Ficobilisoma

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Proteína ficobilisoma
Phycobilisome structure.jpg
Disposición das subunidades proteicas nun ficobilisoma.
Identificadores
Símbolo Ficobilisoma
Pfam PF00502
InterPro IPR001659
SCOP 1cpc
SUPERFAMILY 1cpc

Os ficobilisomas son complexos proteicos con pigmentos captadores de luz que funcionan como antenas do fotosistema II na fotosíntese das cianobacterias, algas vermellas e glaucófitas.

Estrutura xeral[editar | editar a fonte]

Os ficobilisomas son complexos proteicos (de ata 600 polipéptidos) ancorados ás membranas dos tilacoides. Están feitos de moreas de proteínas ligadas a un cromóforo, chamadas ficobiliproteínas, e os seus polipéptidos asociados de enlace. Cada ficoobilisoma consta dun núcleo central feito de aloficocianina, da cal hai varias barras orientadas cara afora feitas de discos amoreados de ficocianina e (se é o caso) de ficoeritrina(s) ou ficoeritrocianina. As propiedades espectrais das ficobiliproteínas están ditadas principalmente polos seus grupos prostéticos, que son tetrapirroiss liñais chamados ficobilinas entre as que están a ficocianobilina, ficoeritrobilina, ficourobilina e ficobiliviolina. As propiedades espectrais dunha ficobilina dada están tamén influenciadas polo seu ambiente proteico.

Función[editar | editar a fonte]

Cada ficobiliproteína ten un máximo de absorción específico e de emisión de fluorescencia no rango visible da luz. Por tanto, a súa presenza e o arranxo particular de cada ficobilisoma permite a absorción e transferencia unidireccional de enerxía luminosa á clorofila a do fotosistema II. Deste modo, as células toman vantaxe de poder utilizar as lonxitudes de onda de luz das que poden dispoñer (no rango de 500-650 nm), as cales son inaccesibles ás clorofilas, e utilizar as súas enerxías para a fotosíntese. Isto é especialmente avantaxoso nas zonas profundas da columna de auga, onde a luz con lonxitudes de ondas máis longas penetra menos e, por tanto, está menos dispoñible de forma directa para a clorofila.

A disposición xeométrica dun ficobilisoma é moi elegante e ten como resultado un 95% de eficiencia na transferencia de enerxía.[1]

Evolución e diversidade[editar | editar a fonte]

Hai moitas variacións na estrutura xeral dos ficobilisomas. A súa forma pode ser hemidiscoidal (en cianobacterias) ou hemielipsoidal (en algas vermellas).

As ficobiliproteínas mostran pouca evolución nas secuencias debido á súa función tan restrinxida (absorción e transferencia de lonxitudes de onda de luz específicas). Nalgunhas especies de cianobacterias, cando están presentes tanto a ficocianina coma a ficoeritrina, o ficobilisoma pode sufrir unha reestruturación significativa como resposta á cor da luz. Con luz verde as porcións distais das barras están constituídas por ficoeritrina vermella, a cal absorbe a luz verde mellor. Con luz vermella, isto é substituído pola ficocianina azul, que absorbe mellor a luz vermella. Este proceso irreversible coñécese como adaptación cromática complementaria. É o compoñente do sistema fotosintético das cianobacterias, funcionando como unha partícula coa cal están ligadas varias estruturas, como o tilacoide, membranas, etc.

Aplicacións[editar | editar a fonte]

Os ficobilisomas poden utilizarse en técnicas de fluorescencia,[2] aplicacións de microplacas,[3] citometría de fluxo,[4] a técnica do Western blot e micromatrices proteínicas. Algúns ficobilisomas teñen un perfil de absorción e emisión similar a Cy5, e poden utilizarse en moitas das mesmas aplicacións, pero poden ser ata 200 veces máis brillantes, cun grande desprazamento de Stokes, que proporciona un sinal máis intenso por cada evento de unión. Esta propiedade permite a detección de moléculas diana de baixo nivel ou eventos raros.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Light Harvesting by Phycobilisomes Annual Review of Biophysics and Biophysical Chemistry Vol. 14: 47-77 (Publicación do volume data xuño 1985)
  2. PBXL Fluorescent Dyes for Ultrasensitive Direct Detection Zoha - J. Fluorescence, 1999
  3. MicroPlate Detection comparison between SureLight®P-3L, other fluorophores and enzymatic detection - Columbia Biosciences, 2010
  4. Cyanobacterial stabilized phycobilisomes as fluorochromes for extracellular antigen detection by flow cytometry Telford - J. Immun. Methods, 2001

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]