San Martín de Castañeda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

San Martín de Castañeda (Samartín de Castañeda en leonés) é unha localidade española do concello de Galende, na provincia de Zamora, Castela e León. Pertence ao concello de Galende.

Vista de San Martín de Castañeda

San Martín de Castañeda atópase situado en pleno Parque Natural do Lago de Seabra e arredores, o maior lago de orixe glaciar de España, ademais dun espazo natural protexido de grande atractivo turístico. A súa situación ao carón do lago, influíu para que os monxes do císter construísen aquí o seu Mosteiro de San Martín de Castañeda, do que se conservan restos dos séculos XVI e XVII. O mosteiro acolle na actualidade o centro de interpretación da natureza do parque natural.

Contexto xeográfico[editar | editar a fonte]

vista de San Martín de Castañeda e o lago de Seabra

Atópase xunto á beira norte do Lago de Seabra, a uns 200 m sobre o nivel da auga e dista 18 km da cabeza de partido da bisbarra, Pobra de Seabra.

A forma máis habitual de chegar é dende a estrada Madrid-Vigo A-52 (Saída n.º 79), desvío en Pobra de Seabra e coller dirección Lago de Seabra pola ZA-104 e logo pola ZA-103.

Historia[editar | editar a fonte]

Probablemente a orixe deste lugar sexa coas primeiras construcións anexas e de servidume do Mosteiro de San Martín de Castañeda, feitas no período suevo-visigótico do século VI.

Mosteiro San Martín de Castañeda[editar | editar a fonte]

O Mosteiro foi un dos maiores complexos relixiosos da provincia de Zamora ata o s. XIX. Tras a desamortización de Mendizábal desapareceu parte do seu conxunto histórico, a abadía da fachada sur, existindo actualmente dous espazos de grande interese: por unha banda a igrexa, e por outro a parte que acobilla o Centro de Interpretación do Parque Natural do Lago de Seabra.

De orixe descoñecida, sábese que foi reconstruído no 921 por monxes mozárabes procedentes de Córdoba, conservándose a epígrafe fundacional. Posteriormente, no século XII, sería reformado por iniciativa de Alfonso VII que chegou ata os nosos días, e á que pertence a igrexa, exceptuada a parte destruída no século XIX.

A igrexa é un edificio con grandes piares cadrados estruturada en tres naves. San Martiño de Tours é o patrón e a súa imaxe consérvase no interior deste templo, pero ademais no friso da porta encóntrase esculpida en pedra outra imaxe do santo a cabalo, cortando a capa coa súa espada para darlle a metade a un pobre. Outra imaxe de gran valor é o da Virxe da Peregrina, patroa do pobo e cuxa festa se celebra o primeiro domingo de setembro. Estas imaxes, xunto co retablo renacentista e o cadeirado do coro, forman un conxunto de gran valor.

Festas[editar | editar a fonte]

Na localidade celébrase a Virxe da Peregrina, o 6 de setembro, e San Martiño, o 12 de novembro. En San Martiño celébrase a "Talanqueira ou Visparra" o 5 de xaneiro, unha das máis peculiares, xa que aparecen xuntos touro e vaca.

O Senabrés[editar | editar a fonte]

O dialecto tradicional deste lugar é o chamado "senabrés" ou "pachuecu" que, segundo os expertos, é unha variedade local do leonés ou asturleonés con algúns trazos de transición ao galego. Este dialecto foi perdendo forza en relación ao castelán ao longo das últimas décadas se ben aínda é coñecido e falado por parte dos habitantes de San Martín, especialmente polos de idade máis avanzada. Na obra "Lendas, contos e romances de Sanabria" de Luis Cortés Vázquez pódense encontrar preciosas mostras da lingua tradicional desta localidade.

San Martín e Unamuno[editar | editar a fonte]

San Martín de Castañeda,
espello de soidades,
o Lago recolle idades
de antes do home e quédase
soñando na santa calma
do ceo das alturas,
onde se sume nas fonduras
de asolagarse, ¡pobriño! o alma...

O 1 de xuño de 1930 Miguel de Unamuno visitou o Lago de Seabra, lugar do que quedou namorado e no que se inspira para escribir o libro "San Manuel Bueno, mártir", no que deixou dúas poesías, sendo a primeira delas referida á aldea de San Martín de Castañeda. A segunda, de rima máis artificiosa, refírese á lenda de Valverde de Lucerna, localidade que segundo a lenda do Lago de Seabra se encontra baixo as súas augas.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]