Saltar ao contido

Poliña pinta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Porzana porzana»)
Poliña pinta
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Gruiformes
Familia: Rallidae
Xénero: Porzana
Especie: P. porzana
Nome binomial
Porzana porzana
Linnaeus, 1766
Distribución de Porzana porzana      Área de cría.     Área de migración.     Área de invernada.
Distribución de Porzana porzana      Área de cría.     Área de migración.     Área de invernada.

Distribución de Porzana porzana      Área de cría.     Área de migración.     Área de invernada.

A poliña pinta[1][2] (Porzana porzana) é unha especie de ave gruiforme da familia dos rálidos propia de Eurasia e África.

Descrición

[editar | editar a fonte]
Exemplar inmaturo.

Mide entre 19 e 22,5 cm de longo e ten 35 cm de envergadura alar,[3] case do tamaño dun rascón, do que se diferencia doadamente polo seu bico curto amarelado con vermello na base, moi distinto do pico longo e totalmente vermello do rascón. Como indica o seu nome común caracterízase polas pintas brancas da maior parte do seu corpo. Os adultos teñen as partes superiores de tons pardos e a face e peito grises azulados con barrado e negro e pintas brancas nos flancos. A súa parte ventral é beixe e a súa cola curta. Teñen patas amarelo verdosas con longas dedas. Os inmaturos son similares mais os tons grises azulados substitúense por pardos. Os polos están cubertos de penuxe negra, como nos demais rálidos.

Taxonomía e etimoloxía

[editar | editar a fonte]

É a especie tipo do xénero Porzana, que pertence á familia Rallidae, unha familia de aves acuáticas e semiacuáticas de tamaño medio, aínda que pequenas en comparación co resto de Gruiformes. Os rálidos adoitan ter a cola curta, robustas patas con dedas longas, plumaxes discretas e o pescozo máis curto que o das grúas. Os membros de Porzana caracterízanse por carecer dos conspicuos escudos frontais do resto dos rálidos e ser en xeral máis pequenos.

Foi descrita cientificamente por Carl von Linné en 1766 na duodécima edición da súa obra Systema naturae,[4] co nome científico de Rallus porzana.[5] En 1816 foi trasladada ao xénero Porzana, creado polo zoólogo francés Louis Jean Pierre Vieillot.[4] Porzana é a latinización do termo véneto sporzana usado para nomear este tipo de aves.[6] Non se recoñecen subespecies de Porzana porzana:[7]

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]
Adoita vivir en augas pouco profundas entre a vexetación palustre.

É unha ave migratoria que cría nas zonas húmidas con vexetación palustre alta das rexións temperadas de Europa e do oeste de Asia, chegando ata o oeste de Mongolia e as proximidades do lago Baikal, no sur de Siberia. Ao terminar a época de cría migra ao subcontinente indio e a África oriental e austral para pasar o inverno. En Galicia é unha ave de paso escasa.[8]

Comportamento

[editar | editar a fonte]

É unha ave solitaria e tímida, que se camufla entre a vexetación con grande éxito. Por iso, só é fácil vela durante a migración de outono, porque o descenso do nivel da auga permite descubrir as zonas de lama en que habitan. Aliméntase de pequenos insectos e outros invertebrados acuáticos.

Ovos de Porzana porzana no MHNT

Posúe unha voz rítmica e repetitiva, similar á dun látego estalando no aire. Nidifica de maio a xullo nun niño de ramiñas e follas en forma de cunca pouco fonda, situado sobre a vexetación a rentes da auga en pantanos pouco profundos. Realiza unha única posta de 8 a 12 ovos.

  1. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  2. "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-07. 
  3. Hume, Rob (2002). Ediciones Omega, ed. Guía de campo de las aves de España y Europa. ISBN 84-282-1317-8. 
  4. 4,0 4,1 Zoonomen. "Taxonomía de Gruiformes." (en inglés). Consultado o 6 de maio de 2015. 
  5. Caroli Linnæi. Systema naturæ per regna tria naturæ, secundum classses, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis Editio duodecima reformata 1766, Holmiæ, Impensis direct. Laurentii Salvii (Salvius publ.) p. 262.
  6. James A. Jobling. Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Bloomsbury Publishing p. 315 ISBN 1408125013
  7. Frank Gill e David Donsker. Rails, gallinules & cranes Arquivado 06 de maio de 2014 en Wayback Machine.. IOC World Bird List versión 5.1.
  8. Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]