Emberiza leucocephalos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Emberiza leucocephalos
Pine Bunting (Emberiza leucocephalos) - Цагааншанаат хөмрөг (15617685422).jpg
Macho.
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Emberizidae
Xénero: Emberiza
Especie: E. leucocephalos
Nome binomial
Emberiza leucocephalos
Gmelin, SG, 1771

Emberiza leucocephalos é unha especie de ave paseriforme da familia Emberizidae, propia de Asia, aínda que pode ser un visitante accidental en Galicia[2] e outras partes de Europa.

Nome[editar | editar a fonte]

En galego ténselle dado a esta ave na literatura zoolóxica o nome de escribenta de Gmelin,[3][2] pero o dicionario da Academia non acepta a palabra escribenta para os paxaros emberícidos, senón escribente (feminino)[4] ou escribidora[5]. No dicionario DiGalego só se acepta escribente (masculino).[6]

O nome do xénero Emberiza vén da palabra do alemán antigo Embritz, que era o nome que se lle daba alí a estas aves.[7] As manchas brancas no píleo e meixelas do macho fan que se lle dese o nome de leucocephala, 'de cabeza branca'.

Descrición[editar | editar a fonte]

Femia.
Caracterízase pola mancha branca no seu píleo.

É un paxaro robusto, de 16-17,5 cm, cun peteiro groso. O macho ten as meixelas e a parte superior do píleo brancas, a fronte e a gorxa pardas. A parte superior é castaña cun denso veteado escuro, mentres que as inferiores son abrancazadas con veteado castaño no peito. A femia é moito máis discreta e está máis raiada pola súa parte inferior. A plumaxe dos inmaturos é similar á de Emberiza citrinella, mais con todo a cor amarela deste é substituída pola branca. Os cantos e chamadas de ambas as especies son similares. Existen híbridos documentados entre E. leucocephalos e E. citrinella, que mostran unha mestura de caracteres.[8]

Describíronse dúas subespecies:[9]
- E. leucocephalos leucocephalos.
- E. leucocephalos fronto.

Ovos de Emberiza leucocephalos.

Ecoloxía[editar | editar a fonte]

Esta ave cría en gran parte das zonas temperadas de Asia (Afganistán, China, Irak, Casaquistán, Kirguizistán e Mongolia) e migra ao sur de Asia central, norte de India e o sur da China en inverno. É común en todo tipo de espazos abertos con arbustos ou árbores dispersas, incluíndo cultivos, mais ten unha maior preferencia polos bosques abertos, en xeral de piñeiros. É raro atopala en Europa, pero ás veces aparece en inverno no noresde de Italia e na Toscana e noutras zonas, e mesmo está rexistrada como ave accidental en Galicia.[2] Cando alimentan os polos cazan insectos, pero a base da súa alimentación o resto do ano son as sementes. O niño constrúeno no chan onde poñen de catro a seis ovos, que mostran as marcas características do grupo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. BirdLife International (2016). "{{{taxon}}}". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2019.1 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 14 de abril de 2019. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  3. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para escribente.
  5. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para escribidora.
  6. Definición de Emberiza leucocephalos no Dicionario de Galego.
  7. Jobling, James A. (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London, United Kingdom: Christopher Helm. p. 145. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  8. Lansdown, Peter and Trevor D. Charlton (1990) 'The Sizewell Bunting': a hybrid Pine Bunting × Yellowhammer in Suffolk British Birds 83(6):240-242
  9. Lista de Clements descargable

Véxase tamén[editar | editar a fonte]