As eleccións ao Parlamento de Cataluña de 1988 celebráronse o 29 de maio de 1988, sendo as terceiras eleccións ao Parlamento de Cataluña trala instauración da democracia en España, e o restabelecemento da Generalitat de Cataluña en 1977. Foron convocadas a votar 4.564.389 persoas maiores de 18 anos e con dereito a voto en Cataluña. As eleccións serviron para escoller os 135 parlamentarios da terceira lexislatura democrática. Acudiron a votar 2.709.685 persoas, o que deu unha participación do 59,37 por cento, tres puntos por debaixo da participación de catro anos antes.
As eleccións non foron anticipadas, completándose na súa totalidade a lexislatura. O partido máis votado foi, por terceira vez consecutiva, Convergència i Unió que, con 1.232.514 votos (un 45,72 por cento), obtivo 69 escanos, 3 menos que nas anteriores eleccións, mais 27 máis que a segunda forza política, o Partit dels Socialistes de Catalunya, o que volveu dar a CiU a maioría absoluta.