Elizabeth F. Ellet

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Elizabeth F. Ellet
Elizabeth Ellet cropped.jpg
Nome completoElizabeth Fries Lummis
Nacemento18 de outubro de 1818
 Sodus Point
Falecemento3 de xuño de 1877
 Nova York
Causanefrite
SoterradaGreen-Wood Cemetery
NacionalidadeEstados Unidos de América
Ocupaciónhistoriadora, poeta, ensaísta e escritora
CónxuxeWilliam Henry Ellet
editar datos en Wikidata ]

Elizabeth Fries Lummis Ellet, nada en Sodus Point (Nova York) o 18 de outubro de 1818 e finada en Nova York o 3 de xuño de 1877, foi unha escritora, historiadora e poetisa estadounidense. Foi a primeira escritora en rexistrar as vidas das mulleres que participaron na guerra de Independencia dos Estados Unidos.[1]

Naceu baixo o nome de Elizabeth Fries Lummis e publicou o seu primeiro libro, Poems, Translated and Original (Poemas, traducidos e orixinais), en 1835. Casou co químico William Henry Ellet e mudáronse a Carolina do Sur. Publicou varios libros e múltiples artigos en xornais. En 1845 regresou a Nova York e asentouse na súa escena literaria. Viuse envolta nun escándalo público que involucraba a Edgar Allan Poe e a Frances Sargent Osgood, e posteriormente noutro con Rufus Wilmot Griswold. A súa obra máis importante, The Women of the American Revolution (As mulleres da Revolución americana), publicouse en 1845. O libro, de tres volumes, amosaba as vidas das mulleres patriotas da historia temperá dos Estados Unidos. Continuou escribindo até a súa morte en 1877.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Elizabeth Fries Lummis naceu en Sodus Point, Estado de Nova York, o 18 de outubro de 1818. A súa nai foi Sarah Maxwell (1780-1849), filla do capitán da guerra de Independencia dos Estados Unidos, John Maxwell.[2][3] Durante a guerra, Maxwell foi tenente da primeira compañía do Condado de Sussex, e foi ascendido a capitán e enlistado no Segundo Rexemento da milicia do Condado de Hunterdon.[4] Foi tamén capitán no rexemento do coronel Spencer do exército continental, desde o 7 de febreiro de 1777 ao 11 de abril de 1778. Posteriormente enlistouse no exército do xeneral George Washington como capitán dunha compañía de cen voluntarios coñecidos como «a compañía de Maxwell».[5]

O seu pai foi William Nixon Lummis (1775-1833), un prominente doutor que estudou medicina en Filadelfia baixo a tutela do famoso médico Benjamin Rush.[5] A principios do século XIX, deixou Filadelfia e comprou o estado Pulteney en Sodus Point, condado de Wayne, Nova York.[6] Elizabeth Lummis asistiu ao seminario feminino de Aurora, na cidade homónima, Nova York, onde estudou, entre outras materias, francés, alemán e italiano. A súa primeira obra publicada, ós seus 16 anos, foi unha tradución do Eufemio dei Messina de Silvio Pellico.[7]

Carreira literaria[editar | editar a fonte]

En 1835 publicou o seu primeiro libro, intitulado Poems, Translated and Original (Poemas, traducidos e orixinais), no que se incluía a súa traxedia Teresa Contarini, baseada na historia de Venecia, que foi interpretada con éxito en Nova York e noutras cidades. Por aquel tempo, casou con William Henry Ellet (1806-1859), un químico de Nova York.[8] A parella mudouse a Columbia (Carolina do Sur) cando el obtivo unha praza de profesor de química, mineraloxía e xeoloxía na facultade de Carolina do Sur en 1836.[9]

Durante este tempo, Elizabeth Ellet publicou varios libros. En 1839 escribiu The Characters of Schiller (Os personaxes de Schiller), un ensaio crítico sobre o escritor Friedrich Schiller no que incluíu a súa tradución de varios dos seus poemas.[10] En 1840 escribiu Scenes in the Life of Joanna of Sicily (Escenas da vida de Joanna de Sicilia), unha historia do estilo de vida da nobreza feminina, e Rambles about the Country (Paseos polo país), unha vívida descrición das paisaxes que observara durante as súas viaxes polos Estados Unidos.[11] Continuou escribindo poemas, traducións e ensaios sobre a literatura europea, cos que contribuíu ao American Monthly, ao North American Review, ao Southern Literary Messenger, ao Southern Quarterly Review, e a outros xornais escribindo abundantemente nunha ampla variedade de xéneros.[12]

En 1845, deixou ao seu esposo no sur e mudouse de volta a Nova York, onde retomou o seu lugar como membro da sociedade literaria xunto a escritores como Margaret Fuller, Anne Lynch Botta, Edgar Allan Poe, Rufus Wilmot Griswold, Anna Cora Mowatt e Frances Sargent Osgood.

Frances Sargent Osgood, unha das persoas, xunto a Edgar Allan Poe, que se viron envoltas nun escándalo con Ellet a mediados da década de 1840.

Escándalo[editar | editar a fonte]

Durante ese tempo Ellet participou nun notorio escándalo que involucraba a Edgar Allan Poe e a Frances Sargent Osgood, ambos casados con outras persoas. As versións sobre os detalles do escándalo e a secuencia de eventos difiren entre si. Nese momento, Poe estaba na cima da súa fama polo seu poema O corvo. Varias mulleres activas dentro dos círculos literarios do momento enviábanlle cartas, e entre elas, Ellet e Osgood. Algunhas das cartas poderían ser de flirteo ou amorosas. Ellet tamén adoitaba pasar o tempo discutindo asuntos literarios co escritor, polo que é posible que competise con Osgood polo seu afecto.[1] Poe escribiu varios poemas para e sobre Osgood, incluíndo A Valentine (Cartón do día de San Valentín).[13]

Durante unha visita á casa de Poe en xaneiro de 1846, Ellet supostamente viu algunhas cartas de Osgood que lle mostrou a esposa do escritor, Virginia, e subsecuentemente aconsellou á poetisa que pedise que llas devolvesen, implicando que eran unha indiscreción.[14] En representación de Osgood, Margaret Fuller e Anne Lynch Botta pedíronlle a Poe que devolvese as cartas. El, anoxado pola súa interferencia, suxeriu que Ellet debería «coidarse das súas propias cartas».[15][16] Nunha delas, escrita en alemán, pedíalle a Poe que «a visitase na súa residencia esa noite», unha frase que se presume debía ter fins seductivos, aínda que el ignorouna ou non a entendeu.[17][18] Logo reuniu as súas cartas e deixounas en casa de Ellet.[14] A pesar de que xa llas devolvera, Ellet pediulle ao seu irmán que «esixira por min as cartas».[19][16] O seu irmán, o coronel William Lummis, non creu que llas entregara xa, e ameazou de morte ao escritor. Para defenderse, Poe pediulle unha pistola a Thomas Dunn English, quen directamente non cría que Ellet lle enviara carta algunha.[14]

Samuel Stillman Osgood, esposo de Frances Sargent, ameazou con demandar a Ellet a menos que se desculpase formalmente. Elizabeth retirou as súas declaracións e retractouse nunha carta a Frances en que dicía: «A carta que me ensinou Mrs Poe debe ser unha falsificación feita polo propio Poe».[20][21] Botou toda a culpa a Poe, suxerindo que o incidente se produciu porque o escritor era «dado á bebida, e proclive a actos de tolemia».[22][23] Ellet difundiu o rumor da tolemia de Poe, que foi retomado por outros inimigos do autor e mesmo viu a luz nas páxinas de varios xornais.[24] O escándalo soamente concluíu cando Osgood se reconciliou co seu marido.[23] Con todo, a fráxil esposa de Poe, Virginia, quedou moi afectada por todo o asunto. Estivera recibindo cartas anónimas sobre as supostas indiscrecións do seu marido xa desde xullo de 1845. Crese que Ellet estaba detrás destes anónimos, que chegaron a alterar a Virginia até o punto de que no seu leito de morte declararía que «Mrs. E.» fora a súa asasina.[25] Como Poe describiu uns anos máis tarde: «Desdeñei a Mrs. E simplemente porque me repugnaba, e até este día non cesou a súa persecución anónima[26][27]

The Women of the American Revolution[editar | editar a fonte]

Primeira páxina da edición de 1856 de The Women of the American Revolution.

Ao redor de 1846, Ellet comezou un enorme proxecto de escritura histórica; describir as historias e vidas das mulleres que se sacrificaron e comprometeron coa guerra de independencia. Para facelo investigou cartas privadas sen publicar e diarios, e entrevistou a varios descendentes das mulleres dos tempos da guerra e das fronteiras. Foi a primeira historiadora en levar a cabo tal esforzo.[8] Notou a «abundancia de material sobre a historia [masculina] de acción», e tentou engadir certo balance contando o lado feminino, referíndose ás "nais" fundadoras como provedoras do «cultivo no santuario doméstico dese amor pola liberdade civil que logo se acendeu nunha chama e verteu luz no mundo».[28][29][30]

Atopou tanta información de tantas patriotas que a primeira edición de The Women of the American Revolution (As mulleres da revolución americana) de 1848 tivo que ser publicada en dous volumes, que foron tan ben recibidos que se publicou en 1850 un terceiro volume con material adicional. Os historiadores posteriores consideran estes volumes a súa obra máis importante.[11] Ademais, Ellet tamén escribiu Domestic History of the American Revolution (Historia doméstica da revolución americana), no que resumía o mesmo material en narrativa e que tamén se publicou en 1850.

Ellet contou as historias das mulleres de cada colonia e de todas as clases sociais, exceptuando ás afroamericanas, ás que decidiu ignorar. Algunhas das mulleres sobre as que escribiu, como Martha Washington, Abigail Adams, Mercy Otis Warren e Ann Eliza Bleecker, entre outras, eran famosas por mérito propio. Tamén escribiu sobre algunhas máis escuras, pero de igual valor, as esposas que, fronte á invasión inglesa, criaban aos seus fillos e defendían os seus fogares.[31] Escribiu: «É case imposible apreciar agora a vasta influencia do patriotismo das mulleres no destino da nacente república».[32][31]

O antólogo e crítico Rufus Wilmot Griswold axudara a Ellet na creación do libro e deulle acceso aos rexistros da Sociedade Histórica de Nova York, da que era membro. Con todo, a escritora non recoñecía a súa asistencia, o que anoxou ao vengativo Griswold.[33] Nunha crítica, Griswold sinalou: «coa asistencia duns poucos cabaleiros máis familiares que ela coa nosa experiencia pública e doméstica, fixo un valioso e interesante traballo.»[34][35]

Traballo posterior[editar | editar a fonte]

Cuberta de The Practical Housekeeper (1857).

Cando xa era unha establecida e respectada autora, Ellet escribiu Family Pictures from the Bible (Figuras familiares da Biblia) en 1849. En 1850, escribiu Evenings at Woodlawn (Tardes en Woodlawn), unha recompilación de lendas e tradicións alemás, e Domestic History of the American Revolution (Historia doméstica da revolución americana), posiblemente a única historia sobre a guerra de Independencia contada tanto dende a perspectiva masculina como da feminina. De 1851 a 1857 escribiu Watching Spirits (Espíritos gardiáns), Pioneer Women of the West (Mulleres pioneiras do oeste), Novelettes of the Musicians (Novelas curtas dos músicos) e Summer Rambles in the West (Paseos de verán no oeste), este último inspirado nunha viaxe en bote polo río Minnesota en 1852. Unha cidade local, Eden Prairie, recibiu o seu nome de Ellet e dedicou un camiño na súa honra.[36]

En 1857, Ellet publicou unha enciclopedia de 600 páxinas sobre a economía doméstica estadounidense titulada The Practical Housekeeper (A ama de chaves práctica). A guía, que parecía estar orientada a un público feminino de clase media-alta, estaba organizada en tres partes: cociña, limpeza e cuestións farmacéuticas. Incluía miles de receitas e consellos, con referencias a filósofos, científicos e civilizacións antigas. Tamén tiña 500 ilustracións de gravados en madeira. No prefacio escribiu: «Non se publicou no país, dentro dos límites dun conveniente manual, un sistema completo sobre economía doméstica.»[37][8]

Obras posteriores inclúen Women Artists in All Ages and Countries (Mulleres artistas de todos os tempos e países, 1859), o primeiro libro do seu estilo en representar unha historia de artistas femininas.[38] Escribiu The Queens of American Society (As raíñas da sociedade americana 1867), e Court Circles of the Republic (Círculos da corte da república 1869), unha mirada á vida social de dezaoito presidentes desde George Washington a Ulysses S. Grant.[35]

Últimos anos[editar | editar a fonte]

En 1850, Ellet e o seu esposo volvéronse a mudar a Nova York, onde el pasou os seus últimos anos como asesor químico para a compañía de gas de Manhattan.

Ellet viuse envolta no caso de divorcio de Rufus Griswold coa súa segunda esposa, Charlotte Myers, en 1852. Xunto a Ann S. Stephens escribiulle a Myers dicíndolle que non permitise o divorcio, e á súa vez, a Harriet McCrillis, quen ía a casar con Griswold trala separación, para que terminase a súa relación con el.[39] Logo de que o divorcio fose concedido, Ellet e Stephens continuaron escribindo a Myers e convencérona de revogalo o 23 de setembro de 1853.[40] O 24 de febreiro de 1856, a apelación chegou á corte, onde Ellet e Stephens deron extensos testemuños en contra do carácter de Griswold. Nin este último nin Myers asistiron e a apelación foi desestimada.[41] Cando Griswold morreu en 1857, Sarah Anna Lewis, amiga e escritora do editor, suxeriu que Ellet empeorara a súa enfermidade e que acosara «a Griswold até a morte».[42][43]

En 1857 Ellet substituíu a Ann Stephens como editora literaria do Evening Express de Nova York.[44] O seu esposo morreu dous anos máis tarde, en 1859. Continuou escribindo, e a pesar de non ter fillos, impulsou obras de caridade para mulleres e nenos empobrecidos dando conferencias para reunir fondos. Ellet, episcopalista a maior parte da súa vida, converteuse ao catolicismo nos seus últimos anos.[8] Morreu da enfermidade de Bright na cidade de Nova York o 3 de xuño de 1877, e foi enterrada xunto ao seu esposo no cemiterio de Green-Wood en Brooklyn.[2][3]

Legado[editar | editar a fonte]

Ellet foi a primeira historiadora en escribir extensamente sobre a relación das mulleres coa Revolución americana. Cría que as mulleres daban forma á historia coa súa influencia, o que se facía con «sentimento». Cría que era tan difícil de definir que declarou que «a historia non lle pode facer xustiza».[45]

Obras[editar | editar a fonte]

Lista de obras segundo o proxecto MSU de historia estadounidense:[8]

  • Euphemio of Messina (1834) tradución
  • Poems, Translated and Original, incluíndo a obra teatral Teresa Conarini (1835)
  • The Characters of Schiller (1839)
  • Joanna of Sicily (1840)
  • Rambles about the Country (1840)
  • The Women of the American Revolution (1848-50) (3 volumes)
  • Evenings at Woodlawn (1849)
  • Family Pictures from the Bible (1849)
  • Domestic History of the American Revolution (1850)
  • Watching Spirits (1851)
  • Nouvelettes of the Musicians (1851)
  • Pioneer Women of the West (1852)
  • Summer Rambles in the West (1853),
  • The Practical Housekeeper (1857)
  • Women Artists in All Ages and Countries (1859)
  • The Queens of American Society (1867)
  • Court Circles of the Republic (1869)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Librarycompany". Arquivado dende o orixinal o 02 de xaneiro de 2011. Consultado o 1 de maio de 2007. 
  2. 2,0 2,1 "Elizabeth Fries Lummis". Consultado o 30 de maio de 2007. 
  3. 3,0 3,1 Diamant, Lincoln (1998). Revolutionary Women in the War for American Independence. Westport, CT: Greemwood Publishing Group. ISBN 0275962636. 
  4. "Official Register of the Officers and Men of New Jersey in the Revolutionary War by William Stryker". Arquivado dende o orixinal o 18 de marzo de 2008. Consultado o 24 de abril de 2008. 
  5. 5,0 5,1 "Southern New York". Arquivado dende o orixinal o 30 de setembro de 2007. Consultado o 8 de agosto de 2007. 
  6. "New York Times Archives". Consultado o 19 de abril de 2008. 
  7. "Britannica". Consultado o 1 de maio de 2007. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 "MSU Library". Arquivado dende o orixinal o 14 de xuño de 2010. Consultado o 1 de maio de 2007. 
  9. Drake, Francis Samuel (1872). Dictionary of American Biography. Boston: James R. Osgood and Co. pp. 301. 
  10. Elfe, Wolfgang; James N. Hardin, Günther Holst (1992). The Fortunes of German Writers in America: Studies in Literary Reception. Carolina do Sur: Univ of South Carolina Press. pp. 22. ISBN 0872497860. 
  11. 11,0 11,1 "Ellet, E. F. (Elizabeth Fries), 1818-1877". Literature Online Biography. Consultado o 16 de abril de 2008. [Ligazón morta]
  12. "For women". Arquivado dende o orixinal o 11 de setembro de 2007. Consultado o 1 de maio de 2007. 
  13. "Lectures and Articles on Edgar Allan Poe". E.A. Poe Society. Consultado o 13 de outubro de 2007. 
  14. 14,0 14,1 14,2 Meyers, 191.
  15. No inglés orixinal: «look after her own letters».
  16. 16,0 16,1 Silverman, 290.
  17. No inglés orixinal: «Call for it at her residence this evening».
  18. Silverman, 291.
  19. No inglés orixinal: «to demand of me the letters»
  20. No inglés orixinal: «The letter shown me by Mrs Poe must have been a forgery created by Poe himself».
  21. Moss, 215.
  22. No inglés orixinal: «intemperate and subject to acts of lunacy».
  23. 23,0 23,1 Silverman, 292.
  24. Meyers, 192.
  25. Moss, 213–214.
  26. No inglés orixinal: «I scorned Mrs. E simply because she revolted me, and to this day she has never ceased her anonymous persecutions.»
  27. Phillips, Mary E. (1926). Edgar Allan Poe: The Man. Chicago: The John C. Winston Company. p. 1388. 
  28. No inglés orixinal: «abundance of materials for the [masculine] history of action».
  29. No inglés orixinal: «the nurture in the domestic sanctuary of that love of civil liberty which afterwards kindled into a flame and shed light on the world».
  30. Douglas, Ann. The Feminization of American Culture. Nova York: Alfred A. Knopf, 1977: 184. ISBN 0-394-40532-3
  31. 31,0 31,1 "History From America's Most Famous Valleys". Consultado o 13 de outubro de 2007. 
  32. No inglés orixinal: «It is almost impossible now to appreciate the vast influence of woman's patriotism upon the destinies of the infant republic».
  33. Bayless, 143–144.
  34. No inglés orixinal: «with the assistance of a few gentlemen more familiar than herself with our public and domestic experience, she has made a valuable and interesting work.»
  35. 35,0 35,1 "Legacy Profile by Carol Mattingly". Elizabeth Fries Lummis Ellet (1818-1877). Consultado o 16 de abril de 2008. [Ligazón morta]
  36. Jerde, Lyn. «Elizabeth Fries Ellet Interpretive Trail is signed, dedicated», p. 9A. 9 de agosto de 2007. Eden Prairie Sun-Current.
  37. No inglés orixinal: «No complete system of Domestic Economy, within the limits of a convenient manual, has been published in this country.»
  38. Langer, Sandra L. (1980). "Women Artists in All Ages and Countries by Elizabeth Fries Lummis Ellet". 1, No. 2. 
  39. Bayless, 217–220.
  40. Bayless, 227.
  41. Bayless, 251.
  42. No inglés orixinal: «goaded Griswold to his death».
  43. Phillips, Mary E. (1926). Edgar Allan Poe: The Man. Chicago: The John C. Winston Company. p. 1575. 
  44. Meyer, Annie Nathan; Julia Ward Howe (1891). Woman's Work in America. Nova York: Henry Holt and Company. pp. 128. 
  45. Kerber, Linda (1997). Toward an Intellectual History of Women: Essays. Chapel Hill, NC: UNC Press. pp. 67-68. ISBN 0807846546. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]