Fedor von Bock

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Fedor von Bock, nado en Küstrin (hoxe Polonia), o 3 de decembro de 1880 e finado o 4 de maio de 1945, foi un xeneral alemán que se destacou polos seus trunfos nos primeiros anos da Segunda Guerra Mundial na conquista de Polonia, na batalla de Francia e na invasión da Unión Soviética ata que fracasou na toma de Moscova no inverno de 1941.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Formouse en Wiebesbaden e Berlín. Durante a Primeira Guerra Mundial foi un capitán varias veces condecorado rematando co rango de Maior. O 1 de marzo de 1935 foi ascendido a xeneral de infantería. En 1938 comandou a entrada en Viena e a anexión de Checoslovaquia.

Na invasión de Polonia, comandou con éxito o grupo de exércitos norte. Na fronte occidental comandou o grupo de exércitos B que invadiu os Países Baixos e atraeu cara a si ao groso do exército aliado que permitiu a Gerd von Rundstedt dar o golpe da fouce dende as Ardenas e acadar o embolsamento dos anglo franceses e o colapso da defensa de Francia. Isto valeulle o rango de Mariscal.

Na invasión da Unión Soviética (operación Barbarroxa) comandou o grupo de Exércitos Centro. Este grupo debería tomar Moscova tras seren destruídos os exércitos rusos. Malia encontrar algunha resistencia encarnizada como a de Brest-Litovsk, o rápido avance dos seus xenerais Hermann Hoth e Heinz Guderian, fíxolle concibir un fulgurante ataque a Moscova dende Vitebsk. Hitler, porén, ordenoulle ir destruíndo previamente aos exércitos rusos sobrepasados, rodeados e embolsados, en combinación co grupo de exércitos norte nos países bálticos e co grupo de exércitos sur en Ucraína. Bock, contrariado, acatou a orde e demorouse en aniquilar aos exércitos soviéticos embolsados en accións como a de Byalistok e Minsk. Tras isto, foi obrigado a unha viraxe cara o sur co fin de esmagar aos exércitos soviéticos en Ucraína embolsándoos en Uman e no gran cerco entre os ríos Dnieper e Desna. Isto permite controlar a conca industrial do Donez e a caída de Kiev.

Por fin, xa en outubro, Hitler autoriza a operación Typhoon ou toma de Moscova. Von Bock desata o avance definitivo e embolsa e destrúe as últimas unidades soviéticas en Viazma e Briansk facendo 650.000 prisioneiros e disponse ao asalto final. O goberno soviético foxe de Moscova, aínda que Stalin fica na cidade e ordena o estado de sitio co fin de controlar o pánico da poboación.

Un prematuro inverno, que colle ás súas tropas sen equipos adecuados e a chegada de divisións soviéticas dende Siberia e Mongolia, asegurada a non belixerancia de Xapón contra Rusia, detiveron ao exército alemán ás portas de Moscova cando xa acadaran o río do mesmo nome e algunhas unidades avanzaban polos suburbios da capital.

Aproveitando a extenuación e a falta de recursos e fornecemento necesarios para un cru inverno, o xeneral Gueorgui Zhukov lanzou unha contundente contraofensiva. Malia as ordes de Hitler, von Bock organiza unha retirada ordenada ata a liña Orel-Rhesv. O 13 de decembro os exércitos de von Bock recuaban 80 quilómetros dende a capital. Co gallo de serios problemas de saúde foi removido do seu posto.