Felipe de Castro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Felipe de Castro
NacementoCara a 1711
Lugar de nacementoNoia A Coruña
Galicia Galicia
Falecemento25 de agosto de 1775 [1]
Lugar de falecementoMadrid
Nacionalidadeespañola
OcupaciónEscultura
Coñecido porEstatua de Ataúlfo
editar datos en Wikidata ]

Felipe de Castro, nado en Noia contra 1711 e finado en Madrid en 25 de agosto de 1775 [1], foi un escultor galego, introdutor das fórmulas sobrias do neoclasicismo e primeiro escultor do rei Fernando VI.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nado preto de Noia, segundo Juan Agustín Ceán Bermúdez foi en 1711 e segundo Felipe García Samaniego foi o 2 de xullo de 1704 [1] iniciou os seus estudos primeiro en Noia e logo en Santiago de Compostela con mestres de escasos coñecementos segundo os describe Ceán.[2] En 1724, atopábase en Lisboa (Portugal), de onde pasou a Sevilla (1726), residencia nese momento da Corte, entrando a traballar no taller de Pedro Duque e Cornejo. En Sevilla executou baixo a dirección de Cornejo as estatuas de San Leandro e San Isidoro para o retablo da Virxe das Augas na igrexa de San Salvador.

En 1733, costeou a súa viaxe a Roma, animado por outros artistas, onde nun principo pasou algunha situación de privación que cambiaría logo de recibir axuda de dúas persoas de orixe española.[1] Alí colaborou con Giuseppe Rusconi e Fillippo della Val e coñeceu a Anton Raphael Mengs. En 1739 obtivo o primeiro premio de escultura da Academia de San Lucas, ingresando nela como membro á vez que na dos Arcades de Roma. Da súa obra romana Ceán destaca uns anxos mancebos para a igrexa de San Apolinar, «moi celebrados polos profesores». Ao acceder Fernando VI ao trono chamouno a España, onde se atopaba xa en 1747 co título de escultor persoal do rei e director extraordinario de escultura da recentemente creada Real Academia de Belas Artes de San Fernando, en cuxa posta en funcionamento xogou un papel principal.

Xunto con Juan Domingo Olivieri encargouse a partir de 1749 da decoración escultórica do Palacio Novo, conforme ao programa proporcionado polo pai frei Martín Sarmiento.

Para a serie de noventa e catro reis de España, empezando por Ataúlfo, destinada a coroar a balaustrada, Olivieri e Castro servíronse dun elevado número de escultores que traballaron baixo a súa dirección, entre eles Juan Pascual de Mena, Alejandro Carnicero, Luís Salvador Carmona, Roberto Michel e Juan Porcel. Para abaratar custos empregouse pedra calcaria de Colmenar en lugar de mármore e as estatuas fixéronse en dúas pezas. Na fachada principal e sobre o balcón situáronse as estatuas de Filipe V e a súa esposa, María Luísa de Savoia, que empezaron a construción do palacio, e Fernando VI con Bárbara de Bragança, que o terminaron, cuxa execución reservaronse Olivieri e Castro, correspondendo a Castro as efixies dos monarcas reinantes. En 1760 Carlos III, dado o cambio nos gustos, ordenou desmontar as estatuas, que foron almacenadas ata que a partir de 1787 comezaron a distribuírse por distintos xardíns e parques españois.[3]

Filipe II, escultura en pedra de Colmenar da serie de reis para o Palacio Real de Madrid.

Para a fronte da tripla portada do mediodía proxectáronse catro estatuas colosais de emperadores romanos de cuxa execución encargaronse persoalmente Olivieri e Castro: Arcadio, Traxano, realizadas por Castro, e Teodosio e Honorio, labradas por Olivieri. A comparación entre elas permite apreciar a novidade que supuña a obra de Castro, coa súa elegancia académica superadora das fórmulas barrocas.[4]

Á marxe de labores menores executadas tamén para o Palacio Real, entre elas un dos leóns da escaleira principal, catro medallóns dos Traballos de Hércules e algúns anxos nenos para a capela, a súa principal ocupación como escultor do rei ía ser a de facer os seus retratos e os da súa esposa, Bárbara de Bragança, a quen xa en 1747 tivo ocasión de retratar en «directo». Terminados «moi a satisfacción das súas Maxestades», dos modelos obtivéronse baleirados en xeso, conservados na Real Academia de Belas Artes de San Fernando. Dous bustos en mármore, falecidos xa os monarcas, realizounos o propio Castro con algunhas variantes sobre aqueles modelos para o convento das Salesas Reais, onde están enterrados. O retrato de Benito Jerónimo Feijoo, conservado tamén na Academia, é outra mostra da capacidade do artista neste xénero que el ía revitalizar.

Ademais da súa dedicación á escultura, aínda que de curta produción, Castro dedicou tempo ao ensino, sendo nesta orde prototipo do artista culto: en 1752, ano da súa fundación oficial, foi nomeado director de escultura da Academia, da que en 1763 foi nomeado director xeral. Para axudarse nestas tarefas, di Ceán, traduciu do toscano e publicou en 1753 a Lección de Benedito Carchi. Un dos seus discípulos foi o gravador de talla doce, moedas, medallas e letras de imprenta Jerónimo Antonio Gil.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Silverio Cañada, ed. (1974). "Castro, Felipe de". Gran Enciclopedia Galega. pp. 247–248. ISBN 978-84-87804-03-8. 
  2. Ceán, tomo I, páx. 295.
  3. Martín González, páx. 400.
  4. Martín González, páx. 405.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]