Departamento de Morazán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Morazán é un departamento do Salvador situado na zona oriental do país. Limita ao norte coa república de Honduras; ao sur e ao oeste co departamento de San Miguel, e ao sur e ao leste co departamento de La Unión. A súa cabeceira departamental é San Francisco Gotera.[1] Morazán comprende un territorio de 1 447 km² e conta cunha poboación de 251 447 habitantes (2018).

Cabana en Llano El Muerto, Morazán
Cabana en Zona norte de Morazán
Rio Sapo en Morazán
San Lucas del Valle
Gobernadores de Morazán

Historia[editar | editar a fonte]

No departamento aínda se conservan rastros da presenza dos paleoindios —primeiros poboadores do Salvador— na Cova do Espírito Santo, un sitio arqueolóxico con pinturas rupestres nas proximidades do municipio de Corinto. Na época previa á conquista española, Morazán estivo habitado por indíxenas lencas.

Na época colonial, o territorio estivo subdivido nos partidos de Gotera e Osicala. Foi creado co nome de departamento de Gotera o 14 de xullo de 1875, por disposición do presidente Santiago González. Por decreto da Asemblea Lexislativa recibiu o seu nome actual o 14 de marzo de 1887, en homenaxe ao unionista centroamericano o xeneral Francisco Morazán.

Durante a Guerra Civil do Salvador, Morazán foi unha das zonas máis disputadas do territorio nacional. O Exército Revolucionario do Pobo, unha das organizacións integrantes do FMLN, concentrou unha numerosa tropa insurxente en varios campamentos na zona norte do departamento. Así mesmo, preto de Perquín estivo instalada a base de operacións de Radio Venceremos. En 1981, unha unidade da Forza Armada do Salvador perpetrou preto de Arambala o Masacre de El Mozote, na que morreron uns 1 000 campesiños.

Algúns personaxes soados nacidos no departamento son o educador Joaquín Rodezno, e o expresidente da República Fidel Sánchez Hernández.

O 11 de maio de 2021, O Presidente Nayib Bukele nomeou a David Sorto como Gobernador Departamental e a Brayan David Aparicio Portillo, Gobernador Suplente.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Vista panorámica desde Perquín.

O departamento atópase na parte nororiental do Salvador. O seu territorio atópase a unha altitude de entre 500 e 1000 metros sobre o nivel do mar e ten unha topografía relativamente accidentada. Entre as elevacións máis importantes atópanse o Cerro El Pericón, preto da fronteira con Honduras; e o Cerro Cacahuatique, sendo este o punto máis alto de todo o territorio situado a 1.663 msnm.[2]

A precipitación media anual en Morazán varía entre 2300 e 2600 milímetros. Algúns ríos do departamento son o Torola, Tamarindo, Cañas, Yamabal e San Francisco, case todos eles pertencen á conca hidrográfica do Río Grande de San Miguel.

Municipios[editar | editar a fonte]

Morazán está subdivido en 26 municipios:

Municipio Territorio Poboación
Arambala 114,21 km² 2 129 hab.
Cacaopera 135,73 km² 10 558 hab.
Chilanga 34,33 km² 9 105 hab.
Corinto 94,99 km² 17 557 hab.
Delicias de Concepción 20,22 km² 4 980 hab.
El Divisadero 61,36 km² 8 058 hab.
El Rosario 19,12 km² 1 296 hab.
Gualococti 18,62 km² 3 336 hab.
Guatajiagua 70,77 km² 10 907 hab.
Joateca 66,27 km² 3 886 hab.
Jocoaitique 51,85 km² 2 325 hab.
Jocoro 63,56 km² 10 543 hab.
Lolotiquillo 22,62 km² 4 867 hab.
Meanguera 47,25 km² 8 523 hab.
Osicala 47,05 km² 10 492 hab.
Perquín 109,01 km² 3 986 hab.
San Carlos 39,94 km² 3 870 hab.
San Fernando 26,93 km² 1 036 hab.
San Francisco Gotera 59,76 km² 21 852 hab.
San Isidro 11,51 km² 3 414 hab.
San Simón 39,14 km² 9 583 hab.
Sensembra 22,02 km² 3 357 hab.
Sociedad 118,32 km² 15 506 hab.
Torola 58,26 km² 1 557 hab.
Yamabal 84,08 km² 3 871 hab.
Yoloaiquín 13,51 km² 3 964 hab.

Fonte: Directorio Municipal da Fundación Dr. Guillermo Manuel Ungo

Economía[editar | editar a fonte]

Morazán é xunto con Cabañas e Chalatenango, un dos departamentos máis pobres do Salvador. Como outras rexións que foron afectadas polo conflito bélico da década dos anos 1980, existe un importante número de familias receptoras de remesas familiares enviadas por parentes que se exiliaron durante a guerra.

A economía de Morazán é predominantemente agrícola. No seu territorio cultívase cana de azucre, café (na zona de Joateca), henequén, aguacate, ananás e froitas cítricas. Tamén é importante a crianza de gando bovino e de aves de curral; así como a fabricación artesanal de chapeus de palma, obxectos de tule e produtos de henequén. En Guatajiagua existe a tradicional produción de potas e comais de barro negro.

Turismo[editar | editar a fonte]

Nos últimos anos desenvolveuse o turismo en varias zonas do departamento. En especial a chamada «Ruta de Paz», en honra da tranquilidade imperante na zona despois do conflito armado que arrasou esta rexión. O percorrido inclúe os municipios de Meanguera, Jocoaitique, El Rosario, Arambala, Joateca, Perquín, San Fernando e Torola

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Por Decreto Lexislativo No. 147, do 16 de novembro de 2006, publicado no Diario Oficial No. 230, Tomo No. 373, do 8 de decembro de 2006, determinouse que a cabeceira departamental de Morazán denominaríase oficialmente no sucesivo como "San Francisco Gotera". Ao respecto véxase o Arquivo Dixital do Diario Oficial da Imprenta Nacional do Salvador: Diario Oficial do 8 de decembro de 2006
  2. "13°46'14.1"N 88°12'39.9"W". Consultado o 2020-12-10. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Atlas Geográfico Universal y de El Salvador. Editorial Océano. Edición 1995 ISBN 84-494-0135-6

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]