Eduardo Mosquera Montes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Eduardo Mosquera Montes
Nacemento7 de febreiro de 1850
Lugar de nacementoPadrón
Falecemento12 de abril de 1887
Lugar de falecementoSantiago de Compostela
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Santiago de Compostela
Ocupaciónescritor, xornalista e avogado
IrmánsRamón Mosquera Montes
editar datos en Wikidata ]

Eduardo Mosquera Montes, nado en Padrón o 7 de febreiro de 1850 e finado en Santiago de Compostela o 12 de abril de 1887[1][2], foi un avogado, catedrático e escritor galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo do xefe da Facenda Pública e político galego José Mosquera Pallares e de Vicenta Montes, estudou a carreira de Dereito na Universidade de Santiago.

Durante o Sexenio Democrático destacou como membro da Academia de la Juventud Católica, de Santiago[3], e coa Restauración foi un dos asinantes do denominado Comité conservador alfonsino de Santiago que deron a benvida ao novo réxime[4].

Foi membro da comisión organizadora dos Xogos Florais de Santiago, celebrados o 28 de xullo de 1875, baixo a presidencia de Antonio Casares, dentro da Sociedade Económica de Amigos do País e constituída o 22 de marzo[5]. Xunto a el, formaban parte da devandita comisión o alcalde Andrés Tomás Bouza, os catedráticos Joaquín Díaz de Rábago e Francisco Romero Blanco, o futuro catedrático de Dereito Ramiro Rueda Neira, Pegerto Pardo Balmonte, José López Romero, Antonio Llamas, Pedro Pais Lapido, Manuel Bibiano Fernández e Manuel Pérez Santamarina[6].

O 20 de setembro de 1876 tomou posesión da praza de profesor auxiliar da Facultade de Dereito, que desenvolveu ata o 20 de agosto de 1880. Tempo despois obtivo por oposición o cargo de auxiliar gratuíto da mesma facultade, que desenvolveu desde o 10 de outubro de 1882, pasando pouco máis tarde a exercer a praza de profesor auxiliar desde o 20 de xullo de 1883. Cesou o 4 de xaneiro de 1887, posto que ao día seguinte tomou posesión por fin como catedrático numerario da materia de Dereito Mercantil «de España e das principais nacións de Europa e América» da Universidade de Santiago de Compostela.

Colaborou en La Gacetilla de Santiago, El Diario de Santiago e El Porvenir e fundou e dirixiu en Santiago de Compostela a Revista Compostelana de Instrucción y Recreo (1876 a 1877). Foi fundador e presidente da Academia Compostelana de Jurisprudencia. Publicou Tratado de la sucesion testamentaria en 1883.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou con Isabel Amores Domínguez, coa que tivo a José, Ángel e Eduardo Mosquera Amores, este último falecido xusto oito días antes ca el[7]. Foi irmán, entre outros, do avogado, xuíz e xornalista Antolín Mosquera Montes e do avogado e político Ramón Mosquera Montes, que foi alcalde de Santiago.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Noticias regionales". El Lucense. 14 de abril de 1887. 
  2. "Obituario". El Ciclón (en castelán) (Santiago). 16-4-1887. p. 1. 
  3. Sesión pública celebrada el día 22 de mayo de 1870 en honor de su santidad Pío IX (en castelán). Santiago de Compostela: Academia de la Juventud Católica de Santiago. 1870. p. 4. 
  4. "El lunes 18 (...)". El Ejemplo (en castelán) (A Coruña). 24-1-1875. p. 2. 
  5. "Sección local". El Diario de Santiago (en castelán) (Santiago). 23-3-1875. p. 2. 
  6. Album de las composiciones premiadas en los Juegos Florales celebrados en la ciudad de Santiago en Julio de 1875 (en castelán). Santiago de Compostela. 1875. 
  7. "Necrolóxica". Gaceta de Galicia. 5 de abril de 1887.