José Alonso de Trelles

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "El Viejo Pancho")
José María Alonso y Trelles Jarén
José Alonso y Trelles.jpg
El "Viejo Pancho"
Datos persoais
Nacemento 7 de maio de 1857
Lugar Ribadeo Galicia Galicia
Falecemento 28 de xullo de 1924
(67 anos)
Lugar Montevideo
Cónxuxe Dolores Riccetto
Fillos dous
Relixión católica
Actividade
Lingua Castelán
Xéneros poesía gauchesca

José María Alonso de Trelles y Jarén, coñecido co alcume de El Viejo Pancho, nado en Ribadeo o 7 de maio de 1857 e finado en Montevideo o 28 de xullo de 1929, foi un poeta gauchesco uruguaio.

De novo, emigrou asentándose definitivamente en Tala, Uruguai, onde chegou a ter ó seu cargo as publicacións satíricas El Tala Cómico e Momentáneas. As súas achegas literarias máis importantes foron na lírica, que cultivou en xeito de poesía gauchesca, e á que aportou a súa obra a través dos semanarios tradicionalistas El terruño, El fogón e El ombú. En 1915 publicou a que é considerada a súa obra insignia, Paja brava, na que fixo recompilación da meirande parte dos seus textos do xénero. Xa maior, foi deputado polo departamento de Canelones.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Naceu nunha casa da rúa que hoxe leva como nome o seu alcume, 'Viejo Pancho', na parroquia de Santa María do Campo, no núcleo urbano de Ribadeo. Foi fillo de Vicenta Jarén, de orixe galego, e de Francisco Alonso y Trelles, de orixe asturiano, quen foi docente nunha escola preto de Navia[1][2]. Na súa infancia viviu uns anos en Asturias, facendo estudos de peritaxe mercantil na mesma Navia[3]. En 1875, con 18 anos de idade emigrou a América, radicándose durante dous anos en Chivilcoy (vila da provincia de Buenos Aires, Arxentina), ata que en 1877 se trasladou primeiro a Montevideo e logo a Tala, localidade situada a 110 km da capital, onde cobrou fama como poeta da vida rural uruguaia.

Mocidade[editar | editar a fonte]

José Alonso y Trelles (dereita) ó pouco de chegar a Tala.

O seu primeiro traballo foi de contable nun almacén propiedade de Juan Riccetto. Anos despois casaría coa filla de Ricetto, Dolores.

Nos anos de mocidade tivo moita ascendencia sobre del o mestre rural Joaquín Tejera, a quen chegou por recomendación de Emilio Rodríguez, compañeiro de viaxe á emigración. Tejera prestoulle apoio e facilitoulle trabajo como funcionario de correos, e dándolle participación no diario "El Tala", fundado por el e no que tamén actuaban de redactores Servando Paisal, Schickendantz e Klappenbach.

No 1882 casou con Dolores Riccetto, e pouco despois mudáronse a Sarandí Garupá, preto de Santana do Livramento. Alí actuou de administrativo nunha casa de comercio que logo pecharía. É nesta época cando coñeceu ó periodista e político Rafael Cabeda, con quen mantivo unha relación que continuou por carta ó regresar a Uruguai. Neste mesmo período naceron dous fillos do matrimonio. Regresaron a Tala en 1887.[4]

En Tala un tempo foi socio do seu sogro e despois —aconsellado polo seu amigo Pedro Soto, Xuíz de Paz de Tala— decidiu estudar para Procurador e Escribano.

Participou de varias entidades de fomento creadas polos veciños, como a primeira "Comisión auxiliar de Tala" (para a que foi designado secretario), ou a "Sociedad Cosmopolita de Socorros Mutuos" da que foi vicepresidente.

Literatura[editar | editar a fonte]

Teatro[editar | editar a fonte]

Debuxo de Trelles feito por Hermenegildo Sábat Lleó.

Organizou un grupo de teatro. Nel cumpriu diversos traballos, como director, escenógrafo, apuntador, e autor de varias obras. Polo seu traballo, a cidade de Tala considérao o seu primeiro director teatral.

Entre as obras teatrais escritas por el están: Un drama en palacio, Caída y redención, Colón, Los veteranos, Spion Kook, El falso Otelo, Pepiyo, Idilio fulminante e Juan el Loco, publicado por mediación do poeta Orosmán Moratorio en 1887. A meirande parte destas obras non foi publicada, conservándose só algunhas.

Periodismo satírico[editar | editar a fonte]

El Tala Cómico[editar | editar a fonte]
"E colgámolo, sí, señor; colgamos ó debuxante deste semanario polo delito de haber colgado el a outros."[5]

O 18 de novembro de 1894 fundou a publicación periódica El Tala Cómico, onde foi director e principal colaborador. A revista satírica xurdiu como resposta á necesidade de Trelles de facer unha crítica ás autoridades eclesiásticas e administrativas locais.[6]

Na presentación desta revista, Trelles resumiu así os motivos da súa aparición:

A apatía, unha apatía musulmana, consúmenos e ten esnaquizado todos os vínculos sociais e tende a producir o illamento egoísta e estéril. Vivimos envoltos nunha atmosfera de glacial indiferenza que ten conxelado toda iniciativa de progreso... Embrazando o escudo e alta a visera, para que se saiba quen somos, entramos na loita. Ninguén ten por que temernos; o que quera evitar un mandoble non ten outra cousa que facer que cumprir os seus deberes; para os bos non han faltar palabras alentadoras, como non han faltar censuras para o que a mereza.[7]

Como o autor explica, o combate contra esa apatía social á que alude é outra das razóns da aparición desta publicación de frecuencia semanal. As primeiras repercusións da inauguración desta publicación poden atoparse xa o mes siguiente, en La Razón dirixida nese momento por Carlos María Ramírez, que destacaba:

É curioso, case cómico. El Tala, ese pequeno pobo que queda en Canelones, aló pola viciñanza de San Ramón, ten un periódico satírico como non existe outro en toda a República. O seu director é Juan Monga. O periódico está ben, pero moi ben escrito. O tal Monga, non é un Juan Monga calquera, porque ten sal e aínda pementa. É tamén hábil dibuxante e home dunha paciencia digna de pasar á historia de Tala. Figúrense vostedes que el só escríbeo de cabo a rabo, el só o ilustra e el só o imprime, grazas a unha desas máquinas que reproducen os manuscritos. Ademais "o sistema" empregado na compaxinación non ten nada de común co que distingue á xeralidade dos nosos colegas de fóra. El Tala Cómico non admite recorte, non ten artigos longos, non publica artigos de Taboada, nin insulta ás autoridades departamentais. Señores: Por todas estas razóns suscríbanse vostedes a El Tala Cómico.[8]
"Este é o que ilustra o noso semanario, o que mancha todas as súas viñetas, e a súa brocha gorda serve de ordinario, para facer cóxegas a certos poetas."[9]

O "Juan Monga" ó que fai referencia Ramírez é un dos moitos alcumes que usou Trelles para escribir nesta publicación e que alternaba segundo as circunstancias, pasando por outros como "Cáustico", "Candil", "Tácito", "Ventosa" ou "El", entre outros.[10]

Trelles encargábase tamén da diagramación e da inclusión de caricaturas satíricas nas distintas entregas deste semanario. O proceso de impresión era tedioso e rudimentario, e facíase por medio de papel carbón, un Cyclostil e unha prensa manual. a súa tirada foi de 70 a 100 exemplares, e contou coa colaboración ocasional do seu sobriño, Ángel Asuaga e o mestre Luis Scarzolo Travieso.

Esta publicación tivo unha forte influencia do semanario español Madrid cómico, no que Trelles se inspirou para darlle formato, o tono crítico e satírico e mesmo nome. Nesta revista que se publicou entre 1880 e 1923, escribiron figuras importantes do periodismo e a literatura española desa época, como Leopoldo Alas "Clarín", Sinesio Delgado, Luis Taboada, Luis de Ansorena, Antonio de Valbuena, Pérez Zúñiga, José Fiacro Iraizoz e Eduardo de Palacio, entre outros. Como caricaturistas e debuxantes estiveron Eduardo Ramón "Cilla" e Francisco Sancha.

Autocaricatura de Trelles.

A través de El Tala Cómico, Trelles defendeu os seus principios, como o ensino obrigatorio, e fixo críticas a figuras políticas, autoridades eclesiásticas e sacerdotes, así como tamén dirixiunas contra curanderos e hipnotizadores. Unha das sátiras que tivo máis repercusións foi a que desatou unha polémica forte cun poeta de Sauce, que a raíz dunha crítica realizada por Trelles, planteó que el, de igual xeito, criticaría os versos de Trelles, ó que respondeu:

¡Tú mis versos criticar! / ¡Tú pescarme a mí los hiatos! / Hombre; no me hagas sudar. / Mira que hacer alegatos / No es lo mismo que rimar.
En cuestión de consonantes / Juzgo tu fallo importuno / Y es mejor no lo adelantes... / Porque hay muchos ignorantes / "¡Pero como tú, ninguno!"[11]

Estos episodios motivaron o debuxo da súa mellor autocaricatura, aparecida no número do 9 de febreiro de 1896.

En marzo de 1897 editouse o último número de El Tala Cómico, cun total de 83 números publicados dende 1894.

Momentáneas[editar | editar a fonte]
Manuscrito orixinal de "La Güeya".[12]

En xuño de 1899, fundou unha nova publicación, Momentáneas. No seu primeiro número, fixo unha exposición de motivos definíndoa en parte como unha continuación de El Tala Cómico:

Momentáneas: val dicir que dan pouco traballo, que teñen a curta duración dos lirios, aínda que eu seime que a picazón que produzan durará moito máis do que eu querería... El Tala Cómico non morreu. Estas Momentáneas son manifestacións da súa vida latente.[13]

Nas liñas de Momentáneas foi onde onde Trelles demostrou, cunha evolución que se podería dicir 'melancólica', o seu paso da sátira propia dos seus primeiros pasos literarios, a unha sensibilidade e amargura que amosou co seu alcume "El Viejo Pancho". Con el, escribiu nesta publicación catorce textos, entre os que atopamos "Resolución" e "La güeya", consideradas como obras moi importantes no conxunto da súa produción literaria.[14]

Trelles, en relación a El Tala Cómico e a Momentáneas, escribiu na súa autobiografía:

De novembro de 1894 a marzo de 1897 publicou, valéndose dun Ciclostil no que derrochou paciencia e habilidade caligráfica, oitenta e tres números de El Tala Cómico, xornal semisatírico e semiilustrado que non deixou títere con cabeza no departamento e serviu de ensaio para as súas posteriores críticas literarias, "abondo" menos lustrosas que as do insigne Clarín, pero non menos demoledoras que as do bo de Valbuena. E de xuño de 1899 a xaneiro de 1900, vintetrés números de Momentáneas, con "tricomías" que daban as doce.[15]

Poesía gauchesca[editar | editar a fonte]

Texto de "Canta la noche".

As súas aptitudes como escritor de poesía gauchesca foron evolucionando co paso do tempo e as sucesivas publicacións de El Tala Cómico e Momentáneas, nas que absorbía e manifestaba a idiosincrasia da xente de Tala e outros lugares do interior de Uruguai, como Florida, Durazno ou Minas, localidades que Trelles visitou a cotío.

Algunhas das obras atopadas nesas revistas comezaron a ser recollidas por publicacións como a famosa revista criolla "El Fogón" de Montevideo, á que contribuiu, xunto a Elías Regules, Orosmán Moratorio, Alcides de María, Martiniano Leguizamón e outros poetas. Como as revistas El Fogón ou El Terruño eran de tirada moito maior que as que manexaba Trelles, lograron popularizar algúns dos seus textos. A modo de exemplo, "La Güeya", publicada no "Momentáneas" do 10 de setembro de 1899, e recollida case de inmediato por El Fogón.[16]

Paja Brava[editar | editar a fonte]
Orixinal de "Tiento sobáo".[17]

As publicacións anteriores, xunto con outras, foron recollidas na súa obra principal, editada en 1915 co título de Paja brava. Esta recompilación dos seus poemas gauchescos tivo unha importante repercusión e un grande éxito de vendas, reeditándose unhas vinte veces. Algunhas destas edicións estiveron ilustradas por renomeados artistas uruguaios.[18][19]

Outro indicio do impacto deste libro foi a incorporación por parte de Carlos Gardel dos poemas "Insomnio, "¡Hopa! ¡Hopa! ¡Hopa!", "¡Como todas!" e "Misterio" ó seu repertorio, con música composta por Américo Chiriff.

Asemade, Alfredo Zitarrosa baseou no poema "De la lucha" unha das súas cancións, e o compositor Eduardo Fabini escribiu a música de "La Güeya" e "Pa ejemplo".

En 1998 publicouse a edición en galego, co nome de Paja Brava de El Viejo Pancho e outras obras de José A. y Trelles pola editorial Oriberthor, S.L., cunha breve biografía do autor.[20]

Actuación política[editar | editar a fonte]

O 25 de setembro de 1902, Alonso y Trelles obtivo a cidadanía uruguaia. Entre os anos 1908 e 1911, foi deputado polo Partido Nacional, sendo primeiro suplente polo Departamento de Canelones. A súa afinidade con este partido político asoma nalgunhas das súas poesías no libro Paja Brava[21]. a súa chegada á Cámara de Representantes acompañouse de certo debate nos xornais, que discutiron a súa idoneidade en base á súa condición de estranxeiro. Isto deu lugar a que a comisión de poderes da Cámara de Representantes redactara o seguinte texto informativo:

[...]Que estando o Sr. Trelles en condicións legais para ser electo deputado, en virtude da súa carta de cidadanía, que data do día 25 de setembro de 1902, e que esta Comisión tivo á vista, deben aceptarse os seus poderes".

Tras aclararse este punto, Trelles tomou posesión do seu cargo o 20 de febreiro de 1908. No seu período como representante destacouse na súa defensa das autonomías municipais.

Anos finais[editar | editar a fonte]

Despois de dar por rematada a súa actividade política, mudouse a Montevideo polos estudos oun dos seus fillos. Nesta época fixo unha viaxe a Asturias e Galicia, visitando a súa familia.

De volta a Uruguai, recibiu unha grande homenaxe en San José o 8 de xaneiro de 1922.[22]

Morreu en Montevideo en 1924, vítima dunha longa enfermidade asociada cunha peritonite.

Obra literaria[editar | editar a fonte]

Foi o representante máis coñecido da poesía tradicionalista, vixente na rexión entre fins do século XIX e principios do XX.

  • Juan el loco (poema de dos cantos. Prólogo de Orosmán Moratorio. Montevideo, 1867)
  • ¡Guacha! (drama nacional en un acto. Imprenta y casa editorial "Renacimiento", de Luis y Manuel Pérez. Carta-prólogo de Casiano Monegal. Montevideo, 1913)
  • Paja brava (1º ed. versos criollos. Imprenta y casa editorial "Renacimiento" de Luis y Manuel Pérez. Montevideo, 1915)

[Edicións sucesivas:

  • Paja brava (2º ed. versos criollos. Edición aumentada. Imprenta y casa editorial "Renacimiento" de Luis y Manuel Pérez. Montevideo, 1920)
  • Paja brava (3º ed. versos criollos. Edición aumentada. Librería Nacional A. Barreiro y Ramos. Barreiro y Cía. Sucesores. Montevideo, 1923)
  • Paja brava (4º ed. versos criollos. Edición aumentada. Prólogo de Justino Zavala Muniz. Agencia general de Librería y Publicaciones. Montevideo - Buenos Aires, 1926)
  • Paja Brava de El Viejo Pancho e outras obras de José A. y Trelles (en galego), Ed. Oriberthor, S.L. 1998]
Placa na casa natal de José Alonso de Trelles en Ribadeo.

Algunhas das súa obras foron musicadas. Carlos Gardel incluíu no seu repertorio varios poemas seus, musicados por Américo Chiriff: "Insomnio", "¡Hopa! ¡Hopa! ¡Hopa!", "¡Cómo Todas!" e "Misterio".

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

En Ribadeo leva o seu nome a rúa onde se atopa a casa onde naceu (antes chamada 'das Angustias'), e a Biblioteca local.

Teñen sido organizados diversos actos en torno á súa figura; entre eles, o congreso 'Os vínculos culturais Galicia-Uruguay'[23], a cabalo entre Vilanova de Lourenzá e Ribadeo no ano 2007, adicado a el e a Juana de Ibarborou.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Río Navia.". 30 de setembro de 1923. 
  2. Pérez Leira, Lois (2000). Enciclopedia da Emigración. 
  3. Sabat Pebet, Juan Carlos (10 de setembro de 1929). El Cantor de Tala. Atelier de Artes Gráficas "Futura". p. 38. 
  4. El Cantor de Tala. Op. cit. 
  5. Alonso y Trelles, José (9 de decembro de 1894). El Tala Cómico. 
  6. El Cantor de Tala. Op. cit. p. 58. 
  7. Presentación ó público de El Tala Cómico, 18 de novembro de 1894. José Alonso y Trelles.
  8. Alonso y Trelles, José (26 de decembro de 1894). La Razón. 
  9. Alonso y Trelles, José (9 de febreiro de 1896). El Tala Cómico. 
  10. El Cantor de Tala. Op. cit. p. 73. 
  11. El Cantor de Tala. Op. cit. p. 81. 
  12. Alonso y Trelles, José (10 de setembro de 1899). Momentáneas. 
  13. "Momentáneas". Número 1, xuño de 1899. José Alonso y Trelles.
  14. El Cantor de Tala. Op. cit. p. 79. 
  15. Alonso y Trelles, José. Autobiografía. 
  16. El Cantor de Tala. Op. cit. p. 97. 
  17. Alonso y Trelles, José (setembro de 1918). El Terruño. 
  18. Henciclopedia, Gustavo San Román (2007). "José Alonso y Trelles: entre la gauchesca y el nativismo". Consultado o 2008. 
  19. Un bestseller nacional
  20. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (1998). "Reseña de "Paja Brava de El Viejo Pancho e outras obras de José A. y Trelles"". Consultado o 2008. 
  21. Martínez, Miguel Víctor (1939). Ministerio de Instrucción Pública, ed. "Ensayo sobre José Alonso y Trelles". Revista Nacional" Nº 22. Consultado o 2008. 
  22. El Cantor de Tala. (Op. cit.). p. 44. 
  23. AAVV. Actas Congreso Os vínculos culturais Galicia-Uruguay (PDF). 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]