División sexual do traballo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A división sexual do traballo refírese á asignación de tarefas diferentes ou responsabilidades diferentes a homes ou mulleres polo único motivo do seu sexo biolóxico.[1]

Introdución[editar | editar a fonte]

Sociedades preestatais[editar | editar a fonte]

Nas sociedades preestatais documentadas polos antropólogos durante os séculos XIX e XX, obsérvase que tarefas como a recolección de alimentos son na súa maior parte levadas a cabo por mulleres mentres que outras como a caza, a pesca e as actividades punitivas relacionadas coa guerra son maioritariamente realizadas polos homes. No entanto, existe unha enorme variabilidade nas formas que pode adoptar a división sexual do traballo, constatada ao longo e ao ancho do planeta en sociedades con diferentes niveis de complexidade.[2][3][4] Así, por exemplo, podemos citar como cazadoras ás mulleres woods cre do Canadá, as mulleres ache de Paraguai, as juuǂhõã de Namibia e Botswana, as mulleres baKola/baGyeli do Camerún, as mulleres tiwi de Australia, as agta de Filipinas etc.[3][5][6]

Nestas sociedades o modo de produción dominante é naturalmente a caza-recolección, aínda que se producen tamén outra serie de obxectos domésticos e prácticos necesarios para a vida cotiá: mobles, instrumentos, aveños domésticos, roupa e calzado, vivenda etc. Nas sociedades preestatais obsérvase ademais que o número de horas que homes e mulleres nestas sociedades levan a cabo para as diferentes actividades pode diferir abruptamente. Isto pode suceder mesmo en sociedades relativamente igualitarias e pouco xerárquicas onde moitas das decisións se toman en común, coa opinión de todos os membros do grupo étnico ou a aldea.

Sociais industriais modernas[editar | editar a fonte]

Tradicionalmente nas sociedades modernas cunha organización estatal e gobernos centralizados e sociedades formadas por millóns de individuos, predominou tanto en Occidente como en Asia e África un modo de organización social patriarcal, no que os postos con maior poder e influencia estiveron ocupados con maior probabilidade por homes que por mulleres. Nas monarquías herditarias a maior parte das veces o soberano foi un home, aínda que existen casos de emperatrices e raíñas, tanto en Occidente como en Oriente que herdaran o poder algún familiar masculino. En xeral estas situacións foron transitorias e o sistema estivo en gran parte dominado por individuos de sexo masculino.

En canto á organización da produción igualmente durante os séculos XVIII, XIX e XX obsérvase na maior parte dos países do mundo unha maior taxa de ocupación masculina en actividades remuneradas por conta allea. Até a segunda metade do século XX, as mulleres dedicábanse abrumadoramente a tarefas domésticas como única ocupación. Con todo, a aparición dun sector servizos cun gran número de empregos a partir da segunda metade do século XX, creou moitas máis oportunidades de emprego das mulleres fóra do seu fogar. Con todo, a taxa de ocupación feminina en actividades remuneradas segue sendo inferior á masculina en todos os países. Aínda que nalgúns países e só en décadas recentes chegouse a taxas de ocupación menos disparellas para homes e mulleres.

Aínda así o movemento feminista sinalou que nos postos mellor remunerados e con maior remuneración a proporción de homes segue sendo notablemente superior á de mulleres. En xeral as mulleres teñen menos autonomía económica, é máis probábel que ocupen postos a tempo parcial e en postos menos remunerados.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. M. Harris, 1994, 1998.
  2. Murdock, G. & Provost, K. (1973). "Factors in the division of labor by sex: a cross cul-tural analysis”, Ethnology 12, 203-225. (inglés)
  3. 3,0 3,1 Kay Martin, M. & Voorhies, B. (1978): "La Mujer: Un Enfoque Antropológico". Anagrama. (castelán)
  4. Boserup, E. (1993). "La Mujer y el Desarrollo Económico". Minerva Ediciones. (castelán)
  5. Noss, A. J. & Hewlet, B. S. (2001). "The contexts of female hunting in Central Africa". American Anthropologist 103 (4), 1024-1040.
  6. Estioko-Griffin, A. & Bion Griffin, P. (1981). "Woman the hunter: The Agta". In Dahl-berg, F. (Ed.), Woman the Gatherer, (pp. 121-151). New Haven: Yale University Press.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

En castelán

  • Harris, M., & Gil, G. (1994). Nuestra especie. St. Martin's Press.
  • Harris, M., Bordoy, V., Revuelta, F., & Velasco, H. M. (1998). Antropología cultural. Alianza editorial.