Galiñola pequena

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Galiñola pequena
Porzana parva Vlaskop cropped.jpg
Femia adulta.
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Gruiformes
Familia: Rallidae
Xénero: Porzana
Especie: P. parva
Nome binomial
Porzana parva
(Scopoli, 1769)
Distribución de Porzana parva      Área de cría.     Área de migración.     Área de invernada.     Aves errantes (estacionalidade incerta).

Distribución de Porzana parva      Área de cría.     Área de migración.     Área de invernada.     Aves errantes (estacionalidade incerta).
Sinonimia

Zapornia parva

A galiñola pequena[2] ou poliña bastarda[3] (Porzana parva) é unha especie de ave gruiforme da familia dos rálidos propia de Eurasia e África. Non se debe confundir con Porzana pusilla. Habita en zonas húmidas que teñan xunqueiras, especialmente nos que os xuncos se mesturan con Typha latifolia e teñan canles. É moi difícil de ver, e é máis fácil escoitar as súas chamadas.[4] Non se recoñecen subespecies.[5]

Descrición[editar | editar a fonte]

Macho adulto.

A galiñola pequena mide de 18 a 20 cm de lonxitude.[6] É lixeiramente menor que a galiñola pinta, da que se diferencia por carecer do barrado escuro dos flancos e as pintas das partes inferiores. A galiñola pequena ten o bico curto e recto, de cor amarelo e cunha mancha vermella na base. A diferenza doutras especies do seu xénero, a galiñola pequena presenta un notable dimorfismo sexual. O macho ten as partes superiores veteadas en distintos tons de pardos, con algunhas vetas brancas, e coas partes inferiores e a face de cor gris azulada. Parécense aos machos de galiñola anana (P. pusilla), que son algo menores e teñen os flancos barrados e ademais as súas plumas primarias son máis longas e sobresaen máis do seu corpo que na galiñola anana. Ao contrario, a femia ten as partes inferiores beixes e só teñen cor cincenta na face.[4] As femias parécense máis ás P. flaviventer dos trópicos americanos. Os inmaturos de galiñola pequena parécense ás femias mais teñen a face e o peito brancos. Os polos están cubertos por penuxe negra, como é típico nos rálidos.

Taxonomía e etimoloxía[editar | editar a fonte]

A galiñola pequena ou poliña bastarda clasifícase no xénero Porzana, que pertence á familia Rallidae, unha familia de aves acuáticas e semiacuáticas de tamaño medio, aínda que pequenas en comparación co resto de Gruiformes. Os rálidos adoitan ter a cola curta, patas fortes con dedas longas, plumaxes discretas e o pescozo moito menos longo que o das grúas. Os membros de Porzana caracterízanse por non presentar conspicuos escudos frontais como o resto dos rálidos e ser máis pequenos.

Foi descrita cientificamente polo naturalista tirolés Giovanni Antonio Scopoli en 1769,[7] co nome científico, Rallus parvus.[8] Posteriormente foi trasladada ao xénero Porzana, creado polo zoólogo francés Louis Jean Pierre Vieillot en 1816.[7] Non se recoñecen subespecies de Porzana parva:[9]

Porzana é a latinización do termo veneciano sporzana usado para nomear este tipo de aves, mentres que parva en latín significa 'pequena'.[10] É algo máis grande que a galiñola anana, e o adxectivo "bastarda" débese a que ten características intermedias entre as da galiñola anana (Porzana pusilla) e as da galiñola pinta (Porzana porzana).

Distribución[editar | editar a fonte]

É unha ave migratoria que cría nas zonas húmidas con estensas xunqueiras e vexetación de ribeira alta de Europa (especialmente no leste) e no oeste de Asia, e desprázase a África e o sueste de Asia para pasar o inverno. Os seus cuarteis invernais africanos son principalmente os lagos espallados polo Sahel e a cunca do Nilo. Na península Ibérica é rara e obsérvase especialmente durante os seus pasos migratorios. En Galicia é unha ave de paso moi escasa.[2]

Comportamento[editar | editar a fonte]

Ovo de Porzana parva no MHNT

Buscan alimento sondando co bico na lama ou en augas pouco profundas e tamén peteirando o que ven entre a vexetación. Comen principalmente insectos e pequenos animais acuáticos. Son aves moi esquivas durante a época de cría e é máis probable poder oílas que observalas, e son máis fáciles de ver durante a migración, xa que entón son máis ruidosas e emiten chamadas de tipo kua. Aniña en sitios secos entre os xuncos e adoita poñer entre 4 e 7 ovos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. BirdLife International (2012). "Zapornia parva". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2014.3 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 17 de maio de 2015. 
  2. 2,0 2,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  3. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  4. 4,0 4,1 Mullarney,K.; Svensson, L.; Zetterström, D; y Grant, P.J. (2003). Guía de Campo de las Aves de España y de Europa. Editorial Omega. ISBN 84-282-1218-X. 
  5. Clements, J. F., T. S. Schulenberg, M. J. Iliff, B.L. Sullivan, and C. L. Wood. 2010. The Clements checklist of birds of the world: Version 6.5. Cornell University Press. Downloadable from Cornell Lab of Ornithology
  6. Barry Taylor (2010), Rails: A Guide to Rails, Crakes, Gallinules and Coots of the World. Bloomsbury Publishing, p. 374 ISBN 1408135388
  7. 7,0 7,1 Zoonomen. "Taxonomía de Gruiformes." (en inglés). Consultado o 6 de maio de 2015. 
  8. Ioannis Antonii Scopoli. Annus I-IV Historico naturalis p. 108.
  9. Frank Gill e David Donsker. Rails, gallinules & cranes. IOC World Bird List versión 5.1.
  10. James A. Jobling. Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Bloomsbury Publishing p. 293 y 315 ISBN 1408125013

Véxase tamén[editar | editar a fonte]