Saltar ao contido

Evasión da lancha El As

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A evasión da lancha El As foi a fuxida de mariñeiros republicanos galegos de Carnota e Dumbría logo de secuestrar a lancha El As, desde as illas Lobeiras rumbo a Inglaterra en outubro de 1937.

O monte Pindo foi un dos refuxios principais dos veciños da bisbarra do sur da Costa da Morte durante a guerra civil española, tanto de persoas contrarias ao alzamento fascista coma de persoas que, chamadas a filas polo franquismo, decidiran desertar. As numerosas covas e grutas do monte Pindo serviron para improvisar refuxio e mesmo salas de reunións nas que os fuxidos organizaban a defensa e o aprovisionamento.

Nos primeiros meses da contenda a presión sobre os fuxidos foi suave, e acompañábase habitualmente de falsas promesas de amnistía a quen se entregara por vontade propia. Porén, cara ao final do conflito bélico a certa tranquilidade da que gozaban os refuxiados no monte Pindo transformouse nunha brutal presión e vixilancia, ata convertelo nun auténtico sitio, tanto mediante patrullas que periodicamente controlaban os camiños e accesos, dificultando a entrega de armas e víveres aos sitiados, coma a través de interrogatorios a familiares e amizades, que chegaron a ser vítimas de torturas e ameazas de todo tipo polos falanxistas e autoridades para revelaren o paradoiro dos fuxidos.

El As era un buque industrial de 17 metros de eslora, 3,72 de manga e 1,60 de puntal, construído no Freixo de Sabardes (Oures) en 1934. Pertencente á familia Sel, propietaria dun importante negocio de pesca e salgadura na Costa da Morte e Ría de Muros. O barco empregábase fundamentalmente para mercarlles sardiña ás lanchas xeiteiras en mar aberto para logo trasladalas á fábrica de salgadura que a familia posuía en Muros, instalacións que seguen en pé, ocupadas por unha escola náutica ao pé da praia do Castelo. O nome do barco coincidía coas iniciais do propietario, Antonio Sel.

Despois de varias semanas preparando o asalto, ao solpor do sábado 16 de outubro de 1937 un grupo de trece homes descendeu do Monte Pindo cara ao portiño do Sinal, no Pindo, preto de onde estaba fondeado El As. Alí agardaba o Carmen, unha lancha xeiteira que fora deixada deliberadamente para tal efecto polo seu patrón, alcumado O Curriolo, que ese día solicitara unha consulta médica en Santiago de Compostela, a onde se desprazou coa súa muller para afastaren sospeitas de colaboración co secuestro. Tamén os familiares deixaran agochados víveres entre as táboas dun barco abandonado das proximidades.

Usando o Carmen dirixíronse á illa Lobeira Grande, preto de onde estaban fondeados El As e outro barco pertencente ao almacén Vilas, de Ribeira. Escolleron o primeiro, que abordaron a punta de pistola capturando os tripulantes: o patrón Manuel Louro Lago, o maquinista Antonio Eliseo Riomayor Fernández e os mariñeiros Manuel Fernández Lestón e José Rodríguez Louro. Logo de aprovisionarse do combustíbel do outro barco, dirixíronse ao porto de Corcubión onde incautaron combustíbel, auga e víveres doutras embarcacións. Volveron ao punto de partida, inutilizaron o segundo barco e a xeiteira, e puxeron rumbo a Fisterra onde no porto, novamente, repetiron a incautación de provisións.

Saíron do peirao de Fisterra e puxeron rumbo norte, torcendo o cabo Fisterra e malia a intensa borraxeira que dificultaba a navegación, tamén impediu que fosen localizados polo hidroavión que enviaran na súa busca. Despois de dous días sucando o Atlántico e soportando un duro temporal, foron avistados polo vapor inglés SS Etrib, que lles ofreceu remolque ata Bristol. Os trece mozos fuxidos eran :

Repercusións

[editar | editar a fonte]

A travesía do barco El As provocou unha importante expectación na opinión pública inglesa. Ao chegar a porto, o primeiro que fixeron os fuxidos foi entoar "A Internacional" co puño en alto, como reflicten as noticias aparecidas na prensa da época. Porén, non recibiron a hospitalidade agardada, e as autoridades británicas negáronlles o asilo invocando o principio de non inxerencia. A opción foi seren repatriados á zona de España que permanecía fiel á República ou a Galiza, en mans dos insurrectos. Os trece elixiron a primeira opción, e foron enviados a Cataluña a través de Francia, incorporándose alí ao exército republicano no que loitaron ata o final da guerra, polo que ao pouco separáronse seguindo cada un deles distintos derroteiros.

Parte dos participantes no secuestro de El As foron finalmente capturados e procesados mediante unha dilixencia da causa 747/1937, aberta na súa contra polo xuíz instrutor do Departamento Marítimo de Ferrol o 20 de novembro de 1937, ditando auto de procesamento, polos delitos de piratería, roubo e rebelión, sentenciando en 1941 varios deles a penas de prisión.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]