Dereito civil
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde novembro de 2011.) |
O Dereito civil é unha rama do Dereito que pode definirse, seguindo a Hernández Gil, como Dereito privado xeral, que ten por obxecto a regulación da persoa na súa estrutura orgánica, nos dereitos que lle corresponde, como tal, e das relacións derivadas da súa integración na familia e de ser suxeito dun patrimonio dentro da comunidade.
O Dereito civil trata sobre as relacións xurídicas entre particulares, e abrangue, máis concretamente: o Dereito de Familia, o Dereito de Sucesións, e o Dereito patrimonial. No Dereito civil residéncianse as cuestións relativas ao estado civil das persoas, maior ou menor idade e a incapacitación, o matrimonio, o seu réxime económico e a súa disolución, todo o relativo á herdanza e á sucesión por causa de morte; todo o relativo ao patrimonio (dereitos reais, posesión e propiedade, servidumes, usufrutos, hipotecas etc.) as obrigas extracontractuais e os contratos privados coma compravenda, alugueiro, permuta, empréstito, depósito, doazón... (exclúense os contratos mercantís, os contratos de traballo e os contratos públicos ou administrativos que son estudados por outras ramas do dereito).
En España séguese a tradición herdada do Código Civil francés de Napoleón, recollida basicamente no Código civil español de 1889 aínda vixente. A tradición francesa é, á súa vez, herdada do dereito romano. Este sistema contraponse aos sistemas de dereito baseados na tradición xermánica ou na tradición anglosaxoa.
O Dereito civil de Galicia
[editar | editar a fonte]Galicia conta cun Dereito civil galego propio, de carácter eminentemente agrario, que aínda sobrevive a pesar de que o Código civil español de 1888 impuña un mesmo dereito privado para toda España, permitindo con moitas limitacións a pervivencia dos dereitos forais, alí onde existisen (entre eles, o dereito de Galicia), o que case significou a súa desaparición.
As institucións xurídicas máis salientables do dereito civil propio de Galicia son as referidas aos montes veciñais en mancomún, os montes abertais, os muíños de herdeiros, as agras e vilares, as serventías e a particular regulación das servidumes de paso e dos arrendamentos rústicos.
Os congresos de dereito galego celebrados na Coruña (1973, 1985 e 2003) cunha completa representación dos mellores xuristas galegos, trataron de revitalizar as institucións de dereito civil de Galicia.
No ano 1963, case que un século despois da promulgación do Código civil, publicouse a Compilación de Dereito Foral de Galicia por parte do goberno central mediante a lei 147/1963 do 2 de decembro, que intentou recuperar a memoria das tradicións xurídicas galegas.
A Constitución española de 1978 recoñece a competencia das asembleas das comunidades autónomas para ditar normas de conservación e desenvolvemento dos dereitos forais alí onde existan con algunhas materias (coma as formas de celebración e disolución do matrimonio) excluídas sempre da súa competencia.
No ano 1995 promulgouse a primeira Lei de Dereito civil de Galicia ditada polo parlamento galego, que recoñece o costume como primeira fonte do dereito en defecto de lei aplicable, e que deu carácter legal a costumes aínda pervivintes, coma o testamento mancomunado e recoñece o dereito de adquisición das servidumes de paso por prescrición.
No ano 2006 ditouse unha nova Lei de dereito civil de Galicia, redactada por un grupo de notarios e catedráticos. A nova Lei incorpora cuestións de nula tradición galega, como a adopción e a protección de menores e reduce o dereito de lexítima do 33 por cento ao 25 por cento, punto no que se afastou expresamente das conclusións no Congreso de Dereito civil de Galicia de 2003.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Lei de dereito civil de Galicia |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Dereito civil de GaliciaArquivado 17 de xaneiro de 2015 en Wayback Machine..