Hermenexildo Gotérrez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaHermenexildo Gotérrez

Estatua de Hermenexildo Gotérrez en Tui Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacementoc. 850 Editar o valor em Wikidata
Mortec. 920 Editar o valor em Wikidata (69/70 anos)
Conde de Portucale
895 – 920 – Munio Goterrez →
Duque Reino de Galicia
895 – 920
← Vitiza
Conde de Galicia
895 – 920
← Vitiza
Conde de Coímbra
878 – 920 – Arias Menendiz →
Conde de Tui
873 – 920 Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeReino de Galicia
Reino de Asturias Editar o valor em Wikidata
Outro
TítuloConde
Duque Editar o valor em Wikidata
CónxuxeHermesinda Gatoniz
FillosGutier Menendiz, Ildonza Menendiz, Gudilona Menendiz, Elvira Menendiz, Arias Menendiz, Inderquina Menendiz Editar o valor em Wikidata
PaiGutierre Aloitiz Editar o valor em Wikidata

WikiTree: Gutiérrez-158

Hermenexildo Gotérrez foi un líder da nobreza galega do século IX, fillo de Goterre Aloitez e a súa muller Elvira.

Pertenceu á Curia Rexia de Afonso III e ostentou desde o ano 883 o máis alto cargo na mesma: mordomo real. Contaba con amplas posesións nas actuais Galiza e norte de Portugal. Foi conde de Tui, Porto e conquistador de Coímbra no ano 878.

Biografía[editar | editar a fonte]

O conde Hermenexildo aparece por primeira vez documentado no ano 869 confirmando unha doazón de Afonso III. Na década de 870 figura xa como membro do Consello Real de Afonso III, e desde o ano 873 como conde de Tui e Portucale (Porto). No ano 878 actúa como xuíz ao lado do seu sogro, -o conde Gatón do Bierzo- na resolución de preitos derivados da organización do territorio berciano[1]. A derradeira referencia ao conde prodúcese no ano 912, cando confirma unha doazón á igrexa compostelá do seu xenro o rei Ordoño II.

Conquista de Coímbra[editar | editar a fonte]

No ano 878 conquista e repoboa a cidade de Coímbra[2], desde entón e até a súa recuperación por Almanzor no 997, pasará a ser a máis meridional do reino de Galiza chegando ata o río Mondego, nun momento en que a fronteira cristiá-musulmá, no centro da península, estaba aínda á altura de Burgos e no que Zamora non se pode dar como repoboada ata o ano 893.

Esta marcha cara ao sur da nobreza galega consolidou un espazo social galego-cristián ao sur do río Douro. Este espazo tan avanzado xeograficamente tivo que organizar a súa autodefensa mediante unha crecente autonomía, o condado de Coímbra, que xunto co Portucalense, serían o xermolo do futuro Reino de Portugal.

Dux de Galiza[editar | editar a fonte]

Cara ao ano 887, o Dux galego Witiza iniciou unha revolta contra o rei Afonso III, Hermenexildo aglutinou a nobreza galega leal ao monarca ovetense. Durante os sete anos que durou a rebelión, e que puxo en perigo a coroa do rei Afonso e a unidade do reino, fixo fronte aos ataques de Witiza e contribuíu decisivamente á súa derrota. Impedindo que o rebelde se fixera co espazo galaico. No ano 895, o seu exército capturou a Witiza, que foi levado á presenza do monarca. Como recompensa, o conde Hermenexildo recibiu o territorios do rebelde e o título de Dux[3].

Liñaxe e descendencia[editar | editar a fonte]

Fillo de Goterre Aloitiz (810 - 875) e da súa esposa Dona Elvira[4], Hermenexildo casou cerca do ano 860 con Hermesinda Gatonez, curmá do rei Afonso III e filla do conde Gatón do Bierzo. Deste casamento tivo os seguintes fillos[5]: Guterre Méndez, titular xunto ao seu irmán Arias de seis dos condados galegos; Arias Méndez[6], conde de Coímbra; Elvira Méndez[7], raíña consorte de Ordoño II; Aldonza Méndez[8]; e Henderquina Méndez[9].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Sáez, Emilio (1948). Los ascendientes de San Rosendo. CSIC. p. 15. 
  2. Sáez, Emilio (1948). Los ascendientes de San Rosendo. CSIC. pp. 15–17. 
  3. Sáez, Emilio (1948). Los ascendientes de San Rosendo. CSIC. pp. 18–19. 
  4. Sáez, Emilio (1948). Los ascendientes de San Rosendo. CSIC. p. 6. 
  5. "Liñaxe Guterrez". Xenealoxías do Ortegal. Arquivado dende o orixinal o 14/02/2021. Consultado o 16/10/2018. 
  6. "Liñaxe Arias". Xenealoxías do Ortegal. Arquivado dende o orixinal o 16/09/2021. Consultado o 16/10/2018. 
  7. "Liñaxe Ordoñez". Xenealoxías do Ortegal. Arquivado dende o orixinal o 04/12/2021. Consultado o 16/10/2018. 
  8. "Liñaxe Osorio". Xenealoxías do Ortegal. Arquivado dende o orixinal o 04/12/2021. Consultado o 16/10/2018. 
  9. "Liñaxe Eriz". Xenealoxías do Ortegal. Arquivado dende o orixinal o 04/12/2021. Consultado o 16/10/2018.