Galeusca - Pobos de Europa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Galeusca - Pobos de Europa foi unha coalición electoral formada polo Bloque Nacionalista Galego (BNG), o Partido Nacionalista Vasco (PNV), Convergència i Unió (CiU), o Bloc Nacionalista Valencià (BLOC) e o PSM-Entesa Nacionalista (PSM-EN), para presentarse ás eleccións europeas de 2004. O seu nome vén de mesturar os nomes dos 3 territorios de onde proceden os tres primeiros partidos (Galicia, Euskadi e Cataluña). Aínda que non formaba parte da coalición, o Partido Nacionalista Canario pediu o seu voto.

Formación[editar | editar a fonte]

A coalición ten as súas raíces na declaración de Barcelona asinada o 18 de xullo de 1998 entre o Partido Nacionalista Vasco, o Bloque Nacionalista Galego e Convergència i Unió, na que se trataba de recuperar o espírito dos antigos pactos de Galeuzca contra a que consideraban unha política antiautonomista do presidente do goberno español José María Aznar.

Os catro primeiros postos da lista foron ocupados por Ignasi Guardans (Convergència Democràtica de Catalunya, por CiU), Josu Ortuondo Larrea (PNV), Camilo Nogueira (BNG) e Daniel Ortiz (Unión Democrática de Catalunya, por CiU).[1][2]

A coalición obtivo un total de 798.816 votos (5,15%), sendo a terceira forza política e obtendo dous eurodeputados dos 54 en xogo. A coalición obtivo os seus mellores resultados nas Illas Baleares (9.394 votos, 3,6%), Cataluña (369.103 votos, 17,44%), País Valenciano (19.627 votos, 1,12%), Galicia (141.756 votos, 12,32%), Navarra (4,188 votos), 2,1%) e o País Vasco (249.143 votos, 35,28%, a lista máis votada), sen superar o 0,2% en ningunha outra comunidade autónoma.[3] Nun principio, adxudicáronlle un terceiro eurodeputado (Camilo Nogueira). Porén, logo dun recurso do Partido Popular, a Xunta Electoral Central recoñeceu como válidos algúns votos que inicialmente non foron considerados, polo que, por unha marxe de 167 votos, concedeu o escano ao PP (o número 24). O Tribunal Constitucional confirmou a decisión da Xunta Electoral Central.[4]

Os dous eurodeputados electos uníronse ao grupo da Alianza dos Liberais e Demócratas por Europa.

Resultados das eleccións europeas de 2004 en España[editar | editar a fonte]

Partido (Espala) Núm. votos Deputados
PSOE 6.741.112(43,46%) 25
PP 6.393.192 (41,21%) 24
GALEUSCA 798.816 (5,15%) 2
IU-ICV 643.136 (4,15%) 2
Europa dos Pobos 380.709 (2,45%) 1

Notas[editar | editar a fonte]