphique sur une arabesque Directora
1932 Le picador Supervisora
1934 Je n'ai plus rien Directora

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Flitterman-Lewis 1996
  2. Williams 1992, 144–47.
  3. Tami Michelle Williams, páx. 104
  4. Pallister 1997, 64.
  5. 5,0 5,1 5,2 Williams 1992, 146.
  6. Datas de Pallister 1997, 64.
  7. Charles Ford 1968

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Flitterman-Lewis, Sandy (1996). Columbia University Press, ed. To Desire Differently: Feminism and the French Cinema. ISBN 978-0-231-10497-5. 
  • Pallister, Janis L. (1997). Fairleigh Dickinson University Press, ed. French-Speaking Women Film Directors: A Guide. ISBN 978-0-8386-3736-4. 
  • Williams, Alan Larson (1992). Harvard University Press, ed. Republic of Images: A History of French Filmmaking. ISBN 978-0-674-76268-8. 
  • Williams, Tami Michelle (2007). University of California Los Angeles, ed. "Beyond Impressions: The Life and Films of Germaine Dulac from Aesthetics to Politics". p. 366. 
  • Dozoretz, Wendy. 1982. Germaine Dulac : Filmmaker, Polemicist, Theoretician. Diss., New York University, 362 pp.
  • Flitterman-Lewis, Sandy. 1996. To Desire Differently: Feminism and the French Cinema. Columbia University Press. ISBN 978-0-231-10497-5
  • Ford, Charles. Germaine Dulac : 1882 - 1942, París : Avant-Scène du Cinéma, 1968, 48 p. (Serie: Anthologie du cinéma ; 31)
  • Katz, Ephraim; Fred Klein, Ronald Dean Nolan (2005). The Film Encyclopedia (5th Edition ed.). Nova York: HarperPerennial. ISBN 0-06-074214-3.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]