Entroido de Samede
Este artigo ou apartado contén afirmacións non neutrais e/ou texto que promociona o tema tratado de forma subxectiva sen achegar información neutral e verificable. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
O Entroido de Samede é unha celebración popular e tradicional do entroido que se desenvolve na aldea de Samede da parroquia de San Xulián de Vigo, no concello coruñés de Paderne, na bisbarra de Betanzos. Esquecido durante décadas, foi recuperado recentemente, converténdose nunha das referencias do entroido tradicional galego na provincia da Coruña.
Historia do Entroido de Samede
[editar | editar a fonte]O Entroido de Samede de finais do século XIX a 1961
[editar | editar a fonte]As referencias máis antigas que se teñen deste entroido veñen de testemuños orais de xente maior da aldea de Samede[1]. Estes veciños declaraban que os seus avós xa o celebraban, o cal situaría a celebración polo menos a finais do século XIX. O veciño identificado máis antigo que se saiba con seguridade que participou no entroido naceu en 1910 e morreu en 1937 na guerra civil.
Por mor da guerra civil, a celebración suspendeuse e retomouse de novo no ano 1944. Os veciños explican que en Samede se puido celebrar o entroido, a pesar de ser unha celebración prohibida durante a ditadura do xeneral Franco, pola tolerancia coa festa do crego que naqueles tempos levaba a parroquia.
Daqueles anos é unha corneta que se mercou para anunciar o entroido que se segue a usar na actualidade coa mesma función.
A celebración acadou moita sona naquela época e era moita xente das aldeas dos arredores e outros concellos da bisbarra a que se achegaba a Samede para ver o seu entroido.
As primeiras fotos que se conservan, a partir das cales se recuperaron os traxes, son de primeiros dos anos 50. A finais dese década, o Entroido de Samede comezou a esmorecer polo éxodo rural cara ás cidades que baleiraba o lugar de xente moza, que era a que se encargaba da celebración. Os veciños eran conscientes da situación e houbo unha proposta de ir á Coruña para que alguén os gravase e quedase constancia da celebración, pero ao final non se chegou a facer.
No ano 1961, a chegada dun novo párroco moito menos tolerante có anterior coa festa do entroido, provocou que se celebrase por última vez so ameaza de excomuñón.
Recuperación do entroido no ano 2015
[editar | editar a fonte]No ano 2014 o fillo dunha veciña do lugar, Emilia Cagiao Sánchez, “Miluca de Moreira”, tiña que facer un traballo escolar sobre celebracións tradicionais na súa aldea. Coa idea de axudar o seu fillo, Emi foi falar cuns veciños maiores da aldea. Nesa conversa saíu o tema do entroido que se celebraba alí de vello. A conversa continuou por aí e ao marcharen o veciño dixo:
"Que pena que non haxa quen escriba sobre isto! Imos morrer os que aínda recordamos e vivimos aquela festa e xa se olvidará para sempre, pois ninguén se acordará para contala".[2]
Impresionada por estas palabras e polo entusiasmo co que os anciáns falaron do entroido, Emi continuou a pescuda e entrevistou máis veciños.
En febreiro do 2015, Emi e un grupo de veciños da aldea vestíronse ao xeito das fotos antigas do Entroido de Samede para dar unha sorpresa aos veciños maiores nas datas do entroido. Ese mesmo ano, Emi contactou coa A.C. Son d’aquí para tentar recuperar a Muiñeira Cruzada, un baile que se bailaba no entroido[3].
En febreiro do 2016 volveu celebrarse o Entroido de Samede con veciños vestidos de entroido cantando polas casas da aldea. Ao longo dese ano, a A.C. Son d’aquí seguiu traballando na recuperación da Muiñeira Cruzada, o cal estaba a ser bastante complicado pola falta de informantes, mais finalmente apareceu un veciño que fora guía do baile e recordaba a coreografía.
O 4 de marzo de 2017, 56 anos despois da última vez, volveu bailarse a Muiñeira Cruzada no Entroido de Samede. Así mesmo, recuperouse a representación do “Enterro do Policarpio”.
En febreiro do 2018 recuperouse a figura do “vixigueiro ou contrario” na celebración do entroido. Ese ano o Entroido de Samede, e o seu traballo de recuperación, déronse a coñecer en diversos encontros de entroidos tradicionais como o “VI Encuentro Astur-luso de Mascaradas” en Valdesoto (Asturias),[4] o “XIII Festival Internacional da Máscara Ibérica” en Belém,[5] Lisboa (Portugal), o “III Encontro de Entroidos en Cobres” en Cobres[6] (Pontevedra) ou o “II Encuentro Internacional de Mascarada Ibérica” en San Martín de Castañeda[7] (Zamora).
No ano 2019 constituíuse a ACDR “Entroido de Samede” e o entroido exhibiuse en varios encontros, destacando a súa presentación internacional en Bulgaria. Así mesmo, a A.C. Son d’aquí, levou a Muiñeira Cruzada do entroido no Festival Interfolk de Plozévet (Francia).
O Entroido de Samede continúa a celebrarse, collendo cada vez máis sona e sendo un referente dos entroidos do norte de Galicia.
A celebración do entroido na aldea de Samede
[editar | editar a fonte]Un mes antes das datas do entroido, os veciños mozos da aldea de Samede xuntábanse e pola noite ían roubar unha árbore alta, normalmente un piñeiro ou un eucalipto, ás aldeas dos arredores. O tronco chantábase nun cruzamento de camiños e nel colgábase un meco ao que chamaban Policarpio ou Policarpo. A venda deste tronco, cando remataba o entroido, axudaba a pagar os gastos da festa. Hoxe en día o tronco é cedido por un veciño e plántase á luz do día.
A festa en si duraba catro días, do domingo ao Mércores de Cinsa e cada día levábase a cabo un acto distinto.
O domingo á tarde xuntábanse os veciños, aparecían os vixigueiros, e ían todos polas casas da aldea acompañados de músicos. Os vixigueiros contaban chistes e gastaban bromas. Nas casas, convidábanos a algo e logo seguían a ruta cara á casa seguinte. Ao anoitecer, despois de cear, xuntábanse nun pendello dalgunha casa da aldea e bailaban e facían festa pola noite.
O luns era o día das máscaras. Pola tarde xuntábanse doce ou catorce parellas de mozos e mozas vestidos de máscaras e podía, ou non, unirse xente vestida de carolos. Saían da capela de San Mamede cos músicos, precedidos por unha persoa levando a bandeira de España e outra levando o ramo ou estandarte. Deste colgaban cousas como rosquillas ou unha botella de coñac.
Ao chegaren a unha casa, as máscaras bailaban na aira o chamado “Punto das Airas”, que é a primeira parte das catro das que consta a Muiñeira Cruzada. Na casa convidábaselles a tomar algo, e logo seguían ata a seguinte casa. Deste xeito, percorrían todas as casas da aldea ata que, ao chegar á última casa, bailaban a Muiñeira Cruzada enteira. Este baile podía durar ata dúas horas. Despois, as parellas ían cear, os mozos ás casas das mozas. Rematada a cea, deixaban nesa casa a parte da roupa máis incómoda de levar e volvían xuntarse todos para facer festa nalgunha palleira da aldea.
Ás veces, ese día había competencia entre as máscaras pequenas e as máscaras, a ver quen atraía máis xente.
O martes de entroido pola tarde volvían xuntarse os veciños onda a capela, algúns deles disfrazados e outros de vixigueiros, e saían de alí volvendo percorrer a aldea casa por casa, contando chistes e facendo bromas. Logo de cear, xuntábanse de novo para facer festa.
O mércores de cinsa, tamén pola tarde, descolgábase o meco e representabáse o Enterro do Policarpio, dando por finalizado o entroido. Esta representación tiña moita sona na contorna pola graza e a retranca coas que se facía e atraía un gran número de visitantes dos arredores.
Na celebración recuperada, segue índose polas airas das casas da aldea o domingo previo ao martes de entroido, pero o resto dos actos celébranse todos xuntos o domingo seguinte, domingo de piñata. Outra diferenza do antigo entroido coa nova celebración é que gran parte da xente que participa non é veciña de Samede. O escaso número de veciños e a súa elevada media de idade fai que haxa que recorrer a xente doutros lugares próximos ou mesmo da Coruña, moitos deles a través da A.C. Son d’aquí.
A Muiñeira Cruzada
[editar | editar a fonte]A Muiñeira Cruzada é unha danza única e característica que bailan as máscaras e os carolos do Entroido de Samede[8].
A danza consta de catro partes ben diferenciadas:
- A primeira parte ou “Punto das Airas” principia coas parellas enfrontadas en dúas ringleiras. Os carolos sitúanse no medio das ringleiras. Cunha indicación do guía (o primeiro home na fila, que dirixe o baile) as parellas van achegándose ao ritmo da música acompañando coas castañetas, ata quedar de fronte. Daquela o guía berra: “Punto”, e todas as parellas viran cara a el. A outra indicación do guía, as parellas volven quedar de fronte e recúan ata a posición inicial. Esta parte volve repetirse exactamente igual, só que desta volta as parellas viran cara ao contraguía (o último home na fila). Esta parte era a que se bailaba nas airas das casas da aldea cando as percorrían o luns, de aí o nome.
- Na segunda parte do baile, o guía sae da ringleira e, despois de facer unha reverencia que é respondida, saca a última muller da ringleira das mulleres. Ambos fan un ou varios puntos de muiñeira entre ambas as filas namentres o resto dos bailadores non deixa de moverse e acompañar a música batendo as castañetas. Unha vez rematan, o guía colócase na ringleira das mulleres e a muller na dos homes. De seguido sae o contraguía que saca a primeira muller, facendo o mesmo. Sucesivamente van saíndo todos os homes e “crúzase a muiñeira” ata que as ringleiras quedan exactamente ao contrario de como estaban ao principio.
- Na terceira parte, volve saír o guía e vai por dentro das dúas ringleiras ata que atopa a súa parella, faille unha reverencia respondida pola muller que o segue dando os dous unha volta por dentro das ringleiras ata que o guía atopa ao home que vai despois del. Faille unha reverencia, que é correspondida, e saen os dous ao medio das ringleiras para bailar un punto. Finalmente o guía lévao onde agarda a súa parella e o segundo home sitúase detrás da parella do guía, camiñando todos xuntos detrás do guía ata que o guía saca a parella do segundo home, logo da cal irá o terceiro home. Así vai facéndose sucesivamente ata que se desfan as filas iniciais e quedan todos os bailadores detrás do guía, nunha ringleira que se vai pechando e forma un círculo.
- A cuarta parte comeza cando o guía berra: “Cada un coa súa”, e os homes víranse cara a fóra para bailaren agarrados coas súas parellas. Ao pouco tempo o guía berra: “Volta”, e as parellas viran cara ao interior do círculo cambiando as súas posicións. Uns momentos despois o guía berra: “Outra”, e o home e a muller víranse cambiando de parella. O baile vai desenvolvéndose ata que todos os homes van bailando con todas as mulleres. Finalmente, cando a seguinte muller volve ser a parella inicial, o guía volve berrar: “Cada un coa súa”, xuntándose de novo as parellas e rematando o baile.
A Muiñeira Cruzada é un baile que non require de gran destreza unha vez se ten clara a coreografía. O que se lles pide aos bailadores é entusiasmo e ganas de pasalo ben, e en función diso lóuvanse e dánselles azos aos bailadores. Os puntos que se executan son, con preferencia, recuperados de bailadores da zona e non teñen gran complicación.
O gran número de parellas que participan e a coreografía da danza fan que a Muiñeira Cruzada sexa un baile que dura moito tempo. Dende a recuperación, o ano que máis durou achegouse a unha hora, pero segundo os máis vellos do lugar, antigamente chegaba a durar dúas horas.
Tradicionalmente, unhas semanas antes do entroido, os mozos ían ás casas das mozas coas que querían bailar para pedirlles permiso aos pais. Se llelo daban, as parellas xuntábanse para ensaiar na casa da moza. Así mesmo, o luns de entroido, despois de bailar a Muiñeira Cruzada, o mozo ía cear á casa da moza.
O Enterro do Policarpio
[editar | editar a fonte]O Enterro do Policarpio, é unha representación satírica que pon fin ao Entroido de Samede, representándose a morte do Policarpio, o meco de Samede.
O día que remata o Entroido, báixase o Policarpio do tronco onde leva un mes colgado e represéntase a súa agonía, morte e descenso ao inferno.
A representación comeza co Policarpio na cama e os seus pais á súa beira preocupados pola súa saúde. Debaixo da cama un veciño ponlle voz ao meco e vai desenvolvéndose unha actuación con moita graza e improvisación na que se fai un repaso satírico a todo o acontecido na aldea ao longo do ano.
Durante a obra, van aparecendo diversos personaxes como o médico que diagnostica que vai morrer, o notario que vén facerlle o testamento (no cal o Policarpio reparte con moita retranca entre os veciños leiras que non son súas) e o crego para darlle a extrema unción. Logo aparece a “morte gadaña” que o mata e a súa alma é disputada entre demos que o queren levar ao inferno e anxos que o queren levar ao ceo. Os demos adoitan ser os homes máis fortes da aldea e os anxos nenos e mulleres, polo cal, o Policarpio sempre remata no inferno, onde se queima, dándose por rematado o entroido.
Personaxes do Entroido de Samede
[editar | editar a fonte]As máscaras ou bonitos
[editar | editar a fonte]Son os personaxes que bailan a Muiñeira Cruzada. Todos levan un sombreiro de palla adornado con plumas, fitas, flores... habendo certa competencia en quen fai o sombreiro máis espectacular.
Os homes levan camisa de colo branca, gravata ou lazo, pantalón branco, zapatos e unha faixa que adoita ser vermella. A camisa está tamén adornada con fitas de cores cosidas por toda ela e colgando dos puños. Antigamente o pantalón era o que se usaba no servizo na Mariña, e cando non o podían conseguir, puñan un pantalón escuro.
As mulleres levan camisa branca, enagua, saia, mandil e mantón. A roupa das mulleres adoitaba ser de boa calidade e o mantón, de manila, se non se tiña na casa o home encargábase de atopalo ou alugalo en Betanzos.
Como adorno as mulleres levan fitas colgadas dos puños e moitos colares.
Homes e mulleres levan castañetas, tamén adornadas con fitas de cores, coas que acompañan o baile.
Os carolos
[editar | editar a fonte]Son uns personaxes, homes ou mulleres, totalmente vestidos de branco e coa cara cuberta que tamén bailan a Muiñeira Cruzada. Se levan sombreiro, adoita ir sen plumas ou con algunha pluma branca. Os colares das mulleres son de grao de millo.
Os carolos podían aparecer ou non, e ata que remataba o baile, ninguén sabía quen eran os carolos.
Bailar cun carolo, se aparecían impares, era motivo de burla. Isto, unido á sinxeleza do traxe e á cara tapada, apoia a teoría de que o traxe do carolo foi o traxe primixenio do Entroido de Samede. Logo, coa chegada de mantóns e teas de fóra, máis caras, acabaría sendo o traxe dos pobres que avergoñaba a quen o levaban.
As máscaras pequenas
[editar | editar a fonte]É como se chama aos nenos que se visten de máscaras. O traxe é o mesmo có das máscaras.
Vixigueiros ou contrarios
[editar | editar a fonte]Son personaxes máis festivos que tentan atraer a atención da xente que mira as máscaras. Gastan bromas, métense coa xente, contan chistes e baten con vexigas inchadas a xente que non está disfrazada.
O traxe dos vixigueiros faise coa roupa vella que haxa na casa. Non hai norma que diga como ten que ser. Van provistos de chocas e vexigas inchadas.
Na actualidade, algúns vixigueiros levan máscaras feitas de vimbio que xa forman parte da imaxe do Entroido de Samede.
O Policarpio ou Policarpo
[editar | editar a fonte]É o nome que se lle dá ao meco do Entroido de Samede. Consta dun busto ou máscara, que se volve usar dun ano a outro, unido a un corpo que se queima ao final do entroido. Unha característica do Policarpio era que se lle puña un nabo por baixo dos pantalóns a xeito de falo. Hoxe en día, o falo é de madeira e sobresae explicitamente da entreperna do Policarpio, gardándose dun ano ao outro.
O nome de Policarpio pénsase que procede dun prestamista bastante odiado que viviu en Betanzos a primeiros do século XX. Poñerllo ao meco sería un xeito de burlarse dese prestamista a quen se lle tiña tanta xenreira.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Entroido de Samede - Orixe". Consultado o 10/04/2020.
- ↑ Cagiao Sánchez, Emilia (2019). Historia e recuperación do Entroido de Samede. Ab Origine Edicións. ISBN 978-84-947844-3-9.
- ↑ "O Entroido de Samede e Son d’aquí". Consultado o 10/04/2020.
- ↑ Valdesoto se rinde a les Mazacaraes d'Inviernu
- ↑ O toque de bombos e aixadas envolve Belém
- ↑ Vilaboa acogerá este sábado el III Encontro de Entroidos
- ↑ Mascaradas en el balcón de Sanabria
- ↑ Muiñeira Cruzada do Entroido de Samede.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Entroido de Samede |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cagiao Sánchez, Emilia (2019). Historia e recuperación do Entroido de Samede. EdicionesAbOrigin.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Samede se reivindica como la capital del entroido rural del norte". La Voz de Galicia. 20/02/2018.
- "El Entroido de Samede, la enigmática tradición rescatada de la memoria de As Mariñas". El Ideal Gallego. 14/02/2018.