Deterxente

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os deterxentes son as substancias que teñen a propiedade química de disolver a sucidade ou as impurezas dun obxecto sen corroelo.

A palabra inglesa equivalente é detergent. O termo alemán empregado é tensid, que parece máis preciso, xa que fai referencia directa ás súas propiedades físico-químicas. En medicina enténdese por deterxer, limpar unha úlcera ou ferida, e denomínanse detersorios as substancias que se empregan para iso. Isto implica que poidan cualificarse como deterxentes substancias tan dispares como a saliva, o xabón ou a gasolina dependendo de sobre que superficies sexan empregadas, xa que cando limpan teñen un efecto deterxente.

Tamén podiamos entender como deterxente calquera substancia que ten a propiedade de disolver outra substancia incorporando a substancia disolta na substancia deterxente inicial.

A maioría dos deterxentes son compostos de sodio do sulfonato de benceno substituído, denominados sulfatos lineais de alquilos (As). Outros son compostos de alquilbencen sulfatos de cadea ramificada (ABS), que se degradan máis lentamente que aqueles. Até 1970 un deterxente típico de lavandaría de gran potencia contiña 50% de tripolifosfato de sodio (fosfato) e só un 18% de AS. Como se mencionou anteriormente é o As o que ten a acción deterxente, e desde entón algúns fabricantes reduciron a porcentaxe de fosfatos.

Propiedades[editar | editar a fonte]

Na vida diaria enténdese por deterxentes unicamente ás sustancias que disolven as graxas ou a materia orgánica grazas á súa tensoactividade. Este termo pasou da linguaxe industrial á linguaxe doméstica para referirse a eles en contraposición co xabón. Pero en realidade, o xabón é un deterxente máis.

Aínda que os xabóns comparten estas propiedades, os xabóns non son considerados na práctica como deterxentes. Os xabóns deben a súa tensoactividade á propiedade das súas moléculas de ter unha parte hidrófila (á súa vez lipófoba) e outra lipófila (á súa vez hidrófoba) e poder emulsionar a sucidade insoluble en auga. No xabón, esta propiedade obtense ao oxidar un ácido graxo de cadea longa cun sal alcalino, frecuentemente de sodio ou de calcio. Este proceso denomínase saponificación. O extremo da molécula que contén ao ácido graxo é lipófilo, e o que contén ao átomo alcalino é hidrófilo. Este foi basicamente a única sustancia tensoactiva utilizada a nivel doméstico até mediados do século XX.

Cando apareceron as lavadoras automáticas creouse unha demanda progresiva de sustancias máis activas e que se comportasen mellor en augas duras (máis ricas en calcio), xa que estas aumentaban a hidrosolubilidade do xabón, co que era arrastrado antes, diminuíndo o tempo de contacto entre o mesmo e a roupa. Isto sumouse á escaseza de xabón que se produciu durante a Segunda Guerra Mundial. Apareceron no mercado doméstico produtos deterxentes de orixe industrial que foron incluíndo mesturas de tensoactivos con outras substancias (coadxuvantes, como os polifosfatos, silicatos, carbonatos e perboratos, e axentes auxiliares que inclúen entre outras encimas, substancias fluorescentes, estabilizadores de espuma, colorantes e perfumes). Os primeiros deterxentes deste tipo, derivados do benceno, utilizáronse amplamente nos anos 40 e 50, pero non eran solubles nin biodegradables, o que os facía ecoloxicamente daniños. Unha segunda xeración de deterxentes, os alquilsulfonatos lineais, resultan menos tóxicos ao ser biodegradables.

O primeiro deterxente (xabonoso) fabricouse en Alemaña en 1907, e consistía nunha mestura de xabón tradicional ao que se engadiu perborato e silicato sódicos. Denominouse coas tres primeiras letras de cada engadido, Persil.

O deterxente, ao reaccionar coa auga, comeza a producir espuma, a cal é eficaz no lavado de calquera cousa (roupa, pratos, entre outras cousas). A auga disolve moitos tipos de sucidade, pero non a graxa. Determinados sales de sodio, coñecidos como xabón, descompoñen a graxa e permiten lavala con auga. O xabón elabórase facendo reaccionar hidróxido sódico con graxas ou aceites, animais ou vexetais. Con todo, algunhas augas conteñen substancias que reaccionan co xabón e dan un po branco insoluble que forma espuma.

Deterxentes acedos[editar | editar a fonte]

Os deterxentes acedos son recomendados para limpar superficies de concreto ou materiais pétreos, pois recuperan a aparencia estética de fachadas e muros, diminuíndo os tempos de limpeza.

Estes produtos ofrecen as seguintes vantaxes:

  • Limpa rapidamente.
  • Mellora a aparencia e adherencia das superficies.
  • Non mancha.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]