Dora de Pédery-Hunt
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 16 de novembro de 1913 Budapest, Hungría |
Morte | 29 de setembro de 2008 (94 anos) Toronto, Canadá |
Causa da morte | Cancro colorrectal |
Outros nomes | De Pédery, Dora |
Educación | Moholy-Nagy University of Art and Design (en) (–1943) |
Actividade | |
Ocupación | escultora, medallista |
Empregador | OCAD University (en) |
Membro de | |
Premios | |
Dora de Pédery-Hunt, nada en Budapest o 16 de novembro de 1913 e finada en Toronto o 29 de setembro de 2008, foi unha escultora e deseñadora de moedas e medallas húngaro-canadense.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Dora de Pédery naceu en Budapest en 1913, filla do científico e pianista Atila de Pédery e da súa esposa Emilia.[1]
Dora estudou inicialmente Física, Medicina e Arquitectura, antes de elixir a arte como vocación aos 24 anos. Durante seis anos formouse na que hoxe é a Universidade Húngara de Belas Artes de Budapest, con profesores como Elek Lux, Béla Ohmann e József Reményi. En 1943 acadou o seu diploma de Mestría en Escultura.[2]
Logo da ocupación de Hungría por parte da Alemaña nazi en marzo de 1944, a súa familia decidiu fuxir cara ao oeste, a Helmstedt, Alemaña, temendo o avance soviético desde o leste. Oito meses despois, chegaron a Hannover, onde o seu pai atopou traballo,[1] aínda non tardou en caer en mans das forzas aliadas.[3]
En 1948 Dora emigrou ao Canadá.[4] Chegou a Toronto e alí traballou como ama de chaves dunha familia durante un ano. Logo foi profesora de Arte nun instituto, traballo para o que percorría diariamente oito quilómetros a pé. Tamén realizou traballos esporádicos como pintar deseños en mobles infantís, limpar estudios de artistas e facer adornos de Nadal para amigos e para tendas de agasallos".[1]
En 1949 casou con Vela Hunt, un xornalista húngaro a quen coñecera xa na súa etapa de Hannover. A parella divorciouse en 1961.[1]
Dora de Pédery-Hunt morreu en Toronto como consecuencia do cancro colorrectal que padecía, o 29 de setembro de 2008, aos 94 anos.[3] Foi sepultada no Cemiterio e Crematorio Municipal de Toronto.[5]
Obra
[editar | editar a fonte]“ | Talvez, despois de todo, estas limitacións sexan necesarias. As miñas medallas son o resultado dunha boa loita contra elas, e á fin polo menos podo lembrar unha batalla librada con valentía. — Dora de Pédery-Hunt.[3] |
” |
Logo do seu matrimonio, Dora de Pédery-Hunt dedicou os sete anos seguintes a esculpir na mesa da súa cociña. En 1956 realizou un gran retrato en pedra artificial de Frances Loring, a súa amiga e colega escultora, que presentou á Exposición Nacional Canadense. Alí viuno Alan Jarvis, tamén escultor e director da Galería Nacional do Canadá, quen xogou un papel fundamental na súa adquisición para unha colección permanente desa entidade.[1]
A partir de entón, Dora de Pédery puxo o foco na produción de esculturas a pequena escala e de medallas. Animada por Jarvis, solicitou unha axuda do Consello das Artes do Canadá e en 1958 recibiu unha bolsa para estudar as medallas expostas en diversas galerías, museos e catedrais de Europa. Ao seu regreso a Toronto, decidiu centrarse na arte da medalla, e a súa primeira encarga foi unha medalla do Consello das Artes do Canadá outorgada á excelencia nas artes, as humanidades e as ciencias sociais. En 1961 creou tamén un medallón de bronce fundido de dez centímetros de diámetro no que xuntou motivos da música, a danza, a literatura, a pintura e a escultura.[1]
En 1963, foi elixida membro da Sociedade de Artistas de Ontario.[2] Foi tamén membro fundadora da Academia Canadense do Retrato e da Sociedade de Arte da Medalla do Canadá.[6] Durante vinte e cinco anos, representou o Canadá como delegada ante a Federación Internacional da Medalla de Arte (FIDEM),[7] á que estaba afiliada desde 1965.[8] Tamén foi elixida membro da Sociedade de Escultores do Canadá en 1953,[6][9] da Real Academia Canadense das Artes en 1967,[10] da Sociedade Húngara de Artes Aplicadas e da Asociación Feminina Húngara de Belas Artes.[1]
Á parte da súa traxectoria como creadora, tamén se dedicou á docencia, como profesora de escultura na Northern Vocational School de Toronto (1949-1960), na Women's Art Association (1956) e no Ontario College of Art (1957).
Entre as súas obras máis recoñecibles está a creación da efixie da raíña Isabel II que se utilizou para os anversos de todas as moedas canadense desde 1990 ata 2003,[3][11][12] rompendo a anterior tradición de utilizar na moeda canadense o mesmo retrato que o que caracterizaba a moeda británica.[7]
Pola súa banda, Canada Post utilizou o deseño da súa medalla de Donald Alexander Smith para un selo postal con valor de seis centavos.[13]
Ao longo da súa carreira, Dora de Pedery deseñou máis de 600 medallas, ademais dunha serie de pequenas esculturas de bronce conmemorativas de heroes e de heroínas canadenses. Parte da súa obra pode verse elas coleccións de máis de 70 museos e institucións de todo o mundo,[1] entre eles a Galería Nacional de Arte do Canadá, os Gabinetes Reais de Medallas da Haia e de Bruxelas, o Museo Británico e o Instituto Smithsoniano.[2][14][4][15]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]- 1967: Medalla do Centenario do Canadá.[1]
- 1974: Oficial da Orde do Canadá.[16]
- 1983: Doutor honorario da Universidade York, de Toronto.[1]
- 2003: Premio Sanford Saltus de Medalla, da American Numismatic Society.[7][17]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 Macdonald, C. S. (1997). A Dictionary of Canadian Artists. Vol. 1. (5ª ed.). Canadian Paperbacks Pub., Otava. Páxinas 609a-611a. ISBN 0-919554-21-0
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "Member Profile: Dora De Pedery-Hunt". Ontario Society of Artists.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Martin, S. (2008).
- ↑ 4,0 4,1 Hargittay, C. (2006).
- ↑ "Dora de Pédery-Hunt". Findagrave.com
- ↑ 6,0 6,1 Canadian Coin News. 11 de vovembro de 2008. Trajan Publishing. Páxina 10.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 Cuhaj, G. (2008).
- ↑ Newbigging, D. (2008).
- ↑ "Past Members". Sculptors Society of Canada / Société des Sculpteurs du Canada.
- ↑ "Members since 1880". Royal Canadian Academy of Arts / Académie Royale des Arts du Canada.
- ↑ Cross, W. K. (2006). Canadian Coins, A Charlton Standard Catalogue (60ª ed.). The Charlton Press, Toronto. Páxina 75. ISBN 0-88968-297-6
- ↑ Cross, W. K. (2006). A Charlton Standard Catalogue, Canadian Coins, 60ª Ed. The Charlton Press, Toronto. Páxina 75. ISBN 0-88968-297-6
- ↑ "Sir Donald Alexander Smith, 1820-1914 - 6 cents 1970 - Canadian stamp". Stampsandcanada.com
- ↑ "Dora de Pedery-Hunt". The British Museum.
- ↑ "Dora de Pédery-Hunt Fonds, 1920-1987". Smithsonian Institution.
- ↑ "Mrs. Dora de Pedery-Hunt". The Governor General of Canada.
- ↑ "The Saltus Medal Award". American Numismatic Society.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cuhaj, G. (2008). "Dora de Pedery-Hunt, Canadian sculptor, 1913-2008". En Numismatic News. 14 de outubro.
- Hargittay, C. (2006). "de Pédery-Hunt, Dora". En The Canadian Encyclopedia.
- Martin, S. (2008). "Sculptor who loved making medals put the Queen on Canada's coinage". En The Globe and Mail. 4 de outubro.
- Newbigging, D. (2008). "In memoriam 2008: Dora Pédery-Hunt". International Art Medal Federation / Fédération Internationale de la Médaille d'Art.
- Scott, J. (2008). "I Remember: Dora de Pédery-Hunt". En The Globe and Mail. 14 de outubro.